Todo nada
29.9.04
  Ambiciones. Jorge Javier Pereiro, hoxe na Opinión:

"(...) A residencia presidencial, máis que Monte Pío é Ambiciones. Esas idas e vidas de chalé en chalé, esas caras de "sen comentarios" ó saír semiatropellando fotógrafos, ¿non lles soan máis a Aquí hai tomate que a telediario? "¿A quién hemos visto salir de la casa de Mengano, con el que ha reiterado que ya no tiene relaciones. Ah, pillín, pillín. Y adivinen quién iba a bordo del coche de gran cilindrada que traspuso la verja de la mansión". Xa vexo a eses esforzados, mal pagados e peor chamados "equipos de investigación" afeitos a perseguir a Belén Esteban et altri nos aeroportos, acampando nas peaxes das autoestradas a ver se cazan un famoso. Ós teóricos catódicos esforzándose por dilucidar se as fotos á saída do Vilas eran un "posado" ou un "robado" (falando do Vilas, ¿para cando unha webcam da Crtvg no reservado?). De feito, a canle autonómica xa perdeu hai meses a oportunidade de triunfar con Gran deputado, o seguimento exhaustivo do encerro dos cinco parlamentarios ourensáns que foi á Rebelión de Baltar como o asalto ó cuartel de Moncada á Revolución de Castro.

E é absolutamente Salsa Rosa a lanzada a moro/ourensán morto dos analistas capitalinos. Eses espaventos a medias entre a risa e o horror sobre atrasos caciquís que perviven en Galicia, en aberta oposición cos do centro reformista, recordan ós lamentos fariseos dalgúns presentadores polo triste destino das súas propias víctimas, tipo Carmina Ordóñez. (...)"


Pero abonda de frivolizar, poñámonos serios e non perdamos o parte médico do Presidente que nos ofrece o Dr. Manuel M. Barreiro en exclusiva para Vieiros. O primeiro é ter salú.  
28.9.04
  Eleições. Mentres a política nazoal nos ten nun sinvivir, pendentes do Fortasec e de saber a quén quere máis o patrón, se a caciques ou a metrosexuais (grazas H!), Cesare mándame un link fabuloso ao outro lado do Atlántico. No Brasil celébranse este domingo as eleccións locais, e o Partido dos Traballadores, que moitos coñeceredes ademais de por Lula polas refrescantes caipirinhas anti-resaca que fornece o seu posto o 25X no Festigal, teno súper currado. Pasen e vexan, e prendan os altofalantes:

- Os candidatos a prefeitos. Que xente máis sorrinte, caramba.

- Os jingles electorais que ten cada candidato, compostos ad hoc. A Cesare mólalle o de Vander Loubet (un aire a Garbancito), cuxo divertido jingle di así: Agora é Vander, Vander / Ele faz tudo direito, olhe só / Porque pra ser um bom prefeito / Ele pega o que está bom / E deixa tudo bem melhor.
Já provou sua competência / Sabe que pra tudo tem um jeito / Campo Grande reconhece / Do riscado ele conhece / Vai ser um grande prefeito.


- Tamén mola o de Nelson Pelegrino, aspirante a prefeito de Salvador de Baía, cunha balada preciosa.

- Pero eu quédome con Luizianne Lins e as pezas A luz da Fortaleza, Mulher toda Fortaleza e, sobre todo, a Biografia Rap. Ela é candidata por Fortaleza, claro.

- E o meu favorito, Angelo Vanhoni, candidato a prefeito por Curitiba e un aire ao noso Bieito, que vai máis alá na creatividade propagandística e crea os seus propios debuxos animados en flash.



Se é que así ata dá gusto vivir unha campaña electoral. Os candidatos de aquí xa poden ir espabilando no caso de que se adianten as eleccións. Non sei se seriamos quen de aturar a Juan Pardo catro anos máis.  
  Curuñeses todos (e sobre todo curuñesas):

A LIBRERÍA LUME
e EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA
aprácense en convidalo/a á presentación do libro:

BAIXO MÍNIMOS
de Diego Ameixeiras

O acto, que contará coa participación de María Yáñez, Manuel Bragado e o autor, terá lugar o vindeiro xoves, 30 de setembro, ás 20,30 horas na Librería Lume, Fernando Macías, 3 da Coruña.

 
27.9.04
  TKGS. Manolo vaise pola pata, o partido descomponse... e nós a mexar da risa. Hai que ver o mal que lles sentan a algúns certas ceas, así que olliño co que comedes, e sobre todo co que bebedes.


Roubada a estoutro Manolo, mirade que cousas compra no Corte Inglés. :PPPP


Agora só falta que o BioNG se renove por dentro, e iso se note por fóra.
 
18.9.04
  Das indias:

1. Que carallo é iso do intrusismo. Dígovolo eu, a carreira de xornalismo quítaa calquera. E David de Ugarte vén argumentar que o modelo empresarial do século XX pedía que o sistema educativo formase profesionais especializados en redactar noticias, ao xeito de enxeñeiros ou funcionarios que traballasen ao mandado de quen lles paga. E ao servizo dunha liberdade de expresión que normalmente só atinxe á liberdade do editor. Denunciar o intrusismo é denunciar a todo o que se sae dese sistema prefabricado. Baixo o argumento da competencia desleal ou da ameaza para os postos de traballo o que realmente se teme é perder o control da información por parte dos de sempre. A putada -para eles- é que este sistema empresarial está a quedar obsoleto. Grazas a internet entre outras cousas, a información volve estar en mans de aquel que quere, e é máis unha cuestión de activismo e de vontade que de oficio. A estas alturas xa se demostrou que a credibilidade non vai no número de empregados que teña un xornal, nin no conglomerado de empresas que o respalden, nin no título de licenciado que poida ter a nai de calquera xornalista colgado na parede do salón. Máis ben todo o contrario, tal como está o panorama. E así, a supervivencia dos xornais pasa por ter que regalar cuberterías, libros ou deuvedés, pois pola información en si xa pouca xente está disposta a pagar. Outra cousa son as esquelas e os anuncios por palabras.

E outra cousa é que os xornalistas, coma todo o mundo, teñan que gañar as lentellas. Para o caso case é máis recomendábel meterse a funcionario ou traballador da Citröen, que se cobra algo máis, é menos escravo e non produce tanta úlcera de estómago como iso de ser redactor. Se cadra o xornalismo ideal é o que se fai por amor a arte, ou sabe deus a que.

2. Outro interesante artigo fálanos do novo mapa xeopolítico que está a configurar a procura de petróleo, ese ben escaso que move o mundo, e de cómo o Prestige axudou a aumentar as reservas mundiais de cru:
Cuando la petrolera española Repsol se ofreció para extraer el crudo de las bodegas del Prestige hacía algo más que prestar un servicio al medioambiente y el país. Estaba testando una tecnología que podía revolucionar el mapa de las reservas energéticas globales al hacer rentable la extracción de bolsas situadas en aguas profundas. De hecho, la misma que usa la plataforma semisumergible Eirik Raude y por la que después pagaría a la empresa noruega Ocean Rig ASA, 195 mil dólares al día en sus pruebas en aguas cubanas.

A filantropía se cadra existe, pero non está en Repsol. 
17.9.04
  YC. Falando de letras e de xéneros, a nosa poeta fetiche por fin se pasa á cousa esta das bitácoras. Aínda que sexa os domingos e en papel, podédela ler tamén en internet. Co primeiro que lle leo sinto discrepar: non soporto a Paco Pestana e A promesa pareceume unha película espantosa, incluído o cativo. Así e todo Yolanda cáeme ben. E non o digo porque lea este blog.  
 
e-relato



Un novo xénero chega ás nosas letras. Parabéns ao autor
16.9.04
  CHEGHÍN. Voar 12 horas seguidas non é o peor do mundo. Se lle engades un bonus-track de outras dúas horas de voo París-Madrid e un Alsa Madrid-Lugo, e ter que adiantar o reloxo nove horas así polas boas xa se lle vai parecendo bastante. Pero sarna con gusto non pica, e traer o cu con forma de empanada é un mal menor despois de ter pasado unhas vacacións estupendas a nove mil quilómetros de distancia. As francesas son unhas aerolíneas ademais de baratas xeitosas, e o champán e o viño tinto que che dan no avión, xunto coas 4 cervexas que lles chimpei aos do Alsa Supra fan a volta moito máis levadeira. Case choro ao ver a Dorinda, toda lavadinha e con limpaparabrisas novos (grazas papá) no aparcadoiro da estación de autobuses. De calquera parvada que diga ou faga a partir de agora pódolle botar a culpa ao jetlag.

Por exemplo, de non ser quen de pasar as 230 fotos da cámara dixital prestada ao ordenador. Servirían de bastante axuda para contar algo destes días, pero mentres non dou arranxado o tema tampouco vou calar.

