Todo nada
31.3.04
 
Por fin, ela



Prometo non abusar máis dos aduaneiros estes, pero non me digades que non é chula a imaxe e que non me está quedando do máis colorido este blog. Viva a primavera.

Carmisetas XA!  
 
Kill your idols



Vía deneno descubro Aduaneiros sem Fronteiras, que "e um weblog dedicado a investigar nos santos misterios da sociedade, política e cultura galegas dende un punto de vista humorístico e maioritariamente gráfico". De momento teñen poucas imaxes pero impactantes, como a que vedes arriba, que se propón non só cargarse os ídolos senón tamén a sintaxe. Queremos máis.  
30.3.04
  Alá é grande, e vive en Muras. Xa debería ir parando, pero é que hai días que os post se poñen a ovo (disimulen o decalque). Leo en El Progreso Genital, entre outras noticias de alcance, o que di o alcalde de Muras, Issam Alnagm Azzam, do presidente do seu partido José María Aznar. Issam é un xenio, iso xa o souben eu aló polo 92 cando, antes de iniciar unha viaxe en ómnibus a Sevilla coa Asociación de Amigos de Muras (mellor non pregunten), se dispuxo o alcaldiño sirio a rezar un padrenuestro e un rosario, polo que puidera pasar. Eis a miña proposta para a sucesión.  
 
Manoliño



Manolito Goreiro cumpriu onte 39 anos. Eu sempre lle chamei Manoliño porque meu pai comprábanos os libros de Mafalda en galego de mínimos, de cando os traducían Ramón Reimunde e Xoán Ramón Díaz. Tempos aqueles... A noticia xa a dixeron onte en Vieiros, pero como eles non poñen fotos (agás cando se trata de algunha "isolacionista guapinha") aquí vos deixo esta viñeta. Outras celeb quotes deste paradigma do emigrante: "Ninguén pode amasar fortuna sen facer fariña os demais" ou "Os cheques dos teus insultos non teñen fondos no banco do meu ánimo".

De todos xeitos tampouco son a única que manga as novas de Vieiros. Vexan esta que sacou onte o noso querido xornal dixital sobre o blogmillo e logo esta que publica hoxe Galicia Ídem sen pudor ningún. Ai, ese xornal en galego ás veces traizoado polos tradutores automáticos que o levan a falar da presentadora da TVG "María Xosé Coraxe" ou de "Parides", capital francesa. Molaba que a lingua fose toda así. Que reintegracionismo nin que gaitas. 
 
Coming soon...



Ben, non sei se camin sun ou non, pero o conceito é o conceito e aí queda. Outro conceito pode ser este:



Eu xa sei dalgunha que está empezando a tremer. Amighiñas todas, o mundo é noso!

[Promoven esta senrazón: servidora, Cesare (que lle deu ao fotoxó) e Mrs. Dot.] 
29.3.04
 
Si



A pendeja esta canta tan ben, ten tanto estilo e descaro e enerxía positiva que se escoitas moitas veces o disco ata dan ganas de casar. Ollo.
 
  Anúnciese aquí. Bocixa remíteme indirectamente este aviso, que eu reciclo para o blog. Supoño que alí estaremos o sábado, hai que cumprir coa familia...

AVANTE TODA COSTA DA MORTE
REPICHOCA MÚSICO-ESCÉNICA
A RODA - MALPICA
SÁBADO 3 DE ABRIL-11 da noite

Festa concerto coa Banga Melgacha.

Un grupo formado fai dous anos por xente da Asociación de Músicos en Lingua Galega.
Teñen actuado en varios concertos solidarios, entre eles na Carpa de Nunca Mais onde contaron coa colaboración de músicos galegos coma Reixa ou Ugia Pedreira.
Formana unha base músicos con batería, percusión, baixo, guitarras e gaita. Das voces encárganse Bocixa (Zënzar) e Pepa Yáñez (Liñaceira), sendo tamén habitual Xurxo Souto que está nesta ocasión con Vitor (Ruxe-Ruxe) e Filipa (Liñaceira). Apoiarán o grupo os ventos da Matraca Perversa.

Farán versións de clásicos en galego. Temas de Korosidansas, Skornabois, Rastreros, Diplomáticos, ou Yellow Pixoliñas e temas de artistas portugueses e brasileiros.

Actuación da actriz Gabriela Sacauntos, con gran profundidade de contido e lixeireza de roupa.

Haberá actuacións sorpresa e tempo para á improvisación e sesión de dilleis se procede.

Unha festa para lembrar o traballo pendente da administración para tentar minimizar os efectos do desastre do Prestige. A Roda pechou ás poucas semanas do desastre e agora reabre as súas portas todas as fins de semana a partir do 2 de abril.

Colle gaita, acordeón... e ven a Malpica a descubrir o JacoVeo.



Isto último tampouco fai falta que o tomedes ao pé da letra. Eu penso ir co posto, unha muda se tal. 
28.3.04
 
Cetáceos e cetáceos



Se Ahab vivise hoxe aínda había tolear moito máis. 
  Isto é un político. Karmentxu entrevista hoxe a Pedro Calvo, que naceu en 'Ponfe', adolesceu en Lugo e agora é concelleiro de Gallardón:

P. La Feira do Viño de Quiroga le ha nombrado pregonero. ¿Conocen su afición a los caldos?
R. Sí. Debe ser en homenaje a las cogorzas que me cogía de más joven, cuando estaba en Nuevas Generaciones de Lugo. Me hace muchísima ilusión. Intentaré estar sobrio.


Non, se a culpa de todo vai ser do garrafón do Anagrama. Diosiño... 
27.3.04
  Mellor. Xa non deliro e o día preséntase bastante feliz. Para celebralo, recomendo un bonito videoclip, unha alegre canción e unha currada web, pertencentes a Eternal Sunshine of the Spotless Mind. A peli, que aínda non se estreou aquí, é a última do videoclipeiro Michael Gondry e parece moi apetecíbel. Para ir facendo boca podedes pillar Human Nature en DVD, que non é nada do outro mundo pero é ben curiosa de ver, sobre todo se vos prestan os desbarres mentais do señor Kaufman. Déixovos con este fermoso mar mentres collo ruta cara ao interior.

 
  Íntomas de ciebre. Levo varias semanas querendo ir como sexa ao concerto de Love, a última delas con certo trasacordo pois aínda estaba por ver o listado de comenencias da fin de semana, e cando por fin me decido a pillar a entrada un frío polar estona A Coruña e un quente febril o meu corpo. Primavera, disque, e non sei se me preocupar: a partir de cantas semanas un catarro se pode considerar crónico?

Á tardiña, logo de botar en correos unha caste de lotaría, fomos tomarlle unha infusión á tetería (tetaría?) da Cidade Vella. Entre as ducias de chas exóticos que hai na carta, por non arriscar escollín unha infusión "para o catarro", a saber qué levaría. Por de pronto, mel para edulcorar. Moi a gustiño quedei, mais a seguinte pregunta era: ata cantos cigarros se poden fumar para non sentirse unha demasiado culpábel e que a infusión catarral lle faga algo?

O placebo algo de efecto fixo, e xa me entraron outra vez ganas de ir ver a Love, pero foi saír de novo ao frío e reapareceren os íntomas. Ha ser mellor ir prá casa, ademais -animábanme- xa se deberon esgotar as entradas. E prá casa vin, onda a manta e a estufa e unha alfaia inédita que teño pra ler. E a tableta de Termalgin.

No portal, un encontro inesperado e austeriano, alguén que levaba meses sen ver e que me fixo recordar moitas cousas. Subimos e pimplamos media botella de Knockando, e falamos e rajamos e rimos. E fumo. E marcha. Efectivamente, pró concerto de Love. E quedo na casa, tusindo e ollando de esguello o Termalgin. Vouno tomar con outra infusión, e que sexa o que dios queira. Mañá vou pra Lugo, preciso que alguén me coide.  
25.3.04
  Aí aí, culturizándonos. En dous días consecutivos, a cara e a cruz do humor patrio son temas do día en culturagalega.org. Certas conexións temáticas fanme pensar que este que escribo é un blog cultural. O que me preocupa é o señor notario, el que opinará de todo isto?  
24.3.04
 
Si fuerrrra...



Rediós. Fixen outro destes test chorras para blogueiros, e miren o que me sae:

You are Lawrence Ferlinghetti! Modern rebel and owner and proprietor of the City Lights Bookstore in San Francisco, Lawrence Ferlinghetti is known for his playful tone and innovative style. He is MY favorite poet, and the works of lawrence are always eye-opening socio-cultural critiques in a light-hearted tone. He is recognized as one of the most influential poets of the beat era.

E vostedes? Si fuerrran un poeta famoso, que poeta serían?  
  Meus pobres. Veño de dar unha charla a rapaces de instituto sobre saídas laborais do meu, ejem, eido profesional. Como dixo o filósofo, quen queira aprender que compre un libro:



Estudiade teleco, filliños, teleco... 
23.3.04
 
The Ladykillers



Por máis Coen que se apeliden os que ousaron facer un remake de próxima estrea deste peliculón (en español titulouse El quinteto de la muerte), non penso pagar un céntimo por ir vela. Xa teño falado aquí do pouco que me convencen os Coen en comedia, e ademais é que a orixinal é demasiado boa, divertida e macabra para podela superar. Non hai máis que ver os piños de sir Alec Guinness para decatarse da maldade que esta panda podía chegar a ter (tampouco se crean) cunha pobriña e resistente velliña inglesa. Outro atractivo é a Londres de 1955, convenientemente camuflada poucos anos antes de se converter na Londres sixtie que todos mitificamos. Pois iso, pasen do cine e aforren pró DVD.  
  MANIFESTO contra os manifestos inútiles, un dos males que lle fixo internet a este país. Poden asinar embaixo, total é gratis.

1. Eu. 
22.3.04
  My flatmate. Isto era unha muller con moita, moooita paciencia. E un home que en vez de sangue nas veas tiña colacao.  
  Embiguismo. Parece que custa volver ao rego, o personal anda (andamos) revolucionado(s), é época de cambios en moitos aspectos, perdidos como estamos no século XXI (que vello quedas, Manu), na traducción e mesmo no hiperespazo. Levo medio ano con este blog e aínda non sei de qué ostia vai. Tranquis, non vou metabloguear pois é algo do que sempre fuxín, neste tempo fun posteando o que se me foi ocorrendo sen reflexionar nadiña sobre por qué o fago. Calquera intento ou conversa ao respecto dáme ademais unha dor de cabeza brutal. O caso é que nos últimos posts vexo unha tendencia ao interiorismo que contradí as teorías de Cesare e, por outro lado, non sei se me preocupa ou non. E polo visto non son a única, pero en fin, agora podémoslle botar a culpa á primavera. Era moito máis doado falar de política, va que si?

De volta ao exteriorismo, toda esta leria quería ser unha excusa para facer algo que hai moito que non fago: recomendar blogs que me gustan e dos que nunca falei. Van tres, en galego e relativamente novos: Ollos Remelosos, Sen noticias de Viggo (unha tipa que fala de Viggo Mortensen, de guisos e dela mesma) e o último, o de xmanoel, que nos leva de viaxe canda el por Las Vegas, Chicago e o Gran Canón. Eses sitios que algún día visitarei, se é que dou xuntado pasta e para daquela Longa segue vivindo alí.

E, como non, o formidable Quilombo da señora dot.  
  Orde. O plan de rachí burelés abortouse (ben, aborteino eu nun arranque de sentidiño e catarro asqueroso) e quedei por aquí toda a finde, expectorando e poñendo ao día unha serie de cousas que tiña que poñer ao día. Entre elas, tarefas domésticas. Pasarlle O'Cedar aos mobles non é o que se di o mellor plan para un sábado pola tarde, pero fíxeno escoitando a Bambino, que parece que é a moda, e quedaron relucentes. Arranxei as luces do salón, rebaixei o monte de deberes e sentinme algo mellor persoa. O sábado á noite era pra ir ver o roc-poc ao Coliseum, por aquilo de falar con coñecemento de causa, pero logo de tanta xeira non estaba pra moito funky e retireime para a casa. Adormecín no intento de ver Bananas con subtítulos en inglés.

A onde si fun, o venres, foi á reinauguración do Mil Lúas. Quedou xeitoso, puxéronlle luz ao baño pero aínda non hai auga corrente. Actuaban Mariclown, unha caste de Tricicle pero en tías, que debían ser moi boas porque o público ría moito, pero a nós unha columna impedíanos pillar a metade do que facían. Alí quedamos despois un bon cacho, do aviso policial tampouco me enterei porque estiven de palique para variar. Estivemos vendo o programa de próximas actividades do Mil Lúas, que incluía un xantador vexeta (trad. comedor vexetariano) e o que máis nos chamou a atención: sesións de escoita musical os domingos pola tarde. Este domingo tocaba Bela Bartok e para o seguinte AC/DC. Se a música amansa as feras, os porros nin che conto. A risco de ser autoxestionadamente incorrecta, a min de resaca case me entra mellor o Carrusel Deportivo e fumar un purito Reig.

O resto da ponte consistiu en poñer orde, así en xeral e tamén en particular. Nin sequera me deu por bloguear, será que non estou tan posuída. A expectoración vai indo a menos. Será que fun boa? Podo ser mellor.  
19.3.04
 
Gafe?



Leo a entrevista que lle fan a Susana Seivane no Fugas. Frivolizando un pouco (ou dito á galega, que dios me perdoe), eu se fose a Seivane habíame preocupar: Hai dous anos e medio funlle a unha presentación que facía en Cecebre para os medios do seu disco Alma de buxo, e horas máis tarde un par de avións espetábanse contra as Torres Xemelgas de Nova York. Hai algo máis dunha semana convocaba de novo os xornalistas para presentar o seu terceiro disco en Vigo e adiviñade qué día foi. Susaniña, non é por nada, pero para o cuarto mellor que te conformes con mandar unha nota de prensa, non vaia ser.  
  Primeira resaca da era ZP, e a verdade é que non se diferencia moito das anteriores. Onte, visita fugaz a Santiago, que estaba petao pois era xoves pero tamén era venres. Festa crecha na Nasa, con acopio de licor café e posterior intento fallido de comer uns callos no Galicia ás seis e media da mañá. O meu estómago hoxe agradéceo. Por certo, presentáronme o magho Romarís, e ben magho que é. Xa quedei como cibermánaller oficial, engadindo outro concepto máis á miña longa lista de profesións non remuneradas. Así non hai quen saia de pobre.

Neste venres feliciteilles o santo aos meus proxenitores por teléfono, pois toca tarde de deberes na Coruña. Mentres tecleo nos deberes fago dous descubrimentos gratos: 1) A Watling non canta mal e ten cancións ben bonitas. 2) A cocacola ao limón que levaba meses no frigorífico tampouco sabe tan mal. O que fai a resaca, diormío.

Con estas nubes primaverais o mar está impresionante. Mañá vou a Burela, de rachí.
 
17.3.04
 

Téñome que preocupar?

37.5 %

My weblog owns 37.5 % of me.
Does your weblog own you?


 
16.3.04
  Oquei, paro de citar a blogueiros madrileños (Genís é catalán anque para o caso é o mesmo). Pero deixémoslles algo de protagonismo, á fin e ao cabo 2 dos 5 escanos que conservou IU veñen da capital do Estado. Os mesmos que quitou o Bloque aquí. Xa se sabe, os galeguiños e os traballadoriños andamos por aí prestando os votos e logo a ver quén nolos devolve. De todos xeitos non teño claro que os votos perdidos teñan volta. En todo caso, o que me preocupa é saber quén llos prestou a quen.

E nin sequera iso me preocupa. Hoxe estou como cando empezo unha libreta nova, cunhas tremendas ganas de vivir o medio século que me queda por diante. Gracias a este sol (anque xa me empeza a mosquear que chova tan pouco), a cetapé e a Charli Faber, que nos pincha catarse á hora de cear. O malo, agora que o penso, é que eu nunca acabo as libretas, non chego nin á metade e xa teño que empezar outra para recuperar a ilusión. Non teño nin a menor idea de qué quero dicir con isto pero é así. Qué brutiña me deu dios para isto das metáforas. E negada para o aforro, pois tamén.  
  Genís: Creo que si esta vez he usado mi derecho al voto y he decidido, además, emitir un voto "útil", ha sido no sólo por el jaleo popular y el cabreo personal: ha sido gracias a que se han cancelado los últimos días de la campaña electoral. Dos días más viendo, escuchando y leyendo sus discursos, sus slogans y sus logotipos hubieran alimentado mi natural alergia y mi total rechazo a todos los políticos.  
15.3.04
  Máis lecturas. Nacho Escolar, que estivo estes días ao pé do canón madrileño informando dende o seu blog, agradece a atención prestada e di: "Escolar.net no es un medio de comunicación ni pretende serlo. Ya trabajo en bastantes como para poder permitirme mantener uno propio. Un blog es una conversación y, en mi caso, es además el sitio donde puedo escribir de forma desenfadada y subjetiva. Si los periodistas somos putas, yo aquí follo por amor. Es la charla de café que tendría con mis amigos". Pois gracias, amigo.

 
  E Héctor manda esta imaxe: O slogan eleitoral do PP (Juntos vamos a más) converte-se no revelador os a má (foto El Correo Gallego).

 
  O amigo Benlloch, que é dos que aínda bloguea por e-mail, espamea este artigo de David Ugarte nas Indias. Quédome co último párrafo, pola parte que me toca, pero fagan o favor de lelo enteiro...

"La generación nacida entre 1970 y 1980, la generación de los Spectrums y el SMS, de la web y los keitai, pero también como comentaba Zruspa, la generación de las víctimas del 11M y los manifestantes del sábado, representa otro tipo de identidad y otra realidad de país. Se abre un tiempo en el que nos va a tocar repensar el mundo, pero también en el que vamos a tener oportunidad de explicitar alternativas y opciones. Rajoy recibió un SMS y devolvió una llamada perdida. Sayonara, baby." 
14.3.04
  Luz. Aínda estou fregando os ollos. Mañá se tal comento. Atendan mentres ao que di Suso de Toro en Vieiros, especialmente acertado no que ao Bloque se refire. Boa noite.  
  Magreo. Pensei que co do Prestige e co da guerra de Iraq o goberno xa alcanzara as máis altas cotas de infamia con respecto (é un falar) ao dereito á información. Pero o de onte superou todo: perderon os papeis, o pouco decoro, sutileza ou disimulo que puideran ter ata o de agora esgotando os últimos cartuchos de caradura antes das eleccións: Rajoy apelando á cidadanía a que non proteste contra el porque "é ilegal"; Ana Palacio remitindo unha carta a todas as embaixadas na que ordea que se atribúa oficialmente o atentado a ETA; a última hora o PP facendo xuntar a Xunta Electoral a ver se poden adiar as eleccións porque seica estamos en Estado de Excepción, e TVE poñendo "Asesinato en febrero" en vez de Noche de Fiesta. Isto xa non é manipulación, directamente é magreo.

Onte á noite estivemos 300 persoas pasando frío en Lugo berrando diante da sede do PP. Non sei se valeu para algo, ser eramos os de sempre, pero despois de ver a Rajoy na tele eu tiña que botarme fóra a cagar na mai que os pariu. A televisión (o electrodoméstico) tampouco tiña a culpa.

A ver qué pasa hoxe. Como volvan gañar é para pensar seriamente o de vender as leiras e arrincar para o Xapón. Témome que o van facer. Agora que parece claro que foi Al Qaeda (con probas, sen elas Acebes non tiña "ningunha dúbida" de que fora ETA), a xente vai coller medo. Xa non pánico nin espanto nin pavor coma estes días, senón medo, un temor frío e desconfiado que seguramente favoreza o malo coñecido. A xente nestes casos agárrase ao pouco seguro que ten, por descontenta que estea con el; non está agora para votos de castigo, non vaia ser o demo. Por non falar de que a inseguridade e o medo normalmente favorecen a dereita, a mau dura e o recorte de liberdades. A que nos espera.

Oxalá me equivoque. Nestes días, igual que no último ano e medio, pareceume albiscar algo de madurez entre a cidadanía. Espertamos de certo apirolamento, tal vez a base de levalas, e non sei, aínda que hoxe non cambien os escanos (é demasiado cedo) nós si que teremos cambiado. Espero que a mellor.

Engádega: Este lumbreras que escribe en Libertad Digital (que non se diga que toda internet é de esquerdas) deume clase de Dereito da Información. Mellor dito, deu clase. Eu nunca lle fun.  
13.3.04
  Reflexión, ou un intento. Hoxe é un deses días que podería botar horas e horas conducindo. E xa fixen os meus quilómetros: percorrín 3 provincias para comer un cocido na Agolada, a Kansas galega, un sitio ao que me presta moito ir. Non só polo cocido e pola boa xente que mo ofrece, senón porque é das poucas ocasións que me obrigan a facer o traxecto dende A Coruña por unha das estradas máis fermosas que coñezo: a que pasa por Oza dos Ríos, Cesuras, Curtis, Vilasantar, etc. Ten basicamente todos os elementos que me gustan dunha estrada: boas curvas, monte baixo, casas chulas (algunhas de madeira coma a que quere facer miña mai na aldea), e curiosa toponimia (Mondoi, Porzomillos, Cines, Lourdes, Burricios...). A pouco solete que vaia, e se levas a música axeitada, é bastante parecido aos anuncios de BMW, mellorando a cilindraxe presente. Faltábame a música porque saín da cidade escoitando a homilía dos sábados do Padre Souto, dedicada hoxe en boa parte a Luísa Villalta. A súa voz perdeuse por entre os eucaliptos de Cesuras; cunha mau busquei un disco calquera, por exemplo Lambchop, e con tanta beleza e reconforto dixen: vou reflexionar.

Reflexionei ata chegar ao destino, onde estaba a mesa posta. O cocido foi moito e moi bo, mais sinceramente espero que sexa o último por unha temporada. A sobremesa foi larpeira e divertida, saímos facer a dixestión á raxeira da Ermida -que ben se está cando se está ben- e aproveitei que parte dos comensais se dispuñan a facer un roteiro ata un petroglifo para abrirme e vir para o meu Lugo querido. Co bandullo cheo e uns risos botados, a operación reconforto ía ben.

Contribuíron uns grolos de augardente torrada da Ulla, os xustos para non dar positivo no soplómetro (creo) e levar un punto medio feliz a 110 pola estrada co esplendor amarelo-toxo da Ulloa ao meu redor, o sol deitado das seis da tarde e Lambchop no loro da pequena pero veloz Dorinda. Entón dixen: vou non pensar.

E podería seguir dando voltas e voltas conducindo, escoitando música e non pensando. Pero parei, logo dun rodeo innecesario pola periferia de Lugo, e xa na casa non me quedou outra que baixar de onde quer que estivese á crúa realidade dos xornais, dos partes e de internet. O sangue vaise lavando, iso que é unha mancha que por máis que lle fregues non sae, e aínda así retórceseme o páncreas: o madeiro que matou o panadeiro, a indecencia do Goberno, que vai a máis; e, nun plano algo máis lixeiro, o imbécil este que sempre ten algo que dicir con tal de darse máis publicidade. Pero non che pedimos que calaras a puta boca?

Creo que aló vai o cocido. Dispensen. 
11.3.04
  Bucles. Durante o día presteille a atención indispensable o atentado de Madrid. Cada vez que levantaba a orella da concentración que tentaba conseguir para traballar, aumentaba nunha ducia o número de víctimas. Pero non lle fixen demasiado caso, non quería deixarme levar polo shock nin pola curiosidade informativa, nin escoitar algunhas estupideces que me estaban chegando polo aire da oficina: tiña bastante choio e a mediodía unha amiga coa que xantar e falar das nosas cousas, mentres o camareiro do Dublín tampouco quitaba a orella do transistor. Pola tarde o traballo proseguíu e as víctimas aumentaban, agora de tres en tres. As declaracións aumentaban de cinco en cinco, e aquí si que xa desconectei: metereime o atracón televisivo cando chegue á casa. E aquí estou. Zapeo e o que hai en todas partes son bucles con imaxes de trens, de mortos, de feridos, de xente carrexando feridos, de xente desesperada, de madrileños, de ecuatorianos, de marroquinos, de políticos, de xefes do estado, de epítetos, de condenas, de carraxe e de incertidume. Levo 20 minutos diante da tele e hai unha señora rubia que xa sacaron chorando 4 veces. Pois xa me chegou. Vin moito máis do que precisaba, as imaxes non me puxeron máis triste do que estaba sen velas. Agora o que queda é que se enterren os mortos e se curen os feridos. Non quero ver os políticos dicindo que seica se acabou a campaña. Mentira: hoxe si que se xogan os votos, e eles sábeno ben. Hoxe si que lles escoitan os discursos, os xornalistas atenden con lupa ás súas declaracións. E pouca diferencia hai coas de onte. Escoitei "España" e "españoles" tantas veces ou máis ca estes días. Nas televisións puxeron un lazo negro, en TVE engadíronlle unha bandeira de España. Ui, que medo me dá todo...

Fódeme que Aznar se vaia retirar coma un heroe. Fódeme que me cancelasen o concerto no Playa. Fódeme que lles cancelasen os plans a toda esa xente.

Fodeume tamén a morte de Marcos. Fódeme que Catu quede sen pai. Fódeme que se lle pare o corazón a xente boa e simpática de corenta e pico anos e que outros con 80 e un marcapasos anden tan tufos por aí.

Fódeme ver a morte toda xunta. Tan cerca, tanta e tan inxusta.  
  Non teis casa? Despois de Xapón e Brasil o meu terceiro país favorito é Suecia, un sitio onde a xente ten moita máis gracia da que pensamos. Coa consigna "Os homeless tamén temos vida sexual" , ducias de sen-leito puxéronse a fornicar nunha céntrica praza de Estocolmo para reclamar un sitio onde podelo facer con algo de intimidade, e de paso denunciar un Estado do Benestar que os varre para debaixo da alfombra. Non poño aquí fotos porque mo impiden os donos e mais un certo decoro, pero nesta páxina poden ver unhas cantas, e aprender para a próxima manifestación. É só unha idea.  
10.3.04
 
O mago Romarís



Que non sei como chegou a este blog pero tivo a ben deixarnos o enderezo onde atopar unha foto súa. E si, é Romarís e non Romariz. Normal que non o atopara no Google. Xa se sabe que ando ultimamente algo despistada con isto da grafía... Mil desculpas (a Romarís).

Gracias, magho! 
  Carta do PePe de Ja

Estimado/a amigo/a:
Os candidatos á presidencia de Goberno do PePe de Ja queremos convidarte á marcha de peche de campaña que se celebrará o vindeiro venres, 12 de marzo. A comitiva sairá ás 18:00 h. do local de información de Burla Negra-Nunca Máis e percorrerá as rúas de Compostela, repartindo música, mitins, sorrisos e bicos "a quen se poña a tiro" (Perez Varela Perpetrix).


Continúen lendo na web da Burla Negra e logo fagan o que consideren. Con este conto acordeime dun tal Pepe Bravío que a pouco non se presenta ás autonómicas do 2001. Meu deus, como pasa o tempo... 
9.3.04
 
Collendo pista para o exilio...


Quen se apunta?


Así e todo, qué ben penso durmir esta noite, soñando coas cousas que realmente importan. Por exemplo o dépor, que gañou.
Gracias Cesariño, pola idea. 
  TRENDSETTING. Amigas miñas e dos trapos: descubrín unha tenda en Santiago que é total. Cando fun tiñan aínda rebaixas con roupa a granel do máis chulo e a metade de prezo. Pero o que de verdade están arrasando son as camisetas, con motivos galegos e sobre todo composteláns. Mítica é xa a de Chuzos de punta ou a de Pemán, pero as miñas favoritas son as de Praystation co logo da catedral e a de Nonentendo, co logo da consola. E teñen moitas máis, apurade antes de que as leve todo o mundo pois xa se sabe que estas cousas logo perden a novedá e con ela a gracia e acábanse usando só para durmir. A tenda chámase Funil e está na rúa de San Pedro, esa que agora ten unha entrada que parece Star Trek. Na Coruña sigo recomendando Nicetrip, do colega Antón Zapping, que fai camisetas e chapas do máis pavero. Está na rúa Curros Enríquez. Ningún dos dous sitios me paga a publicidade, aclarado queda, anque unha rebaixiña na próxima visita tampouco estaría mal.

COOLHUNTING. Son fan total do Mago Romariz, que o vin por segunda vez na Ultranoite electoral do sábado. Tamén trinfaron Os da Ría, iso que xa me sabía a canción de memoria, e coa conversa entre Carod e ETA a pouco eskerrikasko da risa. Pero Romariz é o mellor. Se alguén ten unha foto del que ma mande pra poñela aquí.

É que no Google non había nada nin das tendas nin do mago este. Modestamente, agora si.  
 
Vol. 1



Recén chegada dunha estraña fin de semana en disneilandia, o domingo metinme a ver Kill Bill. Que seguramente sexa o próximo top-post cinéfilo entre os blogs coñecidos, como foi Lost in Translation. Non serei eu quen lles quite de ir vela. Superado o primeiro cuarto de hora en que xa ves que a película non ten xeito nin dreito, o mellor é acomodarse na butaca e dispoñerse a gozar do espectáculo: Tarantino substituíu as pistolas por catanas, os homes de negro por belidas rapazas, as habitacións pechadas por pantallas de videoxogo e os diálogos escarallantes por unha posta en escena completamente fermosa e espectacular. Tamén hai algunha escena chunga chunga, sobre todo na primeira parte. O anime do medio é unha chulada. Insisto no meu esnobismo: que viva Xapón. E Tarantino tamén, por facer o que lle sae dalí. 
5.3.04
  O que dicía do Fertimón: Trapobana é o weblog do compañeiro Sao Tomé.  
  Es el fascismo, estúpido. Sobre o mesmo tema, non deixen de ler o artigo desta semana de Guillem Martínez en Interviú. Cómo dobro con este home.  
  Haberá que falar das eleccións, cousa que me dá unha preguiza terrible, como toda esta campaña en xeral. Ultimamente paso moito da tele e da política, o único que me amola é que hoxe deixasen de botar na Dúas a miña segunda serie favorita por entrevistar o candidato de Coalición Canaria. É máis, se a do 13-M é moi gorda se cadra nin vou votar. Niso non teño segredos: quen perdería o meu prezado sufraxio serían os de sempre, ou os do nunca, como lles chamou onte Fraga todo cheo de razón. Total para qué, para acadar grupo parlamentar próprio e que Quintana teña por fin opción a un guiñol (lástima de Beiras) e a unha portada na revista Zero?

Ben pensado, farase un esforzo.  
 
Bao


Ma che cosa???
 
4.3.04
  A ver, cousiñas…

Noticia triste: o Emo, emblemático pub de Lugo onde teño deixado ben horas e ben cartos, pecha as súas portas como antro nocturno e reconvértese en cafetín. Cousas dos horarios e dos concellos (coidado, Orozco). Mandémoslle un bombai polos vellos tempos, ou non tan vellos.

Estou vendo a reportaxe do Plus sobre o lado humano de Rajoy. Aínda non llo atopei, pero si podo dicir que ten un irmau guapísimo, que sería máis guapo se non falase coma el.

Fíxome gracia o post de deneno sobre Jaureguizar. Concordo en case todo. Comecei Casa Skylab e polo de agora estame gustando. Si que molaba un blog del. Se ten tempo, non creo que tarde.

De feito, o blogmillo medra e medra (botaríanlle Fertimón?): Do de Peke seguro que xa souberon por Cesare. E ía presentar en sociedade o de São Tomé pero deixei o enderezo no correo do choio. Teñan paciencia.

Por min non se preocupar. Comprei dous pintalabios e xa estou de moitísimo mellor humor. Mais sigo precisando uns zapatos, e un electricista.  
3.3.04
  Lost in calzation. Levo xa un tempo cunha certa desazón relacionada cun dos poucos temas tabús que hai neste blog, e acentuada hoxe pola choiva e o SPM do que falou a Pépi unhas semanas atrás. Acudo ao señor Twinings (de apelido Earl Grey) para que me axude a meditar, pero como non saco nada en limpo decido que a señora Catro Be vaime ser moito máis útil: preciso uns zapatos. Como chove non queda outra que ir ao centro comercial. Mal empezamos. Quixera saber qué drogas consume o que deseñou a moda dos pés desta temporada. Eu só quero uns zapatos con algo de tacón que non sexan puntiagudos, e os que non teñen punta son unhas francesitas que a Françoise Hardy e a Manolete no seu día quedaríanlles moi ben pero que os meus pezuños do 40 non admiten, por non falar dun mínimo criterio estético. Así que nada. Regreso á casa con complexo de hobbit mentres penso que en valado-city todo é máis doado. Hai días que era mellor non se erguer da cama. A ela vou.  
  The End. O camarada São Tomé remíteme esta sobrecolledora noticia do Diario de Ferrol: O grupo Bucanero substitúe no programa “Luar” da TVG aos populares Tonechos.

A noticia non comenta nada sobre as razóns deste cambio tan súpeto, pero dado o momento de éxito total que estaban vivindo nos últimos tempos, cativando a público e mesmo a crítica especializada, seguro que os motivos son suculentos. Haberá algún medio espilido que teña a ben fozar neste e noutros intríngulis da teuvegá que todo o mundo escoita nos bares e os poña a disposición da opinión pública? Sería xusto e necesario. Por aí adiante xa o fan.

En todo caso, je suis desolée... 
2.3.04
  Contribución á ciencia. Avenida de Juan Flórez, 8.15 p.m. Un cámara de Telecoruña e unha reporteira moi dicharacheira píllanme por banda. Intento fuxir, pero entre que "es sólo un momento" e que a cámara xa está encendida non teño moito pra onde. A tipa achégame un cestiño con limóns e dime se son capaz de comer un sen poñer cara de grima. Xa ves ti, collo o anaco de limón e métolle unha trabada sen pestanexar mentres lle sorrío ao cameraman. A reporteira, que queda moi admirada da miña impasividade cítrica, agradéceme a colaboración e eu, que non dou creto, sigo polo meu camiño lambendo no que queda do anaco. Que cando emiten emiten tan extraordinario experimento? Nin o sei nin o quero saber.  
 
The Station Agent



Unha película cativa, como o protagonista, pero ben bonita, como o personaxe protagonista tamén, este home tan guapo e tan bo actor que vedes na foto. Tres personaxes dos que a maior parte da xente apartaría como da peste: un anano rosmón e cabreado co mundo, un cachas tan pesao coma o compañeiro de pupitre de Jean-Sol e unha señora que non está moi alá dos nervios. Pouco a pouco, cada un deles atopa nos outros dous a compañía e a alegría que precisa, e os os tres conseguen unha amizade chulísima, cabreos incluídos como en toda boa relación cando é sincera. Ide vela en canto poidades. A Pawley tamén lle gustou.  
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
setembro 2003 / outubro 2003 / novembro 2003 / dezembro 2003 / janeiro 2004 / fevereiro 2004 / março 2004 / abril 2004 / maio 2004 / junho 2004 / julho 2004 / agosto 2004 / setembro 2004 / outubro 2004 / novembro 2004 / dezembro 2004 / janeiro 2005 / fevereiro 2005 / março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger