Todo nada
27.4.04
  Neoloxismos: Bicoastal

Segundo definiu Juan Cueto hai unhas poucas semanas no EPS, dise do cidadán que vive a cabalo entre dúas metrópoles ou, máis propiamente, entre dúas costas. Poñamos por caso, Los Ángeles e Nova York. Ou Rianxo e Vilagarcía (se ademais tes alí dous amores xa sería bigamia, di Carlos Blanco; e a ostia, digo eu). Tamén vale entre Coruña e Santiago, anque esta última nin teña costa nin sexa, con perdón, metrópole.

Ese podería ser o meu caso. Dende hai algo máis de tres anos vivo feliz na Coruña, é a cidade onde traballo, paseo, fago compras, vou ao cine, a concertos, tomo garimbas, xelados Farggi e de cando en vez unha menta poleo. A cidade dende a que blogueo as máis das veces tamén. O clima e a amplitude de espazos permítenme camiñar a gusto, e asegúrovos que non preciso moito máis que calzado cómodo e unha bolsa de pipas Facundo para darlle as grazas á providencia por me pousar neste “balcón atlántico” no que cando non hai un fermoso solpor para regalar a vista sempre haberá un remozado escaparate ou uns atléticos surfeiros. Gústanme as cidades nas que hai para ónde mirar.

O cal non quita que, cada pouco tempo e moitas veces sen avisar, escape a Santiago a “mamar da teta” como di miña mai. A “teta” aquí é un concepto non moi difícil de explicar: alí están a maioría dos meus amigos, vellos e novos, os bares de sempre e boa parte das lerias ás que me interesa acudir, que case sempre se prolongan ata altas horas da mañá. Digamos que é a cidade cómplice, onde non preciso demasiadas explicacións para facerme entender. Case toda a xente fala a miña lingua, cousa que agradezo aínda que sempre me fío máis do contido que do continente, e para ben ou para mal, ao final todo o mundo se coñece. Se vas uns poucos días, para ben.

Como dixo alguén, Compostela é o parque temático do rollo guai. Supoño que por iso lle acabo chamando con sorna e certo amargor disneilandia, porque anque o paso moi ben paréceme algo afastado do mundo real, e demasiado pouco acorde cos meus biorritmos: vivir en disneilandia todos os días ten que cansar. Isto afírmao alguén que nos anos universitarios deixaba os biorritmos nos váteres da Calexa e do Bartolo a golpe de luns, non vaiades pensar.

No medio desta división apolíneo-dionisíca está Lugo, lugar imprescindíbel para recargar as pilas (e a despensa, a qué negalo) a onde acudo cada 2 ou 3 semanas, coa ansia de descansar, facer as visitas de rigor e tamén algo de gasto na hostalería noturna, onde novamente se coñece todo o mundo anque sexa só de vista. Odio a palabra raíces (peor aínda é raigames), pero chámense como queiran está ben non perdelas.

Mil grazas a Juan Cueto: o que eu cría esquizofrenia locativa resulta que é o máis cool que hai. Aínda así non debe ser o mesmo pillar o puente aéreo que o Castromil, e xa non digo o Freire, Plan Galicia mediante. A miña patria é Dorinda. Ben deito dela.
 
 
The Cooler



Non vaiades ver esta película. Nin William H. Macy a salva. A que inexplicabelmente se namora del no filme chámase María Bello pero non é de dos Bello de Cospeito senón ianqui (ben se ve) e descendente de italianos e polacos. Se como a min vos molan as pelis de casinos pillade outra calquera, en serio.  
 
Isto era un home



Que porte, que elegancia, que aire de misterio e que gafas de sol... Sen dúbida Andrés Lapique Do Barro foi o nacho con máis sex-aquel que deu Ferrolterra (quen che dera, Jesús), por non falar das súas marabillosas cancións e da súa sentida militancia idiomática e neofalante. Así o dicía na funda do seu disco Me llamo Andrés, 1970: "Me llamo Andrés y soy Gallego, conocí un gallego que decía que le fastidiaba serlo porque se le notaba. A mí también se me nota, y me siento orgulloso". Descubrín que ten unha web oficial bastante xeitosa, anque incompleta, na que podedes atopar letras, partituras, mp3 e impagábeis vídeos das súas actuacións televisivas cantando O tren ou Corpiño xeitoso. Tamén atopei estoutra páxina que lle dedica unha fan. O vindeiro decembro cúmprense tres lustros do seu prematuro pasamento, vaia este post como primeira e humilde homenaxe. Podedes baixar esta pedazo canción do kazaa pero neste caso recomendo visitar o Alcampo, que teñen os cedés a 5 euros. Gastade un peso, por unha vez.