Indian summer. O tempo, soleado e caluroso ma non troppo, xunto co Where are you from?, deu para empezar bastantes conversas cos nativos e practicar o meu indian english. Eles aproveitaban para practicar o seu indian spanish, e así todos contentos. A peña alí é moi falangueira, todo o mundo di ter estado en Spain ou ter pensado ir, pero nin dios coñece Galiza, agás a dependenta dunha librería xaponesa que se emocionou toda e emitiu un berriño deses nipóns cando lle concretei a miña procedencia, pois seica tiña unha amiga vivindo nun sitio cerca de León. Quedei coa dúbida de se sería dos Ancares ou da parte de Valdeorras. Como alí non hai Champions League nin sequera coñecen o Deportivo. O triste é que todos por aquí sabemos máis ou menos por onde cadra Oklahoma.

Oriente. Ai, a librería xaponesa. Ai, Little Japan (ou Japantown), o sushi e mais o té verde. Chinatown dos meus amores, que comida máis exquisita por oito dólares e pico. Sabida era a miña curiosidade polo rollo oriental, pero despois de estar no máis parecido e proximo xeograficamente a China e a Xapón declaro o meu amor total por esa xentiña de ollos achinados. Se os de Ryanair sacan un Air Calpita Valladolid-Toquio por un prezo módico, teño claro cal será o destino da miña próxima viaxe de pracer. Por de pronto, e visto que o sushi ademais de exquisito non me pareceu dificil de facer, traio un kit completo e mais un libro de instruccións para asombrar as miñas amistades en canto practique un pouco. Co meu cosmopolitismo mal entendido, vou acabar botándolle prebe de soia ata ao lacón con grelos. Sen sacrilexio non hai innovación.

Fuck Bush. San Francisco non fai regra ningunha en canto a coñecemento da América profunda se refire, pois xunto con Nova York é a cidade máis liberal dos EUA. Pero o de Berkeley é case coma un reducto, a auténtica reserva federal vermella, con todo o vermello que se poida ser sendo ianqui ou estudante foráneo con moitos milleiros de dólares para estar na universidade de alí. Séguense levando as camisetas do Che, as de Cristo era un hippy e as do chirimbolo ese da paz. A mítica rúa Telegraph segue a ser un parque temático do hippismo, chea de tendas e de postos con suvenirs dos anos 60 e merchandising político a favor de Kerry, de Nader, contra Bush, contra Arnold e contra todos tamén. Traio mercadoría antibush como para poñer unha tómbola no San Froilán. Das do tiro, of course. E tampouco faltan os jipis veteranos, os que estiveron alí e aínda non lles pasou a zumbada, e agora levan vida de homeless (hai moitos de dios). O mellor, uns pedindo cun letreiro: danos algo ou votámoslle a Bush. Iso chámase marketing, ou chantaxe emocional.

Comer, beber, fumar... Co que me gusta a min papar e probar cousas diferentes, aquilo era un auténtico paraíso. Comida tailandesa, vietnamita, mexicana, as mencionadas chinesa e xaponesa, a hindú... iso sen contar a cantidade de cousas ricas e hipercalóricas que ofrece a plastificada gastronomía ianqui. Como boa cultura pragmática que é, téñeno todo moi pensado para a satisfacción instantánea: nunca vin tal variedade de chocolatinas, salsas, cousas para untar e outras moitas porcalladas deliciosas que non precisan máis esforzo que o de abrir e deglutir. Así están todos, madia leva. Unha das cousas que tiña pensado facer e non fixen foi ver "Supersize Me" , o documental do fulano que pasou varias semanas comendo no McDonalds e engordou non sei canto ata que os médicos lle dixeron que parase coa broma porque podía palmar. Agardo que o efecto Michael Moore faga que se estree por aquí.

De todas maneiras o estado de California representa un pouco a parte contraria, a obsesión total pola vida sana, a movida new age e outras moitas parvadas tan perniciosas para a saúde (mental) coma o colesterol. De alí saíu a brillante idea de non deixar fumar en sitio ningún, nin nos poucos bares que hai, e a norma non escrita de mirar con absoluto desprezo e rancor a todo aquel que faga amago de encender un cigarro. O que non fai senón multiplicar, polo menos en min, o pracer de fumar e devolverlles a mirada cun Fuck off, I'm European.

Anque para praceres o que experimentei nunha bodega de Sonoma (xunto con Napa Valley, a principal zona de colleita de viños californianos) na que ofrecían degustación gratuíta de viños e de productos de orixe italiana, tipo pestos, prebes de pomodoro, queixos... tan simple como coller unha galletiña (ou varias) e untar (varias veces). Onde flipei de certo foi na sección de doces, e mira que eu non son larpeira: os mellores chocolates, cremas e marmeladas que probei na vida. Dei varias voltas arredor da mesa de degustación, galletiña e untar, galletiña e untar. Unha señora atrás miña tivo un orgasmo en alto e logo desculpouse (é que son unha tola do chocolate). A miña procesión ía por dentro. Os tarriños de doce para mercar custaban de 9 euros para arriba e non levei ningún. Non son tan larpeira. O que si levei foi un par de botellas de viño nada barato. Unha pimplámola alí e outra tráioa para cando faga a cea asiática, ou para cando morra Fraga, que os viños canto máis tardan en abrirse mellor saben. Disque.

Así que viño probei unha chea del, en Sonoma e tamén nunha festa pija á que fomos de acoplados, nunha casa que flipas da zona onde están as casas máis flipantes de San Francisco, e hai moitas. Era a inauguración e a dona era unha rapaza de familia india con moita pasta que trouxo a nai para que cociñase auténtica cociña da India de verdá. Como o curri dá moita sede agarrei unha pequena chea de Don Perignon e emperreime en ligarme o irmau da anfitriona, médico en Atlanta e lóxico partidazo. Falamos de barrios chinos e de putas e debeu quedar encantado co meu sotaque white trash chairego porque á volta xa tiña un correo del. O rapaz non estaba mal de todo así que manterei o contacto por se algún día decido que o meu futuro pasa por casar prós USA e ter unha casa divina na que só me dedique a ofrecer festas con gastronomía exótica na que se colen europeos con pinta de guichos a papar e privar de gorra. Poderedes vir cando queirades.


Ata daquela, regreso á miña vida mundana de working class e dyc cola. Con todo o ben que o pasei, non dou un peso por vivir naquelas terras, anque lle recomendo a visita a todo o mundo. San Francisco é unha cidade preciosa e está guai coñecer tantas culturas diferentes integradas nunha soa. É o único que boto de menos por aquí, que haxa máis diversidade, máis chinogalegos, xapogalegos, hindogalegos ou afrogalegos. E que os que poidan se dediquen á hostalería. Supoño que é cuestión de tempo.

Vémonos nos bares, fumando. Traio un cartón de Marlboro americano para convidar.  
 
Nobody sings in the plain




Gabba gabba hey



Todo Nada regresa dos USA e empeza o seu ano II coa sección de obituarios. Os ídolos non hai que matalos, morren eles soíños. O de aquí xa leva uns días baixo terra, do de acolá acabo de saber nada máis erguerme de madrugón e conectarme co mundo(fodido jetlag) e dáme especial cousa pois veño de ver en Berkeley o documental sobre os Ramones que aquí aínda non se estreou. Nel di Johnny Ramone cando lle preguntan que sentiu ao morrer Joey (levaban anos sen se falar): "Home, algo de pena si que me deu. A fin de contas era un dos Ramones e eu aos Ramones si que lles quería ben". Pois algo así sinto eu hoxe polo seu pasamento. O tipo, xa o dixo Jean-Sol, era bastante impresentábel.  
8.9.04
  California dreamin'. No ecuador da minha viaxe, uns minutinhos de descanso para postear rapido, e perdon polo orixinal do titulo. Aqui vai un tempo marabilloso, con calorinha e tal pero sen pasarse (disque isto e a GZ Californiana, de feito estamos a mesma altura). Unhas pateadas guapas. En Berkeley todas as casas son como a mansion das Halliwell (menos a dos meus anfitrions) e na universidade todo o mundo che da folletos por se te queres facer republicano, ateo, deportista, gay ou testemunha de xehova. San Francisco e grande, pero non tanto. E fodido iso de non poder fumar nos sitios. Road trip to the Lake Tahoe e Reno (Nevada), que e como Las Vegas pero en cutre: molan os casinos, decadencia total. Xoguei discretamente uns dolares a ruleta tomando un batido de fresa e tequila. Perdin, of course, e porque me levaron de ali: mais teria xogado e mais teria perdido. Botei nun latin lover chicano e casei con el nunha wedding chapel de neon, pero era todo mentira, claro. Hai fotos. No Golden Gate non houbo huevos a botar unha cuspada ao mar. En Little Italy visitei o cafe do Coppola, a libreria de Ferlinghetti e algun dos bares onde ian tomar as chiquitas os da xeracion Beat. No mellor garito de blues de cidade vin actuar a filla apocrifa de Jerry Garcia e quitei unhas fotos con ela. Fumando fora dos bares fanse moitos coleguitas, como Richard, un republicano de 50 anos flipado con que houbera gaitas en Spain. Tenho un iman especial para os borrachos. No Castro (vaia nome para o barrio gai) todo son parellas, arcos da vella e buen rollito. Hainos brancos, asiaticos, guapos, feos, gordos, delgados, fibrosos... e ningun heterosexual. Tenhen bares moi, moi simpaticos. Aqui a penha e moi sanota, eu mesma tomei un te no Japanese Tea Garden e entroume un karma delahostia. Fun a Chinatown e aquilo era como a praza de abastos ou o mercado de Frigsa: os chineses son o mais parecido aos galegos que podes ver por aqui. Nunha tenda de souvenirs decidin facerme budista, pero duroume o que tardei e entrar nun bar de mala morte, embebedarme a base de Sierra Nevada (riquisima cervexa local) e fraternizar de novo cos borrachos do bar incluindo a patrona, que aproveitou para quitar o karaoke de debaixo do mostrador e empezar a 'fiesta'. Cantamos Sweet Caroline e outras cancions vellas con Eddie, un vello borracho escoces siareiro dos Celtics de Glasgow. Era entranhabel, estaba salidisimo e adoraba a Di Estefano. Tamen cantei Light my fire e California Dreamin', que aqui e como cantar o Andar miudinho en GZ. Que lles queres se foron os que inventaron o jipismo, pero son boa xente e haillelo que perdoar.

Falando de dreamin', levo dous dias espertando coa paranoia de que puido morrer Fraga e eu dende aqui non me enteraria. Porque estou absolutamente desconectada do mundo en xeral e do meu mundo en particular. Viva. Pero se lle pasa algo ao vello coidademo, mantedemo enchufado ou o que sexa ata o 16, que nada me amolaria mais que perderme ese momento.

Mirade en que cousas penso. Non caera esa breva. E de suponher que cando volva por ai todo vai seguir igual, pero seguro que eu o vexo con outros ollos. Non mellores nin peores pero si mais viaxados. Mola ver mundo, abofe. E xa estou pensando na morea de cousas que quero facer a volta. Se non me paso por aqui antes, ata enton. A ver se xa na casa fago a cronica con mais xeito, fotos e tal.

For everybody, great american chuchos.  
1.9.04
  Alá vou. Pois si. Dentro dunha hora estarei emprendendo o meu traxecto Lugo-Madrid-París-San Francisco. Regresarei en 15 días, se dios quere, despois de facer o pailán abondo nesas terras onde goberna Schwarzenegger, onde non sei moi ben o que me espera, agás o meu anfitrión. Farei por postear algo dende aló, pero coma sempre non prometo nada, e menos agora que estou nunha época de preguiza blogueira a tope. Dende que collín vacacións teño unha chea de cousas que contar e que comentar; na miña cabeza foron aparecendo posts sobre foz, sobre as vacacións, sobre cine, sobre o ano da carracha, sobre cocaína, sobre encontros, sobre fraga, sobre activismo cultural, sobre a revista noroeste, sobre vigo, sobre malas novas e algunhas menos malas... pero se non pasaron da cabeza ao teclado no seu momento non creo que o vaian facer xa.

Cando volte da miña aventura californiana darei por pechado un ano marabilloso que, casualmente ou non, cadrou co tempo que levo dando a vara con este blog. Terei moitas horas de avión para pensar que é mellor, renovarse ou morrer. A cabeciña xa está matinando novas maldades que non sei se serán moi compatibeis con esta (falo de tempo material), pero xa se verá sobre a marcha. Chamádeme inconstante, e eu coa miña habitual arrogancia direivos que estou na edá.

Pero cada vez menos, que hoxe fago 26 anos. Felicitádeme aí, ho, que vou ter varias horas mortas en Barajas e vaime facer ilusión lervos dende un ordenata deses de 1 euro = 5 minutos. Eu mándolles tamén biquiños especiais á Duquesa e a Lijochis, que cumpren hoxe tamén, e ao pequeno santimontes e a Sao Tomé, que naceu un día antes ca min. Haivos moitos virxes no blogmillo, mal asunto. ;)

Ao resto, lots of quises.

 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
setembro 2003 / outubro 2003 / novembro 2003 / dezembro 2003 / janeiro 2004 / fevereiro 2004 / março 2004 / abril 2004 / maio 2004 / junho 2004 / julho 2004 / agosto 2004 / setembro 2004 / outubro 2004 / novembro 2004 / dezembro 2004 / janeiro 2005 / fevereiro 2005 / março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger