Todo nada
31.10.03
 


Tsunami. Alégrome de vivir onde vivo e de traballar onde traballo (refírome ao local). Temos o temporal aí de fronte, botando auga a caldeiros e erguendo 8 metros as ondas ao pé do paseo marítimo, e temos o privilexio de velo en directo parapetados detrás do cristal, coma se fose unha pantalla de cine. E calquera se atreve a traspasala!
Hoxe en vez de durmir a sesta dos venres estou aquí no ordenador, non podo resistirme a eses amagos de tsunami que teño detrás da pantalla, nin ao ceo que de cando en vez amosa algún cacho de azul, como dicindo que á altura do Gran Sol, mais ou menos, debe caer algunha raiola.
Tamén vexo algunha xente con chandal facendo footing, hai que ter ganas, e vexo o camión do butano e recordo que teño que pillar unha bombona, pero será outro día porque temos o ascensor escarallado e paso de facerlle subir ao butanero 7 pisos de escaleiras. Así, cando me cabree toda porque se me acabe o gas a media semana, pensarei na viaxe que lle aforrei ao butanero e sentireime mellor. Sen duchar, pero mellor persoa.

Vou a Santiago, a ver ás amighiñas e algún que outro amighiño e tamén a falar de cousas medio serias con algunha xente. Xa tiña pensado non ir ao Santirock, pero hoxe que é o día, vendo a toda a xente coñecida que vai, xa me están dando envexa, se cadra mañá pásome. Finalmente non teño que ir a Lugo e podo dispoñer de toda a fin de semana.

Parece que a raiola do Gran Sol se está achegando ao Orzán, así que vou coller rumbo. Chau!
 
29.10.03
  Cansa. Cansa non, mallada (coma un pulpo, que diría Ro). Como mañá é día de garabullos aínda peores que os de hoxe, voume prá cama, que me está alí esperando Sabino coa súa sabia e interesante crónica sobre os oitenta. Vou pola metade e o libro está do máis saboroso, xa vos contarei cando o acabe. 
28.10.03
 
Cruza o Atlántico



Moi bo o disco de Pablo Novoa. É todo instrumental, moi próximo a ritmos e melodías americanas (do norte e do sur) e cun toque moi galego para o que non fai falta meter gaita nin acordeón. Cuestión de carácter, supoño. En calquera caso, o disco está moi ben titulado e moi ben feito. E escoitándoo un par de veces, penso que Novoa podería ser un bo compositor de música para cine. Xa llelo recomendei aos meus superiores... ;) 
  Pinículas. Como non quero que este se convirta nun blog de cinefilia (aínda non sei en qué quero que se convirta este blog), vou comentar brevemente as últimas pelis que vin, e así mato varios paxaros dun post.

- Te doy mis ojos.- Unha historia forte, real e cercana coma a vida mesma. Unha das cousas que máis me gusta é que sucede en Toledo, unha cidade pequena coma as nosas, que xa está ben de que todas as películas españolas pasen en Madrid. Moi ben Tosar, ten un personaxe chulísimo (atención chicas que sae en bólas); pero a que está alucinante é a compañeira, Laia Marull. Un drama de chorar pouco e pensar moito.

- Intolerable Cruelty.- BAH. Non acabo de saber por qué, pero hai moito que os Coen non me dan convencido na comedia. Será que vou maior para certos toques de humor adolescente que gastan, e que non me pegan moito para unha comedia deste tipo (outros si que me fixeron gracia). Ou será que os guións se me fan algo previsibles e descafeinados. Quédome con Sangue fácil, Morte entre as flores, Fargo, O home que non estaba alí...

- Storytelling.- A última de Todd Solondz, que hai 2 anos que se fixo e aínda non se dera estreado aquí (co feo título de "Cosas que no se olvidan"). Está moi ben, sobre todo para fans de Solondz, entre os que me encontro. Non é tan redonda como Happiness pero sí tan rara e incluso máis jevi. Dalgunha maneira este tipo é a versión enfermiza e americana do tamén sórdido (ao seu xeito) Almodóvar. Teño gana de volver ver Welcome to the dollhouse, a primeira del, que a vira hai anos en Cineuropa e estaba moi simpática.

 
 
Elvis in Arteixo



Do fotoblog de Saski, que non explica qué estraña asociación de ideas o levou a mesturar as jetas destes dous.
Por se non se ve a imaxe á primeira, dádelle a Mostrar Imagen co botón dereito. A min aparéceme. Se non, no link.


 
27.10.03
  De volta. Onte volvín de Lugo, saín xa de noite por culpa do cambio de hora, e cheguei media hora máis tarde do previsto por culpa dunha colisión múltiple na A-6, á altura de Parga. Que rollo, a A-6 de noite. E chovendo. Tentarei saír ás 5 da tarde para a próxima vez.

Total, que chego e despois de encher o frigorífico con vexetais variados da hora de miña mai dispóñome a ver "El espinazo del diablo", película que daban á noite na Primera. Non estaba mal, pero só aguantei ata o segundo intermedio. No primeiro xa saíra Urdaci todo contento para conectar con Gallardón que anunciaba que gañara o PP por maioría absoluta. No segundo conectaron coa calle Génova, así que me fun deitar, coa idea de lerme enteiro o Plan Ibarretxe que o traía El País. Adormecín, como é lóxico. Pero penso estudialo nesta semana que entra.

Quería postear algunha foto chula das que fun recopilando, pero será outro día. Agora vou cear algo rápido e ir ao cine a ver a dos Coen ou a de Clint Eastwood, decidireino mentras fago cola, para variar. 
22.10.03
  Lentellas vexetarianas. O Plan Aforro vai indo (a peor). Fixen unha pota de lentellas para toda a semana, a miña grande especialidade. Pero saíronme algo vexetarianas porque esquecín desconxelar os chourizos de Ortigueira que conservaba a tal fin, e non tiña nin para mercar un cacho de touciño (así de triste, colegas) así que lles botei unha pastilla de avecrem e mogollón de especias para que souberan a algo. ¿O resultado? Ben, son lentellas, se as queres cómelas e se non...

Agora á noitiña fun ao Prica a tentar mercar uns pantalóns en Don Vaquero, que non adoita fallar. Pois fallou: nada que me enchese o ollo, nada que me sentase ben, tallas máis ben escasas... Eu quero pensar que non son mal feita, que mal feitos están os pantalóns, e seguro que non me engaño de todo, pois cada vez se ven de peor género e peor cosidos: ademais están todos cortados da mesma maneira horrible, con campana por baixo e desa tela elástica, o tiro estreitísimo, vese que están feitos para ensinar o tanga por debaixo... Como dicía o outro, a culpa é dos pais, que as visten como as Ketchup.

Por vinganza, ao saír de Don Vaquero entrei na tenda de discos de en frente para gastar os euros destinados aos pantalóns, que aí si que non hai problemas de talla, nin de tiro, nin de ancho da perneira. E para desquitarme levei 4 discos, eso si, previa constatación de que non os hai no kazaa. Un de Carlos Berlanga, pola absurda e respetable razón de que estaba a 6,5 euros, e que ademais tiña ganas de comprar; o de Pablo Novoa, por curiosidade, porque non estaba caro e porque regalaban con el outro de Carlo Coupé, a ver que tal está... Logo estiven a piques de mercar un dos Deltonos, que non tiña nada deles e Martiño sempre me está drogando porque é ultrafan, e como cada pouco tocan por aquí calquera día me toca ir a un concerto e molaba saberse as cancións. Pero desistín porque vin o último de Belle and Sebastian, que si que me gustan moito porque teñen cancións moi bonitas. Non é que sexa eu moi indie, pero vaime moito este rollo naif. En total, 24 euriños, penso que mellor gastados que en Don Vaquero.

Pois nada, a escoitar os disquiños e a seguir comendo lentellas vexetarianas toda a semana. Polo menos alimentarei o espíritu, e con sorte para a próxima dou entrado nos pantalóns. 
 
Almas xemelgas?



 
20.10.03
 
D'hoxe nun ano





Cada 17 de xuño, a familia Golberg (Arxentina) quítase unha foto para que eles e nós vexamos cómo pasa o tempo.

Quitado de The Last Dance 
  Fin de semana. Logo de poñer o post de MVM, marcho a Vigo. Como ir en coche a Vigo sae por unha pasta (20 euros só de peaxes) e chovía bastante, fun en tren. E no rexional, que ten máis mérito, pois xa sabía de antemán que me ía levar tres horas... Pero fun ben provista de libros e de mandarinas, e así fun toda contenta, lendo e comendo mandarinas, e mirando de cando en vez pola ventana chover. Non sei que ten de poético ver chover pola ventana do tren, creo que é máis conto que outra cousa, porque o certo é que non se ve nada. Prefiro mirar pola ventana, a secas.

En Vigo, entre outras cousas, fun ao Marco, para ver unha exposición que se acababa ao día seguinte e que se chama Indisciplinados. Tiña curiosidade, sobre todo por ver os traballos da xente galega que expoñía, xente bastante nova como Suso Fandiño, que é de Santiago e foi cantante dos Fame Neghra, ou Mónica Alonso, que é da Fonsagrada e non fai butelos pero sí instalacións e cousas desas. E din que están bastante ben.

Pero pouco vin da exposición porque realmente ao que ía ao Marco era para ver unhas proxeccións do ResFest, que é unha mostra itinerante de vídeo dixital, un rollo supermoderno, xa vedes, que se estivo expoñendo no Art Futura de BCN. Videoclips, vaia. Que os boto moito de menos dende que me cambiei do Combo 2 ao Combo 1 de R e só vexo Canal Viajar. Estivo bastante molón, o que pasa é que eu vin a primeira parte, que era algo máis coñazo, e perdinme a última, que era unha retrospectiva de Michael Gondry, que é o que lle fixo os videos a Bjork e outros, e polo visto é do máis moderno que hai. Mesmo agora acaba de dirixir unha peli o tío. Pois ese non o puiden ver, pero vin outros vídeos moi chulos, algúns por estar feitos con moito gusto, outros por estar feitos con moita pasta. E os mellores, como case sempre, os que están feitos con moito enxeño. Como un que lle fixo Roman Coppola a un grupo que se chama Phoenix, feito sen un peso e con moita jeta. Cáeme moi ben esta familia, o pai Francis, os fillos Roman e Sofía, o xenro Spike... único o sobriño Nicholas, pero bah, tampouco me cae mal de todo.

Alí no atopeime con algunha xente, como os Interactivos, cos que merendei algo na cafetería do museo, e o meu amigo Antón de Lugo, que quedou tan sorprendido coma min ao atoparnos alí os dous destranjis en Vigo. Falamos pouco, a ver se vén o sábado ao pulpo e falamos máis.

Non me quedei a ver o Celta-Madrid porque tiña que volver en tren. Cheguei á casa cerca das 12 e xa non saín nin nada. O domingo tranquilo, fixen uns cantos quilómetros, unhas cantas lecturas e un pouco de limpeza. Quitada a pequena viaxe a Vigo, o Plan Ahorro vai ben. 
18.10.03
  Morreu Vázquez Montalbán, que flipe...

 
17.10.03
 
Heraclio Fournier presents



Vaqueiro mándame esta foto que algún fotógrafo moi vivo lle quitou a George Bush. El di que parece Deus, eu digo que parece o as de ouros (aka cu cagado na miña aldea).

Por certo, non eran este o que manexaba unha baralla cos máis buscados?
 
 
Vístela?



Había ben tempo que non vía unha peli das que dan na tele. E onte tiven a sorte de ver esta chulada de peli de Michael Winterbottom. Gustoume o que conta, cómo o conta, as imaxes, os actores, os diálogos, a música... Creo que tardará en baixarme o empalme. Se onte pola noite estivestes vendo Cuéntame, GH, Rias Baixas ou tomando unhas garimbas por aí, facede por vela, ho. 
15.10.03
  Dios está por mi. Al loro coa última revista que montaron os americanos. É como o Vale ou a Ragazza, pero versión Novo Testamento. Ideal para esas adolescentes rabudas que se negan a facer a confirmación...



Pillado de Elastico.net 
  Lendo a Valle-Inclán. Non preguntedes por qué, pero comenencias laborais obrigan. Estou papando "Martes de Carnaval", un libro con tres esperpentos, que o certo é que teñen gracia. O peor son as notas a pé, que interrompen mogollón, pero tamén se non as les non te enteras da metade...

Así que non teño moito tempo para postear. Os clásicos son os clásicos.

 
13.10.03
  Neses días. O sangue menstrual seica foi ingrediente de ducias de remedios tradicionais, pero as nosas avoas seguro que nunca pensaron en pintar con el. Non sei que opinará a avoa de Vanessa Tiegs de todo isto...

 
  Terry Richardson. Vaime ser mellor non reproducir aquí a imaxe, pero non deixen de vela
 
The SARS Art Project

 
  Pasou o día, pasou a romería. Resumo exprés dos últimos días do San Froilán: o venres, ruta taberneira cun viño e un canto en cada taberna. Ao final foron bastantes máis cantos e bastantes máis viños, era visto. Pero estivo ben, o único malo mover tanta tropa de bar en bar. Pero nestas festas sempre pasa o mesmo, e tamén mola.
Vimos dez minutos da París mentres tirabamos para o Cubil, e debo dicir que me gustaron bastante máis os dez minutos que vin o domingo pasado da Panorama. O que non quere dicir que unha orquestra sexa mellor cá outra. Ou sí.

O sábado, polbo a mediodía con outra recua de xente, bastante distinta entre si. Pero tamén aproveitou, logo estivemos toda a tarde cos gaiteiros de Estoupacaldeiros, que levaban os catro camisetas de Nunca Máis e viñan contentos pois viñan de tocar nunha voda. Merendamos uns cantos botellíns de cervexa, algúns levámolos postos para a Praza Maior pois había un acto de NM. Bastante cutre o acto, e non só porque chovera.

Logo seguimos polos viños. Veu máis xente e a tropa chegou a ser de case trinta, polo que foi un pouco caos, pois a única que os coñecia a todos era eu e cheguei a sentirme un pouco sobrepasada pola situación. Agardo que o pasaran ben, digo esto porque algúns saíron despois en espantada, en todo o caso eu si que o pasei ben, tamén estaba xa ben calzada.

Como é lei, quedamos os mellores. Bailamos coma tolos no Calma Chicha, que e un restaurante vexetariano que de noite tamén é pub, o que non sabía eu é que pinchaban esa música tan guay e tan gay (Fangoria, Astrud, Berlanga, Rafaella Carrá...), ou polo menos eu nunca estivera. Para completar a noite de baile fomos ata o glam nights, que é un bar novo que só se diferencia de calquera dos de Clérigos en que ten un arco da vella na porta. Ben, e un pouco de mellor gusto musical cós de Clérigos anque peor có do Calma Chicha. En todo caso estivo de puta madre, bailei o que hai tempo que non bailaba e gastei todas as calorías inxeridas na fin de semana, sólidas, líquidas e gasosas.

Pouco máis. O día seguinte era Domingo das Mozas e o propio era ir tomar o vermú a mediodía, pero non houbo quen se erguera. Por este ano estivo ben. E ainda queda a pulpada do 25...

Viva Lugo!
 
9.10.03
 
Un patriota


 
  La Coca-cola siempre es igual, pero yo no, yo puedo cambiar. Agora mesmiño estoume perdendo o concerto en Lugo deste fulano:




 
  Card From Paris. Hoxe no buzón (no físico), postal de Antuán que está pasando o San Froilán en París, e aínda se mete comigo: "Isto é como LaKoru pero un chisquiño máis jrande e con moita xente falando con 'g', o que fai que parezan moi de aldea, non coma as de LaKoru". Antón, deixa de facer o pailán por aí adiante e vente pa Lugo, que te estamos agardando para comer uns rabiños.  
8.10.03
  Amamos a Arnold. Pois que queren que lles diga, eu prefería que me gobernase este que non un vello descangallado.





 
 
España fede a allo







 
  Embriagado de amor. Bonita e rara película. Adam Sandler, desconcertante e entrañable. Preciosa a gráfica e os títulos de crédito, fixen uns bonitos salvapantallas con capturas do DVD.




 
7.10.03
  Por fin, a normalidade. Fuxo do que sería a 5ª noite seguida de festa, para vir á Coruña a traballar e recollerme espiritualmente, que falta me fai.

Pero San Froilán non acabou, e aínda teño unha débeda pendente para esta fin de semana...


Octopuss to the party






 
  Isto é unha proba para ver se dou chantado aquí unha foto:


Ela, o vulto








Vese?

Yupiiiiiii!!!! 
  Os peores poemas para Laura. Unha das ideas máis caralludas que tiveron en Vieiros nos últimos tempos, se non a mellor. Aínda non fixen o meu, poñereime máis tarde:

http://especiais.vieiros.com/peorespoemas/

E, para encher, pegarei aquí a obra do rapsoda:

As rosas son vermellas
As violetas azuis
Oh, meu vulto na cama
Como te achei de menos
Canto máis vermellas son as rosas
Máis azul viro eu
Vendo como te bicou aquel encantador tipo francés
Os cans e o gato tamén te acharon de menos
Barney aínda anda tolo dende que o abandonaches, comeu o teu zapato
A distancia, querida, ten sido tal barreira
A próxima vez que queiras unha aventura, aterra nun portaavións.
 
6.10.03
  Vou chea de tanta festa. E hoxe aínda hai que volver, caghina. Acábome de erguer dunha sesta de case tres horas, logo de durmir máis ben pouco esta noite e despois aturar unha secuela de comida familiar.
Supoño que urxe unha ducha para despexar a cabeciña esta, que nin se me ocorre por onde empezar a contar estes días. Se cadra é que non hai demasiado que contar. E está miña mai dándome a vara (perdón, conversa) polo outro lado. Así que adeus.

 
1.10.03
  Unha de glamour. Díxome hoxe Marina que o outro día pasando as follas da revista Glamour nun quiosco viu unha reportaxe sobre Compostela guiada por Yolanda Castaño. No-me-lo-pier-do! Unha poeta galega nunha revista feminina! Isto é o mínimo ao que unha cultura normalizada debe aspirar...

Estou fuchicando pola web www.revistaglamour.com pero non vén nada. A ver no quiosco mañá. Ai que impacienciaaa...

Se sae, penso escribir a A Nosa Terra para que se fagan eco da reseña na sección "En poleiro alleo". Como mínimo! 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
Setembro 2003 / Outubro 2003 / Novembro 2003 / Dezembro 2003 / Janeiro 2004 / Fevereiro 2004 / Março 2004 / Abril 2004 / Maio 2004 / Junho 2004 / Julho 2004 / Agosto 2004 / Setembro 2004 / Outubro 2004 / Novembro 2004 / Dezembro 2004 / Janeiro 2005 / Fevereiro 2005 / Março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger