Todo nada
I'm lovin' it. Nós queixámonos de
colonialismo, pero hoxe esmendrelleime vendo o
ex da britnispirs bailando flamenco nun tablao de Madrid empapelado co logotipo de
McDonald's. Que opinará
Antonio Burgos de todo isto? Estará
jarto de ser unha colonia?
Justin Timberlake, Orlando Bloom... eran estes os homazos que nos prometía o século 21? Pois vaia. Nesa onda, e sen ser tampouco o meu tipo, eu sigo propoñendo a
Xulio Abonjo como sersimbol local, que lle ten un aire aos dous.
Falando de homazos, e de culturas normalizadas, o martes flipei coa declaración de
Superpiñeiro a
Guillermo Montesinos:
"eres un actor como la copa de un pino, y tú lo sabes". Eu xa vin máis altas copas que calquera destes dous. Con desculpas para Montesinos, un actor que sempre me caeu ben e que me dá lástima velo no Supermartes.
Tamén eu me dou lástima vendo o Supermartes, pero gracias a iso puiden pillar un avance do
Rei da Comedia, que empeza dentro dun cacho e no que participa un coñecido,
Xoán de Vilaxoán, e mais outra rapaza loira que vin actuar no Fórum a semana pasada e coa que rin moito do ben que imitaba o
coruño recalcitrante. Espero que lles vaia ben e non acaben coma outros, facendo o parvo no programa anteriormente citado. E se non fan máis gracia que
Emilio Aragón na súa nova serie (que tamén se
estreou hoxe) é pa matalos.
ME PARTO. A
AVT organiza unha concentración ás portas do lugar onde se celebran o sábado
os premios Goya para protestar pola candidatura de
La Pelota Vasca como mellor documental. O lema é
'Víctimas contra el pelota vasco. La piel y la nuca contra la bala'. Que enxeño. E van repartir pegatinas coma as do ano pasado que poñan
No a ETA, para que as poña quen queira. Estou desexando ver quen se apunta, lástima que o sábado teña mellores comenencias (de índole etílica, si) que ver na tele Noche de Fiesta, ui perdón, a Gran Noite do Cine Español.
Tomemos cartas no asunto. A baralla do Prestige é unha feliz idea que xa puidestes ver en tamaño xigante na manifestación do pasado
16 de novembro, e que na
Burla Negra estaban pensando en comercializar. Pois mira ti que un tal
Avelino Camba mandoulles dende Panamá un cargamento de barallas inspiradas na arte de Heraclio Fournier e nos responsables da traxicomedia do Prestige. Na
web da burla tedes máis información e a maneira de conseguila, para animar as vosas veladas de truco, escoba, chinchón ou subhastado.
Pero se vos presta máis o póquer, ou simplemente renegades da baralla por ser "española" (hai xente para todo), recoméndovos
estoutra que fixo o blogueiro
EMF e que podedes descargar de internet, inspirada na francesa e realmente currada (case tanto coma o seu licor-café) cos caretos e as frases dos máis buscados.
Pereiro,
hoxe:
(...) Un consello ós cataláns, que non lle houbo que repetir ós madrileños: voten ás dereitas como todo o mundo, e fóra problemas. Miren o ben que estamos aquí, sexa aquí-aquí ou de camareiros en Canarias.
O filme homónimo
Mentres
uns e
outros lle dan voltas ao tema de
Carod-Rovira e na rede propágase unha
campaña para que lle concedan o Nobel da Paz, eu sigo falando de cine que -parece- é o meu. Non podía pasar sen ver unha peli de tan eufónico título como
Todo ou nada. Espléndida, como todo o que lle vin a
Mike Leigh. E qué actores, deus, qué actores, tan pouco glamurosos e tan impresionantes. Pero pasoume o peor que che pode pasar vendo un filme de amargo realismo proletario: que se che sente ao lado unha pija coruñesa acompañada do seu mozo non menos pijo e coruñés e se pasen as dúas horas botando risitas, cando a peli esta maldita a gracia que ten. A pija, unha loira duns 35 anos tipo
María Porto, ríase especialmente cada vez que saía en pantalla alguén moi gordo ou moi feo (e saen uns cantos). A piques estiven de arrebolarlle un sopapo en máis de media ducia de ocasións... pero só a piques. Onde está a agresividade cando máis se necesita?
Estrés. Din que as mulleres temos unha capacidade innata (e inaccesible aos varóns) para facer dúas ou máis cousas ao mesmo tempo, pero cando a repartiron eu debía estar por aí tomando unhas chiquitas. Intento prestarlle atención a
"As leis de Celavella" de paso que blogueo pero nin se me ocorre nada digno dun post nin a serie me dá enganchado. Nos próximos días vou ser unha muller estresada así que é posible que a miña blogorrea teña cura. Non me chegan as horas nin as neuronas para atenderlle a todo. Non son superwoman,
que diría a outra.
E se cadra así recupero temas inéditos de conversa, vai ti saber.
Canta razón
Escaneouno do Jueves
Deneno, hai xa un par de meses. Non teño máis nada que engadir.
Aquí estou, recompoñéndome dunha intensa e produtiva fin de semana compostelá que consistíu basicamente en:
Sarao audiovisual e
copas gratis no Capitol. Normalmente o primeiro é difícil de levar se non é polo segundo, pero alcol e paripé case nunca é boa mestura. O que si vin a moita xente e xuntei unha boa tropa de amigos, meus e do bebercio de gañote, e ao final aínda o pasei ben.
***
Tarde resacosa de sábado, ideal para despachar dunha vez
O retorno do rei. Inxiro un litro de cocacolalait a prezo de cubata, pásanseme axiña as 3 horas e media e saio preocupada porque me quedei pillada con Legolas, menda que sempre foi de Aragorn. Vai ser verdá que nos empezan a gustar os homes sensibles…
***
Cea na
Espeteira, o restaurán que abriu hai pouco en Santiago o fillo máis novo de
Avilés de Taramancos. Moi rico todo e moi ben posto. Se os reis me trouxeran unha cámara dixital como lle trouxeron este ano a todo dios podería quitarlle fotos ao pastel de cenoura e alloporro, ao milfollas de grelos, ao espeto de bacallau, ao magret de parrulo ou á mazá asada con salsa de toffe e poñelas aquí igual que fai Nacho Canut co seu
diario gastronómico. A conversa da cea foi ademais monotematicamente gastronómica, pero quédome cunha boa frase: qué axiña se apatrona un.
***
Regreso de madrugada pola
N-550: Deixebre, Mesón do Bento, Tabeaio… é unha das estradas que máis me gusta dende o punto de vista toponímico. E o das paisanas vendendo grelos ao pé da estrada, como bizarrada enxebre tipo anuncio de Leyma tamén está curioso. Non ás 5 da mañá, claro. A esas horas quen habita a estrada son
tuneiros que veñen de saír en Ordes, maiormente, co que hai que tomarse a conducción con especial sentidiño. Polo menos nós.
***
Nova vocación: Para acabar de ser unha muller supermoderna, amigas, e dado que cada vez me queda menos vergonza, decidín que
quero ser dillei, anque sexa por unha noite. Por que non? Ocórreseme un cento de cancións coas que facer bailar a coñecidos e descoñecidos e que non se escoitan normalmente nos sitios que frecuento. E tense que ligar mogollón. Así que se alguén que lea isto ten un garito e pouco que perder, que me deixe recado.
Burleiros (e III). Perdoade a brasa, pero é que dá gusto dar boas noticias sobre os amigos da
Burla Negra. Nada, que
Séchu Sende vén de gañar o
Premio Blanco Amor de novela. Parabéns!!
Por certo, o
Foro Negro segue andando, vía web e listas de correo. Se tedes curiosidade ou interese,
xa sabedes.
Burleiros (II). Temos outro blogueiro ilustre:
Carlos Santiago, que vén de parir
OFF, un
espacio telegráfico, semanal e antirromántico, que
promete derrubar ao governo con poemas escatolóxicos. A ver se é verdá. Benvido, Carlos.
Man
Burleiros (I). A xente da
Burla Negra e veciños de Camelle e doutros lados da Costa da Morte están poñer en marcha o proxecto
Man por man: que rule a libreta de Manfred por toda Galiza para que cadaquén deixe a súa mensaxe. Pero por se non chega ás vosas mans, os de
Finisterrae tamén a puxeron a andar
en internet. Ídelle dando.
Son famosa? Vendo o
Vieiros de onte e
A Nosa Terra de hoxe éntrame (de novo) certo pánico escénico. Por riba chámanme dunha radio para convidarme a participar nunha tertulia sobre homes e o que me entra é complexo de
Pilar Rahola. Uf.
A fama (?) debe ser así de absurda. Non sei que é peor, ver a
Alberto Comesaña na selva dos famosos ou a
Ángela Carrasco, Juan Camus e
Marlene Mourreau no Gran Hermano Vip. Pero dáme igual: só penso no pobre
Gayoso, que está quedando sen estrelas. Os realities deben pagar mellor ca
Luar.
Thirteen
Ta guai
a peli esta. Quen volvera ter trece anos para, desta vez si, ser
a tía máis popular do instituto... Ou
non?
O horror...
...e a mala hostia de algún informático. Os do
Periodista Digital para cachar estas movidas si que son intrépidos.
Deus cho pague, María
Se o que fan falta son rubias
que aparten esta xente da política , son quen de tinguir o pelo e facerlle un favor ao país. Arriba o concubinato se é polo ben común.
E pousa
Aínda non coñecedes a
Superputa? Son un grupo de electroclash medio coruño medio catalán que leva tempo arrasando nos antros máis modernos de madrí. Na web podedes escoitar grandes jits con reminiscencias galaicas: un remix de 11 minutos do "Pousa" (
Pousa total LSD Power), outro titulado
Baile Señor Cura ou unha versión electro-gótica do
Conxuro da Queimada. Indescritíbel.
Un día destes estendereime máis sobre este de-xénero da canción, que tanto faría falta importar á Galiza. Tranquis, polo que oín axiña nacerá o
Consorcio Galego do Electroclash, e a cousa promete.
Pero xa postos, e xa que enlacei antes ao seu
blog, tamén vos recomendo os
Focomelos: o primeiro grupo da historia que compón a súa música cunha pleisteixon. Para iniciarvos, non deixedes de chuzar
Soy una asistenta ou
Mami, me he tragado el disco de Depeche Mode.
Está visto: os instrumentos musicais sonvos cousa do século pasado. Síntoo pola túa
nova Fender, jean-sol.
Xa está aquí. Aínda non viron os nosos ollos o blog de
YC (paciencia,
Pawley), pero sí o diario apócrifo de
Letizia Ortiz. A ver o que dura!
Vía focoblog.
Mai più. As estrañas coincidencias do
Blogger lévanme a atopar este
blog italiano sobre o Prestige, ben actualizadiño e documentado, e con referencias a Suso de Toro, Urdaci ou Nunca Máis. Polo visto os petroleiros ameazan tamén a Bocche di Bonifacio e a Laguna di Venezia. As barbas do veciño e todo iso.
Falando de South Park... Que carallo fan un tipo de
Xustás (Cospeito) e outro de
Cotá (Friol) en
Park City (Utah), ademais de pasar un frío do demo? Pois o primeiro,
Luis Tosar, presentar
Te doy mis ojos no festival de
Sundance. O outro, o amigo
Longarela, cubrindo o evento para
La Voz de Galicia. Os lugochos ímonos xuntar a cada sitio...
Autorretrato?
Xa son un personaxe de
South Park, igual que
ascárida e
willy sifones. Gracias a eles e aos que argallaron
este xogo. Probai, probai...
Gambrinus Road. Ultimamente non paro de mercar trapitos. Baixar dúas tallas dálle sentido a iso que chaman "renovar o fondo de armario", e as rebaixas, o meu vello consumismo e un vale do cortinglés están a lle dar contido. Se a semana pasada tocou esquilmar o Andar Mozo do citado centro comercial e a tenda de confección
dun tal Amancio, este sábado desquiteime no
mercado da Agrela (
agra cativa,
jean-sol), do que me falara miña irmá: 2 camisetas, 2 ringos, un garsé e unha chaqueta, moi modernos e poñedores (gracias,
Cesare!) todo por 21 euros. Gran achádego, abofé. Xa son unha muller alternativa porque compro en mercadiños, só me falta o
piercing para que me poidan entrevistar na páxina 2 do
Tentaciones. E, qué pasa, síntome máis cerca de
certa poetisa galega, á que
"le gusta combinar prendas de firma (compradas en A Mouga) con otras de mercadillo, de los que destaca los de París y Londres" [revista
Glamour, outubro 2003]. Tamén temos en común sermos filla (eu) e neta (ela) de costureira:
"Influíu bastante na miña teoría de que non hai que gastar moito para vestir" [revista
Compostelán, decembro 2003]. Ben, Gambrinus non é
Portobello Road; aos arranxos da miña vella eu non lles chamo "customizar"; ela conta nas revistas de moda e tendencias o que pon para vestir e eu boto por fóra neste humilde blog e, en xeral, non teño tanto glamour coma
Mrs. Brown. Nin falta que me fai.
Santo Antonio
Parabéns a todos os
Antóns, Toñitos, Tuchos e Tonechos. Pero a verdadeira efeméride de hoxe é o centenario doutro cantante mítico, de pai galego pero negro coma o tizón:
Antonio Machín.
[De
Documentais galegos, e parte III]
Unha de mitomanía. Para rematar esta semana de estreas de documentais galaicos, vimos
"Pucho Boedo: un crooner na fin do mundo". Con este título o director non pode ser outro que
Xurxo Souto, e o impulsor do proxecto o fan nº2 de Pucho, outro crooner moderno chamado
Paco Lodeiro. Certamente emocionante este documento, que percorre a vida do
cantante do Ventorrillo dende o seu nacemento na Ramalleira e o asasinato de seu pai e irmán, sindicalistas anarquistas, no 36, ata os días de gloria en Venezuela cos
Satélites e en Suíza cos
Tamara, os de 'rei de la noche' madrileña ou os de diálise e últimos cubatas cos futbolistas
Amador Cortés e
Paco Buyo en Mallorca (un tío de meu balear, que tamén foi bon peixe, asegura ter tomado copas con el nos anos crápulas dos 70, época dourada das
salas de festas). A derradeira actuación de Pucho foi no especial de noitevella da TVG do ano 85. Xa non se tiña, pero cantaba
O vello e o sapo coa mesma paixón que volvía tolas ás rapaciñas de Agrela nos anos 40 e 50. Agradecín outro rescate, o de
Prudencio Romo, compositor das mellores pezas dos Tamara e por ende das mellores pezas da música lixeira en galego, que vive retirado en Noia e goza de estupenda saúde e lucidez, vese que el era o cerebro do grupo e o outro era, ademais da portentosa gorxa, o castigado fígado. En fin, oxalá poidades ver o documental, se pode ser en compañía dos vosos maiores, contemporáneos de Pucho Boedo, seguro que lles chega á alma.
Compro argumentos para o isolacionismo. Con isto de internet cada vez me quedan menos: se nos EUA
non dan ubicado a miña lingua e mesmo unha portuguesa di que non entende nada, os de
Sex in Lisbon carallo se entenden. Mirade
como me poñen por insinuar que en Portugal fodían pouco. Chámanme "Hermano", sarcasticamente, e "Maricón", sen sarcasmos. Xa lles aclarei o meu xénero e expliquei que era brincadeira (nin que por aquí arriba fosemos máquinas sesuais), e parece que colou, pero o tema principal non era ese senón a suposta orixe española da aldraxante, que tamén lles rectifiquei.
Maria, se não és espanhola, então estás desculpada, contestaron. Ai, estes e
ñes incriminadores... dende logo, a normativa esta de concordia ten pouco.
Dilema linguae habemus. Axudaime.
[De
Documentais galegos, parte II]
Ai, Muxía. No
CGAI hoxe tocaba
"Muxía, política na Costa da Morte", un docu de
Ricardo Llovo e do que é coguionista e productor executivo
Andrés Mahía. Tratábase de retratar os veciños da zona cero durante os 15 días anteriores ás eleccións do 25 de maio, co resultado que todos coñecemos e moitos esperabamos. Había opinións e razonamentos de todo tipo, moi simples ou moi complexos segundo se mire. Os galegos cando queremos somos moi revirados, xeralmente apelamos ao sentido común pero dámoslle mil voltas ata viralo a onde máis nos convén. Non sei se me explico ou se me estou revirando de mais. En todo caso, o documental é para cabrearse, entristecerse, pero sobre todo para quedarse coas irmás
Elvira e Carmen Varela, octoxenarias pero das do non, que gozan indo ás manifestacións (menos cando lles fan anicarse, que logo non son quen de se volver erguer), que lle chaman a Aznar terrorista e parvo ao Rei. Que hai que facer para ter unha avoa así?
Paco, xoooo!
Cando pensamos que as ocorrencias do noso alcalde
xa non poden ir máis lonxe,
Sir Francis sempre nos sorprende. Ía escribir un non menos ocorrente post sobre a nova
policía montada da Coruña, pero
Pereiro xa o fixo mellor ca min:
O mundo desgárrase abraiado ante a contemplación dun presidente planetario que, nada máis chegar ó mando, tiña entre cella e cella facer unha guerra (é decir, suponse que xa tiña a idea antes, pero non podía levala a cabo) e logo buscou os argumentos para facela. Europa mira asombrada –relativamente- cara Italia, onde o Tribunal Constitucional revoca a impunidade que se dera a si mesmo o presidente, para evitar que o procesaran por comprar xuíces. España pasma entre o lanzado que vai Rodríguez Ibarra e o cortos que se quedan os demais. Sada alucina coa afirmación de que o de alí non é transfuguismo. Soamente na Coruña se debaten cuestións serias e de fondo. ¿Fai falta ou non unha policía montada? Evidente e modestamente, si. (Segue...)
Vacas sagradas
Despois do documental tomo unhas cañas cun par de amigos proto escritores/guionistas que comparten penas e inquietudes. Un de Ourense e o outro de Madrid. Rajamos sobre o mala que é
Paco y Veva, sobre
Silver Kane (aka
Francisco González Ledesma), autor español de novelas de vaqueiros, logo acordámonos de
John Balan, tentámoslle explicar ao de Madrid algo de cómo funciona a política lugocho-ourensá, discutimos sobre as comedias británicas e as películas dos
Coen, sobre cánto debería cobrar un guionista... Ao chegar á casa blogueo vendo o final da
Selva dos Famosos, con
Albertito Comesaña chorando porque pasa fame e non durme, pero sobre todo porque os compañeiros o miran mal. Non me esperaba menos, e nominado está. Logo cambio aos
concertos de Radio 3, onde actua un grupo ben pavero chamado
Cows in Love, que son uns Hare Krishnas que viven e ensaian nunha
aldea de Guadalajara, e onde foron parar os membros de
Undrop (lembrades o
There is a train... do anuncio de Pepsi?). Veñen de sacar un disco do que destinarán os beneficios, se os houber, á
"Asociación pola defensa da vaca". Non é coña,
aquí tedes unha crónica de
Jordi Costa, que asistiu a unha cerimonia que estes fixeron de homenaxe á vaca. Uf, moita información absurda nunha soa noite. Mellor voume deitar.
[De
Documentais galegos, parte I]
Welcome to Korea. Esta é semana de estrea de documentais no
CGAI. Hoxe vimos
O que dis que din, un estupendo documental de
Emilio Mac Gregor (director de
Mareas Vivas) sobre un taller audiovisual que fixeron con xitanos de Labañou e O Portiño. Varios momentos gloriosos:
Paco Lodeiro explicándolles aos rapaces a diferencia entre información e opinión (tantos anos que pasamos na facultade, e mira ti que facil era); os xitanos facendo auténtico xornalismo televisivo por Coruña adiante cun micro e unha DVcam, enquisando a paseantes sobre o botellón e as drogas, contando a historia do seu barrio, entrevistando os patriarcas, visitando a refinería, opinando sobre o Prestige, cantando flamenco, bailando breakdance, asistindo ao culto evanxelista, soñando co que queren ser de maiores, recibindo ilusionados a visita de
José El Francés... En definitiva, unha peza honesta, ocorrente e moi reveladora. Está moi ben ver documentais sobre as tribos de Malasia, pero logo descoñecemos e, por tanto, desconfiamos de quen temos ao noso carón ou vive ao pé do noso barrio.
Korea é hoxe un pouco máis nosa. A mágoa é que, como tantos outros productos audiovisuais patrios, non vai ser doado de ver. Se o emite a TVG será ás catro da mañá, pero se tedes ocasión por outro lado, non o perdades.
Moi non plus
Sei dalgún que está de sorte.
Jane Birkin, musa sixtie e máis que potable cincuentona, achégase ata Xixón para
actuar o 28 de xaneiro. E o 26 e 27 en Madrí, no exclusivo Calle 54, o
tablao dos Truebas e outra peñita guai. Cadra entre semana, pero unha musa é unha musa. Non si, Jacarezinho?
Garage days
Fun ver esta
trapallada de película, que prometía contar algo interesante sobre a escena garage ou punk australiana pero que resulta ser unha comedia imberbe sobre os típicos rapazolos que queren ser estrelas do
rock-poc. O prota é un australiano pánfilo con cara de australiano pánfilo e un sex-aquel que bueno, xa o vedes na foto. E o resto, moita reviravolta visual (iso que nunca falte), pero bastante cutre. O director é un tal
Alex Proyas, que xa perpetrara aquela película infame titulada
O corvo. A rima fácil co seu apelido neste caso está xustificada.
Se queredes ver unha boa peli sobre grupos de rock pillade, nun videoclub decente,
The Commitments, Hedwig and the angry inch, 24 hour party people... anda que non hai. En Australia, quitando a
Kylie e o
trompetista do himno de Riego, xa pouco hai que rascar.
De nada! Unha blogueira de California
dáme as gracias por linkar á súa web sobre os Sims. Copio e pego (e flipo):
I have no idea what this person is saying about me, but I am amusing myself over here by trying to guess! I definitely see "extraordinary lives" in there somewhere. Is the language Portuguese? Is "gracias" correct?
É correcto, pequena. E a lingua é
galego, parecido ao portugués. Isto de poñer
estatísticas e saber dende onde te visitan manda moito truco.
Thank you! (dise así na lingua do imperio?)
En América
Non vai ser unto todo o que me entre polos ollos. Viva Sergio Leone. E viva o DVD.
O blogmillo intelectualízase! E un escritor, si, procedente do papel e do mundo editorial, novelista, contista e poeta, e un dos menos repunantes do actual panorama literario, estrea blog.
Cabrafanada é o
cosmocaderno de
Fran Alonso. Non se confundir coa
cosmoaxenda que regala este mes a entrañable revista
Cosmopolitan. Benvido, Fran. E a ver se poñemos comentarios. ;)
GH. Gaña
unha tipa de Salou cun evidente transtorno mental. Para que se vexa que a televisión non discrimina a ninguén, máis ben o contrario (por máis que a primeira en saír fose
outra freak transtornada). Xa temos o personaxe empalagoso do 2004. Síntoo,
Letizia.
E non, tampouco sei que carallo fago vendo
Gran Hermano.
Luar. Tras a espectacular actuación de Bustamante e o seu histérico coro de fans touresas, Gayoso presenta a
Farruco. Vestido de Farruco, non de Alfonso de Miranda,
Xosé Luis Bernal conta os contos de sempre, os mesmos que na miña familia sabemos de memoria logo de moitas viaxes con
"Caralladas", ese superventas, chuzado no casete do R-18.
Moi bien, moi bien, moi bien. Ninguén en Dona Dana ri, e a min séguenme parecendo os seus chistes moito máis graciosos ca un tipo con casco dicíndolle a seu suposto pai
"Pasa de todo, tío". Non me gusta a nostalxia, pero non podo evitar poñerme triste. E cabrearme: coa tarde tan boa que vai, non sei que ostias fago vendo Luar.
Galiza ceive e olé
Pido desculpas a quen se queixe de que copio sistematicamente da
VA-CA (o de 'descaradamente' xa o teño asumido), pero eu prefiro chamarlle 'facerme eco', neste caso dun texto sobre a
proliferación de tablaos flamencos na Galiza, debido a que se tes unha licencia de 'tablao' podes pechar unha hora e media máis tarde que se tes licencia de pub. Súmome á petición vaqueira para que os garitos da Galiza se convirtan todos en tablaos e así podermos prolongar a esmorga. Tarasca incluído. Anque houbera que cambiar o "Grándola" por "Mi carro". Bisnis is bisnis, ou a vaquiña polo que vale, non é certo?
Adeus, Sims
Onte reencontreime por última vez cos meus
Sims. Levaba ben tempo sen xogar, meses. Cortara de forma radical ao ver que botaba horas e horas nas que só conseguía que os bos dos Sims vivisen mellor ca min: tiñan a casa recollida, comían ben, relacionábanse con outros Sims... e eu ás tantas da mañá mirando para eles sobre a cama desfeita e coa louza sen lavar. Creo que o deixei cando me decatei do aburrida que era a vida dos meus fulaniños virtuais, un auténtico retrato da alienación moderna na que as 24 horas do día non che dan para traballar, durmir, arranxar a casa, tentar divertirte, estar cos amigos ou botar nunha parella. Tristísimo. Pero mira ti que me entero por internet de que
hai Sims que teñen unha vida extraordinaria, que lles pasan cousas incribles, unha vida sexual axitadísima (a miña última ghicha ao máximo que chegou é a mercar unha cama mastubatoria, a 80$ a palla), fan unhas festas monumentais, collen unhas cheas tremendas... e os meus a velas vir. Alegorías á parte, fico máis tranquila cando penso que para chegar a eses niveis hai que botar moitas horas, semanas, meses, xogando. Sen facer a cama, sen lavar a louza, sen ler, estar cos colegas, ir ao cine ou tomar unhas birras por aí. Négome a que os Sims vivan mellor ca min. Que lles dean.
Meu probe
Aznar chora porque se vai. Beiras chora porque se vai. Fraga tamén chora, pero non se vai. Aznar e Beiras aprenderon de Fraga esto de chorar nos discursos. Beiras e Fraga aprenderían de Fidel, outro que tampouco se vai. Veño de ver
Comandante, un documental no que Castro fai de todo menos chorar. Está tufo o cabrón, e ten unha retranca excelente propia dun fillo de lancarés. Quen lle dera ao noso presidente, que
só lle leva catro anos... Sen ánimo de comparar, claro.
Quero unha!
Eu propoñendo
eslogans pepeiros para camisolas, e o amigo
Valiño xa se adiantou. Gracias, Álvaro, por
avisar... Como me podo facer con unha?
De novo, Portugal. Uso o mesmo blogueadoiro que
Cesare, e o azar lévame a atopar tamén outro blog sobre ferretes, pero non preciso tradutor: En
Sex in Lisbon, dous amigos chamados
Sofia e Sebastião vão falar de tudo o que se fala nos dias (e principalmente nas noites) de Lisboa. Dáme que aos lisboetas se lles vai todo pola boca, porque as fotos que sacan son de manual de sesualidá de primeiro de catecismo... De ferrete en ferrete, estes lévanme a outro moito máis animal, con críticas de fodas e de conas incluídas:
O meu pipi. Calquera dos dous ten unha burrada de comentarios. Moito bloguean estes lusos, e moi pouco deben foder.
Retráctome. As reintegratas, mesmo sendo feministas, poden ter sentido do humor. Algunhas ata escoitan cancións en español (
Family) e son quen de practicar algo tan falócrata coma unha felación. Congratulémonos, amigas (e rabea,
Isabel):
Pepi, Luci e Bom xa teñen
blog.
Gracias EMF!
Jei?
Nunca é mal momento para lembrar
Os Resentidos, e en
Contrasurco, web dedicada ao doente rock galego, publican unha reportaxe baixo o curioso título
Os Resentidos. E a súa música que? na que afirman sen cortarse que ninguén reivindica a súa valía musical. Isto se cadra pasa cando tes un cantante que é artista multimedia, pero non o sei. Musicalmente a banda de
Reixa (os fulanos que a compuñan) sérvenos como exemplo de cómo evolucionou o rock en galego.
Javier Soto fugouse a
Siniestro Total e por aí segue (chico listo), mentres que o dúo
Debesa-Torrado fíxolle bos favores á patria, producindo os primeiros traballos dos
Diplomáticos ou
Yellow Pixoliñas, e logo grandes putadas, compoñendo parte do repertorio musical de
Superpiñeiro. Na Galiza os alternativos tamén se venden ao
mainstream. Pa que vexades.
Conta atrás. Cada día queda menos para que chegue o bo tempo. Isto é o que penso todos os inicios de xaneiro, e se o que se quere é comezar o ano con ilusión non é mal método. Dúas boas noticias: 1) a partir de agora os días medran, e 2) xa acabaron as festas. A normalidade é desas cousas que non se aprezan ata que se perden. E dá tanto gusto volver a ela... Eu ademais decateime estes días de que
cada día son máis pesca. Fódeme dicilo, pero é que non son quen de aturar o frío de Lugo. O luns pola noite saín con Longa e a moza (moi riquiña por certo) e non había alcol que chegara para tornar a xeada en Campo Castelo. Penso pasar unhas semaniñas sen volver, que é a mellor maneira para volverlle coller apego á cidade das murallas. Aquí na de Sir Paco, co pixama de felpa que me trouxeron os reis magos non preciso calefacción.
Monzó e
Berger axudan o seu.
Ronald, ese ídolo
A ver se vos criades que o lerchandaising político era só cousa de esquerdosos e batasunos. En USA o que máis mola é manifestar o teu conservadurismo aos catro ventos, e imprimir nas camisolas a túa simpatía polo mesmísimo diaño.
Nesta web podedes facervos cuns cantos destes derrames de enxeño ultradereitoso, e non lle busquedes a ironía por ningures.
Para variar, imaxino o que sería un equivalente galego. É que aquí só dá a cara a xente de esquerdas, os do PP xogan máis ao despiste, de non ser por esas pañoletas Burberrys (elas) e eses pantalóns Dockers (eles) que os delatan, xunto coas mechas (elas) e o pelo repeinao para atrás (eles again). Co que molaría lucir este verán na romería do Monte Faro emblemas tipo
"Cuíña, volve", "Que pernas tes, Corina", "Bótate a eles, Pita" ou
"Si no fueras mujer te daba dos...". O polito coa bandeira de España xa aburre.
E a fikada d'O Falo. Os da VA-CA xa colgaron a
crónica do encontro "de puta matrix" celebrado o pasado 19 de decembro, con algunha foto (queremos máis!). No Correo Gallego publicouse o último día do ano unha Carta ao director na que
Un lector protesta indignado pola aberración que lle supuxo ver un falo pintado na fonte de Cervantes. E no foro da Burla Negra unha tal Isabel
alporízase toda porque "uns reintegracionistas" cometan semellante machistada de chamarlle "O Falo" á asociación en lugar de "A fala", que sería o próprio. Máis adiante recoñece que non pillara o chiste. O que corrobora a vella teoría de que, en xeral, nin as feministas nin os reintegratas teñen moito sentido do humor.
A fikada do blogmillo. Comezamos do máis tímido,
Cesare e mais eu renqueando en María Pita sen atrevernos a saudar a quen nos tivese traza de friki blogueiro. A fin de contas era
a nosa primeira quedada 'chispas'. Pensabamos que non ía ir ninguén e bueno, aínda fomos sete, unha cuarta parte da
blogaliza así que non está mal. E ao final rematamos en Carballo
ascárida,
Pawley e mais eu, que cheguei á casa sen voz ás catro da mañá. Son tan fácil de liar... O licor-café de
EMF e a Guinness do Mathew's puxeron o resto.
Dr. Zippie promete fotos e EMF tamén, así que axiña nos veredes as caras e os ollos chispeantes. Ata a próxima!
Carlismo
Nin Frenadol, nin Algidol, nin Inistón. Velaquí
o verdadeiro milagre anticatarro. A súa mestura cos tres anteriores provoca ademais un plácido benestar, ideal para comezar o ano. En cas do embaixador coidámonos como auténticos pepes, xa ven.
NIVEL. Na sofisticada cea do
embaixador, a duquesa de Bovouard cóntanos que
Pérez Varela falou na Entrevista de
Tino Santiago de todos os artistas que vai traer ao
SacoCheo2004, xente de tan alto estatus coma
Leni Crauí,
David Bobi ou
Masif Atrac. E a
Pavarotti,
se se pon a tiro, tamén.
Todo aquel que se poña a tiro, concluíu. Na Cadena Ser gardaron
as súas esforzadas palabras.
Preguntado polo seu parecer sobre a proposta da ex-parlamentar
Pilar García Negro de garantir que polo menos a metade dos artistas contratados fosen galegos, o conselleiro respostoulle a esa señora que o Xacobeo
non é unha feira, e a ver se nos poñemos serios. Aos do non faltoulles tempo para
protestar.
Falando de tiros, e de artistas galegos, este ano a duquesa e mais eu botaremos en falta a
Alberto Comesaña, que se nos marcha ao Amazonas
en misión humanitaria. Admítense apostas sobre cánto durará alí.
Señoras e señores, comeza o espectáculo. Verémonos no concerto do tal Bobi, pois.