Corpiño xeitoso

¡Que muller mais xeitosa
a que eu alcontreí!
¡Que doces foron as verbas
que eu lle escolteí!
Lla ficaba na praia
deitada na area;
cos meus ollos abertos
eu ollei pra ela.
Eu lle dixen: ¡Ven!
E me dixo: ¿Qué?

Deixame vercho corpo dourado
polo sol primeiro do mes de abril.
Ergue as tuas maos ate que cheguen ao ceo,
colle as estrellas, foron feitas pra ti.

Teu corpo xeitoso, indo sobor da area,
o teu movimento e comas ondas do mar,
teu doce balanzo coma o vento té leva,
teu corpo xeitoso quer botarse a voar.

¡Que feitura levaba no seu camiñar!
Confundin o seu paso co meu palpitar.
Cando ela chamoume fun a sua beira
Abondaba o seu corpo pra vela primaveira.
Eu lle dixen: ¡Ven!
E me dixo: ¿Qué?

Deixame vercho corpo dourado
polo sol primeiro do mes de abril.
Ergue as tuas maos ate que cheguen ao ceo,
colle as estrellas, foron feitas pra ti.

Teu corpo xeitoso, indo sobor da area,
o teu movimento e comas ondas do mar,
teu doce balanzo coma o vento té leva,
teu corpo xeitoso quer botarse a voar.


Dedicada a todos os corpos dourados por este sol primeiro do mes de abril.  
26.4.04
  É xa algo tarde e veño de tender a roupa fóra coa esperanza de que mañá pola tarde estea enxoita. Será a proba definitiva de que o vrao xa chegou, aínda que se empece a esfarelar o mércores, se nos poñemos significativos. Molou a finde. Sobre o venres remítovos á crónica dun grupi (como o meu é a crónica de ambiente engadirei que nunca tanta xente do gremio vin nun concerto), e veño igual de preguiceira para contar o resto, así que nada, vou botar cremiña no brazo encarnado, que non hai cousa máis ridícula que empezar a pelar en abril. Ide pola sombra.  
25.4.04
  Outro día xenial para conducir. Traio o brazo esquerdo todo colorado. Que guai.  
23.4.04
  Ghoventú. Outra vez grazas a ascárida (nena, o blogmillo farache un monumento) dou con De Vigo a Ordes, un blog caralludo duns rapaces ordenses estudantes de teleco. Non se perder o post de Landeira titulado Tas buenisma ou o de Diego sobre a Festa do Champiñón. E por eles enlazo á web de Ales e Adri, dúas irmás santiaguesas de 15 e 18 anos que van a Eslava e veranean no Pindo. E como rapazas do seu tempo, gustan de Fran Perea e Mago de Oz, non como a rabuda da Pépi...

Xa lles direi aos vosos pais o que facedes enverde estudar.  
 
Popis no Tarasca



Como cambian os tempos, Venancio. Mais supoño que seguirán chapando o garito co Grândola, e na madrugada do domingo con máis razón.

E hoxe veremos este home na Capitol.  
22.4.04
 
Big Speaker



Como voceira autoerixida no blogmillo da VA-CA e membra fundadora-solidaria de O Falo, permítome copiar e pegar esta proposta para que a TVG faga unha adaptación de Barnetegia, un concurso da ETB tipo Big Brother "em que um fato de «euskaldunberriak» (neofalantes) se recluirom numa casa durante três meses para melhorar a sua língua e de passagem praticar «edredoniak».

Por enquanto, a TVG ainda nom emitiu nengum programa baseado na fórmula da telerrealidade, com excepçom da detalhada retransmisom nos telejornais dos encerros pascoais da Xunta em mosteiros e paradores. De facto, parece ser que após o último cónclave de Monforte de Lemos, algum conselheiro já está «nominado».

A Sociedade Galega de Neofalantes «O Falo» suspira com a possibilidade de termos na Galiza uma experiência sociológica semelhante ao «Barnetegia». Haveria uma casa rica (tipo turismo rural) e uma casa pobre (tipo palhoça ancaresa) e duas equipas (uma viguesa e uma corunhesa, por exemplo). As provas consistiriam em pronunciar correctamente frases como «a pola está na póla», colocar bem os pronomes, palatalizar com jeito, velar polo ene velar ou usar fraseologia do pais (com entoaçom descendente, é claro). O prémio consistiria numa viagem ao carnaval de Rio de Janeiro, onde o vencedor ou vencedora do concurso poderia desfrutar das vantagens lusófonas da nossa língua. Beleza!!!

Na sua linha de defesa do colectivo neofalante, «O Falo» anima-vos a dirigir-vos à TVG pedindo um «Barnetegia» para a nossa língua: crtvg@crtvg.es"
.

Tamén podemos ir máis alá e propor un celeb-reality, que ben se podería chamar "A lingua dos famosos" , presentado por Paula Vázquez, marabelosa neofalante. Xa se me ocorren uns cantos candidatos: Ana Pastor, Juan Pardo (Jotapé), Pepe Domingo Castaño, Laura Ponte, Alberto Comesaña, Luz Casal, Marina Castaño, Abel Caballero, Monseñor Barrio, Silvia Ghato, Míchel Salgado... vexan que vou mantendo a paridade. Algunha idea máis? 
21.4.04
  Turcos. Desculpade esta baixa na productividade, cuantitativa e pode que cualitativa tamén. Pero co que pagades por entrar aquí tampouco se me poñer esixentes. Dediqueime a cousas ben pouco interesantes que me tiveron algo apartada do mundo blogueiro, anque confeso que andei moi entretida comentando en poleiro alleo (cheo de polas, por certo). Custa un chisco actualizar cando se perde algo de práctica, ou de vicio, mais a portada esta do chicarrón non-che-me-vos gusta nada, así que aí vou. Contarei que onte en Santiago coñecín a Hannes Stöhr, un alemán moi simpático que estivo de Erasmus hai uns anos en Compostela e vai dirixir proximamente aquí unha peli titulada Galatasarai-Dépor. Ou parte dela, pois o filme transcorre en catro cidades distintas (Moscova, Estambul, Santiago e Berlín) mentres se xoga a final da Champions entre estes dous equipos. "Turcos contra turcos", como ben di o personaxe picheleiro que interpretará Miguel de Lira. Coproduce Reixa, rodarase este verán e ten moi boa traza. O alemán deume unha tarxeta co enderezo da súa web, que non ten gran cousa pero agradécese o esforzo na (múltiple) traducción.

E esta noite veremos se isto de ter o dépor na final da Champions é ou non é ciencia-ficción. Hei gozar moito vendo xogar os meus dous equipos favoritos, de feito son os únicos aos que lles festexei a consecución da Liga in situ. De todos xeitos agardo que o guapetón de Vítor non estea hoxe moi fino. Força Dépor! 
18.4.04
 
Rock "garrulo"



Hai uns días anunciei, nun exceso de arrogancia, que sería a primeira en criticar o disco dos Heredeiros da Crus. Non sei se xa se me adiantou alguén, en tal caso mellor para el ou ela. Merquei o disco e escoiteino unha vez e media, así que pouca crítica lle podo facer. O certo é que musicalmente non me interesan case nada e no letrístico hai tempo que me deixaron de facer gracia, pero sobre todo depois de ver o dvd que acompaña Chicarrón teño que recoñecerlles moitísimos méritos. Primeiro, que fosen as primeiras (e de momento últimas) auténticas roquestars da Galiza, tocando rocanrol en estado puro e facendo corear ás masas letras con tanta mensaxe como “pirola na cona” ou “quero josar” . Que fosen os máis chulos e os máis gamberros enriba e embaixo do escenario. Que soubesen contar historias de pimpíns, de chincláns, e da xente que anda ao mar e conectar non só cos pescos senón tamén cos do interior. Que fosen tan zafios e politicamente incorrectos. Que tivesen tan poucos amigos dentro da “escena” e tantos e tantos fans. Que teñan sido os únicos cos juevos de tronzar unha guitarra eléctrica enriba do escenario, lanzarlla ao público e logo pedírllela outra vez para acabala de tronzar. Iso, acho, é o espíritu do rocanrol, se é que existe tal cousa. E como boas roquestars que a pouco non morren de éxito, son incapaces de retirarse a tempo e insisten en seguir sacando discos sabendo que o seu momento xa pasou, aínda que sigan tendo unha boa recua de fans que lles segue indo aos concertos e se acorda de memoria das cancións.

En conclusión, que pese a quen lle pese “Son fillo de José” foi todo un himno xeracional. E que todos levamos un garrulo dentro, anque o tentemos disimular.

Do disco, que non sei se escoitarei moitas máis veces, pouco que engadir. Inclúe algunhas letras en español, pero sobre ese particular que proteste A Mesa, se quere.
 
 
Rock "intelectual"



Volve Loquillo, co que queda dos Trogloditas e cun disco titulado Arte y ensayo. En xeral desconfío de todo aquel que se fai chamar a si mesmo intelectual (ben, confeso que desconfío de case todas as autodenominacións), máis no mundo do rock, e convirán comigo en que no caso de Loquillo o medo está máis que xustificado. O seu excompañeiro Sabino Méndez retrátao moi ben (o de "ben" é un dicir) no libro Corre Rocker, autobiografía do propio Sabino, dos Trogloditas e do que foron os oitenta no plano musical e no plano estupefaciente.

Na web de Loquillo vén o conceito “arte e ensaio” explicado para burros e cuns cantos referentes de manual. O texto ao parecer escribiuno Tito Lesende, un dos poucos (ou dos moitos, proporcionalmente) críticos musicais galegos, e actual correspondente da SGAE nesta parte que agora chaman Noroeste:

Era cuestión de tiempo: el rock corre peligro; escondámoslo de estilistas y alimañas y llevémoslo de vuelta a la madriguera. Las mejores cosas de la vida se cuecen en lugares pequeños y oscuros, como las salas de cine. El arte y ensayo no sabe de modas o tendencias, no entiende de intereses, límites ni fronteras. Del conflicto y la represión brotaron Truffaut, Buñuel y Zulueta (válgaseme la disparidad) como un sarpullido; de la castración del pop español, pues, debería germinar una nueva manera de hacer las cosas. Tabula rasa y a vestirnos por los pies. Como Ethan Edwards en Centauros del desierto, siempre de espaldas al camino fácil, fijémonos un objetivo y no nos conformemos con menos que todo. Reconquistemos la radio desde las salas de arte y ensayo. Pero hagámoslo con el cargador repleto de plomo, al estilo William Blake: una bala de virtud, otra de inteligencia y la tercera por el derecho a una estética propia, por fuera y por dentro. Porque arte y ensayo es lo que somos antes de nada, antes de la confusión.

En fin, Toliño, unha vez que me salves da burricie, e non só da musical, xa me explicarás qué nabo é iso da “actitud”. Dende logo hai palabras que, saíndo de certas bocas, son certamente malsoantes.
 
  Língua e botelhom. A miña última oportunidade para facerme reintegrata pasa por estar o vindeiro 1 de maio na festa que organizan Palanquinas a prol da língua, unha recente asociación que promove "luitar polo monolingüismo social em todos os aspectos, incluidas as técnicas de engate e de embebedamento". Eu é que xa levo chuzándome en monolingüe moitos anos, aínda así non desprezo a ocasión de anunciar esta greve-convívio (nun decalque tamén lle podedes chamar botelhom) na praza da Siradella de Ogrobe (onda o Consum) o devandito dia da classe trebelhadora. Só hai que levar a lingua e a bebida, que xa podedes mercar no propio Consum, agora chamado Eroski Center.

Sígome preguntando qué diferencia hai entre encherse en normativa AGAL ou RAG, mais iso xa son cousas miñas. Se cadra ese día dunha vez por todas vexo a luz, anque me dá que a resaca debe ser igual.

Obrigada polo aviso, Pépi
16.4.04
  Fonoteca TODONADA apresenta, ou máis ben recompila...

Pero que ghallo é! Fraga todo afónico na pasada campaña eleitoral. Para botar unhas risas, que xa é venres.

Proximamente colocarei máis grandes shits da nosa terriña. Se teñen algún por aí, vaian mandando.
 
 
Por fin bo tempo



Tranquis, que isto aínda é para o domingo. Moito me tarda a auga, e á chapa de dorinda máis.

Isto e para que vexan que aquí se fala de todo. Incluso do tempo, cando non hai nada mellor.  
15.4.04
  ADIVIÑA:

Na portada (con foto a catro columnas e a toda cor):

Desgusto entre os peregrinos
Prohiben o santo dos croques



Na contraportada (entrevista a María Mundín, azafata do Supermartes e recente miss Galicia):

"Paráronme pola rúa e dixéronme que sería miss Galicia"


La Razón? Non. Galicia Hoxe? Tampouco...

Piden papas? Pois vaian mirar ao quiosco, mentres non actualizan a edición en internet. Polo demais, aforro comentarios.

 
13.4.04
 
Freda



O amigo Benlloch, que é un home que se sabe promocionar, manda noticias sobre Freda, o fabuloso cómic que guionizou:

Una de las selecciones más prestigiosas de libros infantiles y juveniles es la White Ravens que todos los años realiza la Internationale Jugend Bibliotheke durante la Feria Internacional del libro infantil y juvenil de Bolonia. Una lista que incluye los 250 títulos más importantes publicados en el mundo. Dentro de la exhibición 2004, por primera vez se elige un tebeo español: FREDA, de Kike Benlloch y Alberto Vázquez (Edicions de Ponent). Una excelente noticia que viene a avalar la buena tarea de estos autores y de su editor.

Tentade pillar este tebeo (perdón, novela gráfica) como sexa. Conta a historia dun rapaz emigrado con seus pais a Alemaña e da inadaptación que sente primeiro alí e logo aquí. Se nacestes na diáspora ou tivestes os vosos pais traballando coma negros por aí fóra para mandar pesetas coas que vos manter habedes chorar. Non é o meu caso, pero escoitei uns cantos testemuños. Os debuxos de Alberto Vázquez, medio expresionistas, son unha preciosidá. Mágoa que non houbera quen llelo editase en galego. En todo caso, parabéns.


 
12.4.04
 
Su España querida



Morreu Juanito Valderrama, e vaia dios con el. Segundo a necrolóxica de El Mundo, foi o primeiro cantautor español da historia. Pois hai que ver cómo dexenerou o conto... Desculpen este momento luar, pero sempre me flipou esta canción. Se cadra é polas carencias que xa lles contei máis abaixo.

SU PRIMERA COMUNIÓN

I
Como una blanca azucena,
lo mismo que un jazmín
va mi niña hacia la iglesia,
a la iglesia de San Gil.
Ha cumplido siete años
y va a recibir a Dios;
mi niña toma rezando,
su primera comunión.
En el quisio de la puerta
estamos su madre y yo
con lágrimas en los ojos
y risa en el corazón.

ESTRIBILLO
Un coro de serafines
hay en el Altar Mayor,
que está mi niña tomando
su primera comunión.
De rodillas es tan bonita
y tiene tanto salero,
que le da el agua bendita
un angelito del cielo.

I I
Mi niña ya está en mi casa,
llena de gracia de Dios:
cómo la mira su madre
y cómo la miro yo.
Cariño de mi cariño,
alegría de su amor,
la nieve y el blanco armiño
copiaron de tu candor.
Para un padre y una madre
no hay alegría mayor
que ver hacer a sus hijos
la primera comunión.


Baixen a canción enteira do kazaa (eu xa o fixen), e despois apostaten.  
 
Entre outras cousas...



Gracias amigos, por avisar. 
9.4.04
  Torradas. Tamén chamadas chulas ou "torrijas a la española", tal como poñía nesta receita que pillei de internet. Si, queridas, como muller aculturada do meu tempo que son ben deito das novas tecnoloxías para poder honrar as tradicións culinarias. Resulta que como non teño padriño nin madriña nin ninguén a quen lle ladrar para obter unha rosca de pascua (nin afillados, afortunadamente), hoxe deume por facer as torrijas estas, que en Hespaña teñen moita tradición e sabido é o meu gusto polas culturas exóticas. Ademais era a primeira noticia que tiña de que se trata dun plato típico da Semana Santa, eu que pensaba que se facían basicamente cando tiñas unha barra de pan resesa que non querías tirar. Por suposto, este era o meu caso. E alá fun buscar a receita a internet, seguina máis ou menos ao pé da letra e qué boas me quedaron. Convidaba, pero xa mas paparon todas. Tiñan un aire a esta:



Por se algún xa empezou a escribir un comment para me pedir matrimonio, vai ser mellor que pare porque teño que advertir que son a peor cociñeira do mundo. A ver, tampouco paso fame por non facer, tras uns cantos anos vivindo comigo mesma son quen fritir un bisté sen queimalo e darlle xeito a un arroz, unha ensalada, uns macarróns ou, se me poño, un ghisiño de carne ou de lentellas. E, agora tamén, torradas. Mais como tampouco teño tempo pra nada diso a miña especialidade é o ultradesconxelado e a apertura de tupervares (aka ciambreras) da casa familiar. As racións e os menús dos bares tampouco se me dan mal. Xa o di miña mai: tanto libro e tanta interné, e logo non saben nin fritir un ovo...

Pois mira praí que o que non se aprende en interné apréndese nos libros. Estoutro día merquei no Corte Inglés, entre outros gastos superfluos, Cociña básica para quen non sabe nin fritir un ovo , escrito por Gloria Gallego e editado por Xerais. Efectivamente, está escrito para auténticos zotes, pero tamén inclúe algunhas receitas desas de quedar ben como ameixas á mariñeira ou ollomol ao forno. É o máis útil e instructivo que lin na nosa lingua nos últimos tempos, por iso pido dende aquí que lle dediquen o Día das Letras Galegas en vida á señora Gallego. Ou o Premio Xerais, ou algo.

Agora poden reanudar ese comment no que me pedían matrimonio. Se Letizia pode eu tamén, anque haxa que chapar.
 
7.4.04
 
En galego como hai dios



A imaxe non é da VA-CA nin dos aduaneiros, anque ben podería. É totalmente en serio e ilustra unha campaña de Galiza Nova para reclamar que os pasos de Semana Santa se fagan na nosa lingua e que neles se toque o himno galego en vez do español. Sei dunha que mañá falará do tema en Vieiros, pero aquí teño que exhortarvos a que visitedes o foro ao respeito na web de GN, que está divertidísimo. Por exemplo, un que di: "Por que nom escrevemos aos anti-distúrbios pedindo que nos fóstiem em galego? Por que nom aos picoletos? Sim, sim, maaais. Torture-me assim, em galego. Mmmm, que gostoso". Ou estoutro: "Nom penso que seja muito conveniente que Galiza Nova seja quem defenda os direitos dos galego-falantes emquanto católicos (que som os que aproveitam as procissons) do mesmo jeito que nom entenderia que defendesse os direitos dos galego-falantes emquanto usuários de puticlús".

En fin, que as opinións son como os cascos con cepillo que saen na foto: cada un ten a súa e a cada cal máis ridícula. E iso que aínda ninguén sacou o tema da normativa. Vivimos no país máis absurdo do mundo... Amigo Brian, qué feliz non serías aquí.  
6.4.04
  Arradio. Pois vai ser que a moda en internet xa non é ter un blog senón unha radio propia. A min aínda me falta unhas cantas pasantías de modernidá para poder facer a miña, pero logo da do Gran Mimón teño que recomendar a de Contrasurco, webzine de rock galego, que efectivamente pincha cancións duns cantos grupos daquí, como Sónicos, Ghamberros ou A Contrabanda. Ademais poderedes ver estas e outras bandas veciños en directo na I Festa Contrasurco que organizan os promotores da citada web, o vindeiro 24 de abril na Casa do Patín.

Ai, que roquerirma estou! Jean-Sol, pon ti un post dos tonechos, pa compensar. 
 
Kiss my grass



Esta descubriuma Charli Faber neste lusco-fusco de Martes Santo cando viña de comprar fresas e boqueróns do Corte Inglés. Poño esta portada porque me molou o título, pero o que tedes que baixarvos xa é a versión red-neck de "Highway to Hell", incluída no disco "A Hillbilly Tribute to AC/DC". A primavera, está visto, altera algo máis que o sangue. Yiiiiiihaaaa, carballeira!!! 
5.4.04
 
Eu xa estou



Os da VA-CA de novo fan unha campaña que non podo máis que apoiar moralmente. Na práctica quen me dera, pero non me podo borrar dun sitio no que nunca me apuntei. Si, amigas, estou sen bautizar, e a da foto de embaixo tamén. Aos nosos venerábeis proxenitores esqueceulles ese pequeno trámite, baixo a excusa de "xa se bautizarán elas de grandes, se queren". Fijo. Chamádelle se queredes visión de futuro, ou progresía que te cagas, eu cun eufemismo direi contención no gasto familiar. Tampouco nos fixeron furados nas orellas, pero diso xa me encarguei eu cando cumprín os trece anos...

Así que xa veño apostatada de serie. Que, envexa? Tamén a tiña eu cando as miñas amigas todas do colexio facían a primeira comuñón (coa de regalos que iso implicaba, non polo vestido líbreme dios), ou por non ter un padriño e unha madriña que me soltaran mil pesos polo santo ou o nadal. Con estes antecedentes enténdese, algo, o meu gusto por levar a contraria. Penso que máis trauma ca ese non me quedou.

Pero vós que podedes, apostatade. Vívese moi ben fóra do club.  
4.4.04
 
Pepa



A do medio da foto é miña irmá. Sáese, no escenario e fóra del.  
3.4.04
  LUGO POWER. Teño o pracer de presentarlles o weblog de El Gran Mimón. Con arradio e todo, pa que vexan e escoiten.

Si, algún día poñerei columna de links. Ou non. Fucking galvana... 
 
Seoane



Unha idea para toldos, cinceiros e mesas de plástico das terrazas dos bares patriotas. Os nosos próceres tamén lle daban ao deseño industrial, poden velo nunha exposición que se inaugurou onte no MARCO, que é unha das moitas cousas que lles envexo aos vigueses. Díllelo alguén que vive entre a Casa do Home e a Casa dos Peixes. Se cadra se impón, de novo, o exilio interno. Que non interior.  
2.4.04
 
Cooltura



Polas miñas mans pasou hoxe o último número da revista Cooltural, que en xeral é tan horríbel como o seu elocuente nome, e só o deseño (?) xa me dá dor de cabeza. Anque a dei por lida en menos de 5 minutos, reparei neste cacho de entrevista que lle fai un colega a Lino Braxe (a morfosintaxe é do orixinal):

P. E como vas co de Burla Negra e Nunca Máis, o teu nome aparece cada dous por tres xunto a Suso de Toro, Manuel Rivas...

R. Pois non sei por onde vai agora Burla Negra. A min abúrreme enormemente o mundo asambleario: se me chaman para firmar un manifesto, fírmoo; pídenme que cante un tema en contra do chapapote e o canto... pero poñerme a idear cousas... Galicia é un lugar con só dous saídas: ou o exilio ou a rendición. Non ten remedio. Aquí ou te exilias ou te rindes, porque o carácter dun pobo vaise construíndo a través da súa historia. Gústenos ou non, hai un carácter dos italianos, dos nórdicos, etc... e o carácter galego é de sumisión. Iso é así. Tamén hai moito exilio interior...


Aviso a susceptíbeis: non teño absolutamente nada contra Lino Braxe, pero non podería estar máis en desacordo. Neste país sobran rendidos, exiliados, historiadores e asinantes de manifestos, entre outros. E así nos vai. 
1.4.04
 
O retorno



A ver, resulta que o novo disco dos Heredeiros da Crus xa está na rúa, e credes que alguén dixo algo? Pois seica o CD -que se titula "Chicarrón" e ten unha portada ben digna das súas predecesoras- é dobre e inclúe 11 temas novos e un DVD con actuacións en directo, entrevistas e tal. Eu a última vez que lles comprei un disco aínda estaba no instituto, pero este novo penso mercalo, por curiosidade, polo DVD e para ser a primeira en criticalo. Por suposto, será neste blog, a menos que algún medio serio estea disposto a pagar. Ergo, atentos ao blog.

Por certo, cumpren dez anos enriba dos escenarios. Os Guns'N'Roses tamén volven, dez anos despois, e estes días cúmprese outra década do autoapiolamento de Kurt Cobain. Pépi aínda tiña os dentes de leite...  
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
Setembro 2003 / Outubro 2003 / Novembro 2003 / Dezembro 2003 / Janeiro 2004 / Fevereiro 2004 / Março 2004 / Abril 2004 / Maio 2004 / Junho 2004 / Julho 2004 / Agosto 2004 / Setembro 2004 / Outubro 2004 / Novembro 2004 / Dezembro 2004 / Janeiro 2005 / Fevereiro 2005 / Março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger