Todo nada
31.12.03
  Feliz 2004 a todo o planeta. Na tv pública do meu país saúdano con estes dous...



...que, por outra parte, son os humoristas preferidos do noso deportista máis internacional. De Ordes tiña que ser. Eu esta noite probarei a auténtica cociña de Jean-Sol Partre e botarei uns bailes na Nasa, se o catarro non mo impide (malo será). Pasádeo ben por aí.  
30.12.03
  Procurando. Vou pasar de Movable Type, que me dá moito traballo. De momento fico neste humilde pesebre, e o ano que vén deus proveerá. O que si quería buscar é un motor de estatísticas, probei co NedStatBasic pero non me vai. Se alguén ten algún consello que mo vaia dando. Desa maneira podería fardar (ou non) de procuras cachondas que levaron a xente ao meu blog, como fan en Que buscas QUÉ?! Eu tamén quero extraer pérolas coma "Equipo De La Camiseta Que Le Regalaron El Pasado Miércoles Al Príncipe Felipe", "Puedo Ir Al Dentista Embarazada", "Como Conocer Los Datos Del Titular De Una Matrícula De Coche" ou "Hombre Con Los Pantalones Caídos A Media Cintura". Pídomo pa reis. 
  No Tomate falan da morte do Cuñao, que tiña 44 anos "y, por supuesto, no estaba casado". Que morran os feos, dixo o mentor de Jean-Sol.



Daquela debía ser cuñao do outro por parte de irmá, digo eu. 
  Unha quitada de Catro amigos: "Yo a mis amigos no les cuento mis penas; que los divierta su puta madre". 
29.12.03
 
Dieta para estes días



Qué gran invento o Frenadol en cápsulas. O outro non hai dios que o trague. Todo sexa por chegar en condicións a Ano Vello... 
  Homes. A Rum, Ascárida, Pepi, Belén e outras frebas que visiten clandestinamente este blog recoméndolles 2 tratados de psicoloxía masculina heterosexual en forma de novela. Un deles é o consabido Alta Fidelidade, de Nick Hornby. O outro veño de papalo e titúlase Cuatro amigos, de David Trueba. O conto é francamente divertido e ademais o terceiro acto desenvólvese nunha aldea de Lugo, paradigma de lugar remoto e afastado da civilización. De tan amenas lecturas extraio tan grosa hipótese: os homes son igual de patéticos cás mulleres, pero eles polo menos admíteno. Queda aberto o debate. 
28.12.03
  Inocentada?. Veño de intervir nun programa da Radio Galega no que cría que tiña que falar das marabillas do A.G. pero resulta que me fixeron falar en calidade de blogueira, para a miña sorpresa. Creo que dei saído do paso, iso que odio todo tipo de intervencións públicas. Sei dun que vai levar no lombo...

O mellor de todo, meus pais que o escoitaron na cama: Oe, María, falache moi ben... pero que é o que dis que fas?. Evadinme pola tanxente como puiden. ;)

Un dos meus compañeiros de tertulia sae tamén no Lecer de Galicia Hoxe. Lamento, Anxo, que vos metan no mesmo saco que o espabilado de Periodista Digital. Vaia lote de despropósitos nunha soa mañá. 
27.12.03
  Lecturas posibles na casa patrucial unha tarde de inverno e de resaca:

Enciclopedias variadas de sapiencia universal; a revista da OCU e a de Consumer; a obra completa de Álvaro Baeza (¡Matar al Papa!, ETA nació en un seminario, La verdadera historia del Opus Dei); o monte de Babelias que acumula meu pai e que nunca le; o último número de Encrucillada e os anteriores de Irimia; a primeira edición de Xente ao lonxe; algún álbum vello de fotos; o apelido Anllo na Gran Enciclopedia Gallega (a vella); unha Cinemanía do 99; unha Fotogramas do 93; recibos atrasados do banco; a Constitución, edición conmemorativa dos 25 anos (os dela e os meus); Mafalda en galego; Atlas de España El País Aguilar (I e II); La historia de la música en cómics; os Reader's Digest do 78-79-80; unha edición apócrifa de La botica de la abuela comprada en La Ponderosa a 100; Crónica Negra de Lugo editada por El Progreso; Os mil e un refráns galegos do home; Nuevo método para el arte de acompañar con la guitarra; todos os números de Agália dende o 1 (primavera do 85); a primeira traducción galega de MacBeth, feita por F. Pérez-Barreiro Nolla e publicada por Galaxia en 1972; Drogas: más información, menos riesgos; Ano e pico de Carrabouxos; Océano, de Alberto Vázquez-Figueroa; Teo viaxa en avión; O Capital (en portugués, 2 tomos); Commodore Amiga, manual del usuario; El futuro y la nación, de R. Tamames; Os mil e un refráns galegos da muller; Os versos satánicos; Romanceiro da Terra Chá, de Darío Xohán Cabana; Alicia no país das marabillas; Páginas Blancas 2003; Os segredos da gaita, de X.L. Foxo; o capítulo dedicado a Zappa en Historia de la música pop (Salvat); O gaiteiro de Lugo; unha Superpop do 88; Sempre en Galiza; Matemáticas 1º de BUP; o primeiro libro de sociales en galego; La historia se confiesa (Ricardo de la Cierva, 6 tomos); Axenda escolar 1989-1990-1991; Compendio de dificultades de la lengua inglesa; O decamerón; os prospeutos das medicinas; Das cousas de Ramón Lamote; Enciclopedia de la vida sexual, 1969; Obras completas de Fernando Pessoa; Testigos de la fe en la diócesis de Mondoñedo-Ferrol; Anuario de actividades do Cesga 1998...

Vou parando, que me agardan coa cea na mesa. Que entrañable, e que relaxada, é a volta ao fogar.


[P.S.: Supoño que foi este tolo, singular e interminable compendio de letras inútiles herdadas ao longo dos anos o culpable en boa medida da empanada mental que teño actualmente. Pero ben, é a miña empanada mental e vivo bastante feliz con ela. Pobre de miña mai como cumpra un día a ameaza de botar todos eses papeis ao lume...] 
26.12.03
 
Ollo que pinta!



Anúnciese aquí. Só ten que deixar un comentario neste blog facéndolle a pelota á autora e de seguido terá a honra de protagonizar un destes post. Sempre que a súa web mole, como é o caso. Ojopinta! debe ser un deses colectivos que se dedican a intervir en edificios e mobiliario urbano a base de street-art para logo fotografalo e mostrarllo á humanidade. Ademais as pintadas teñen a súa arte e a súa mensaxe, sen desprezar a Clemente dos Mallos que foi un clásico das paredes turcas. Iso si que era contracultura...

Gracias amigos! 
  Vía IaRRoVaWo e á súa vez vía Orballo descubro este blog tan curioso como caótico, multilingüe, marxista, ácrata e vegano, onde se suxiren listas de voda en Armería Toribio e se relanzan míticas consignas como MONBÚS MATA (esta vez a pintada é de Lugo). Levan xa un ano en órbita, pero estaban ben agachados. Seguro que a Jean-Sol lle presta a homenaxe a Joe Strummer no seu primeiro cabodano. 
24.12.03
  Boa Noite. Vai un día tan bon na Coruña que case dan máis ganas de ir pegarse un baño a Caión que de celebrar o nadal. Pero haberá que coller a A-6 e parar en Lugo, que seica hoxe hai cigalas para cear, e un corzo que asasinou meu pai na Pastoriza e que miña mai cociñará de marabilla. Hoxe sorprendéronnos no choio cunha tarxeta de agasallo do Corte Inglés por valor de 120 euros, algo é algo. Non sei se cometer a temeridade de pasar por alí esta tarde para levarlles algo aos vellos, unhas botellas de Albariño ou así, que de Gran Duque imos servidos. Como di Boyero, gurú dos escépticos, o mellor é ir a estas ceas familiares co punto xusto de colocón. O suficiente para que eu acabe esperrechando da risa vendo o especial de Pratos Combinados con eles, nesa entrañable estampa familiar que se vén reproducindo duns anos para acó. Dende que morreu meu avó na casa perdeu gracia xogar ás cartas, é unha lástima, e sustituímos a partida de tute polas monerías de Miro Pereira, insoportables para min calquera outra noite do ano. Nas pausas publicitarias outra tradición é escoitar as últimas cancións que aprendeu miña vella a tocar na frauta Honner, xunto co inevitable Tamborilero, que xa borda. Calquera día se nos bota á rúa co chifre para pedir o aguinaldo... En fin, as noiteboas nos núcleos familiares pequenos (pai, mai, irmá e servidora) non dan para moito máis. Pero é o que hai, e sei que algún día, espero que moi lonxano, o botarei de menos.

Pasade esta noite e as que veñen o mellor posible. Bicos, pracer e fartura para tod@s. 
23.12.03
 
Lugrís



Falan hoxe en Vieiros do trixésimo cabodano de Urbano Lugrís, inxel pintor do Mar de Malpica segundo Finisterrae.org. E inxel badulaque, segundo a crónica cascarilleira de Xurxo Souto, a quen vin esta tarde exercendo de libreiro suplente. Entre as anécdotas máis coñecidas de Lugrís, a de cando Franco lle preguntou de onde era e el lle contestou "De El Ferrol de Su Excelencia". Reproducirei outra aquí, abusando do copyleft e de certa confianza. Se queredes saber máis, pillade Contos da Coruña:

Os Cantóns eran abofé un terreo axeitado para as brincadeiras de Lugrís. Un dos seus divertimentos preferidos era abordar calquera señor de idade e berrarlle: "¡Papá, papá!". Rapidamente pedia excusas por terse equivocado. Aclarado o erro, seguía camiñando. Daba correndo a volta ao bloque. E, cando de novo se atopaba co viandante, volvía apertarse, aínda con maior paixón, e comentaba: "¡Papá, que alegría! Acabo de ver un imbécil que era cuspidiño a ti!" 
 
Laura de Fisterra



Para que vexan que teño unha cultura musical tan ampla e tan contemporánea como a de Elena, déixenme presentarlles a Laura Traba Estévez, aka Laura de Fisterra, a cantautora (sic) descuberta nas madrugadas da RG por Marcial Mouzo e posta de largo no Luar, como se pode aprezar na foto. LdF é a autora de "El Quijote del mar", a súa peza máis célebre, dedicada a Ramón, un mariñeiro octoxenario de Fisterra: "Es que Ramón es un Quijote / Es el Quijote del Mar / Puede más su fantasía / que la misma realidad". Na web, á que cheguei de casualidade faenando por outros cibercaladoiros da Costa da Morte, podedes ver a letra enteira e tamén escoitar a canción, unha das nosas favoritas hai anos, co permiso de Jei Noguerol e o seu jit "Sempre adiante".

Xa sei que sendo do interior debería reivindicar a Lucía do Incio, a nova sensación da música lixeira, pero paso porque non currou a páxina coma a outra. A Lucía curroulla o Club de Fans, así calquera. Sirva este pequeno post como inicio do club de fans virtual de Laura. Quen se apunta?


 
22.12.03
  Mexan por nós. Veño de recibir no correo esta noticia de Galicia Información, sparexida polo burleiro Ribao: Manuel Fraga "arruina" a un hostelero de Fisterra. Para acabar de flipar e botar unhas poucas risas, por non chorar. 
  Crismas (I). Miguel de Londres felicita o nadal con este Santa Claus todo cheo, e non precisamente de regalos. Recórdame nas barbas a Terry, aquel escocés que paraba igual ca nós polo mítico Bar Viño cando ¿estudabamos? en Mazarelos. Pero Terry cantaba moito mellor, onde vai.

 
  Música de aquí. Elena Cabrera, muller de ampla e contemporánea cultura musical, pon a disposición de quen lea o seu blog unha lista en excel dos discos que lle gustaría regalar. Nun comment, a un colega que polo nome parece catalán chámalle a atención que teña 24 discos en catalán, 9 en éuscaro, 1 en bable e... ningún en galego! E a partir de aí unha restra de comentarios interesantes para facerse un idea do que os nosos veciños españois saben de música galega. Un botón: A mí también sólo se me ocurren Os Resentidos, que no he escuchado nunca y que me da un poco de pereza. También está Suso Vaamonde, un cantautor bastante radical pero del que no he logrado escuchar nada. Non imaxino os modernillos estes de madrí escoitando O cuco, pero se cadra era o momento de facerlle unha reedición en plan trip-hop, ou algo.

A ver se se endreita a situación e sae de encontros como Clave Sónica algunha experiencia que traspase fronteiras. Eu con que triunfasen dentro delas ben me conformaba.  
21.12.03
 
Eu mango



Falando no foro do Foro Negro sobre formas de tocar o fuciño posmodernas, Guitián recomenda visitar a web de YoMaNGo.Org, plataforma de acción cleptómana-concienciada contra multinacionais e grandes superficies. Servidora hai tempo que se quitou dese vicio, longamente desenvolvido nos anos de pubertade cal Winona en Sack's. Claro que eu atacaba en lugares máis modestos como papelerías, estancos, droguerías e todoacenes do barrio. Tamén nalgunha librería e na sección de casetes do que daquela era Continente. Logo o sentidiño arrombou a tempo e decidín deixalo antes de que me chegaran a pillar. Por estas datas agardo ver o meu amigo L., cleptómano militante, que cando viviamos xuntos facía unhas visitas ao DIA de Basquiños certamente productivas. Por certo, L., andas por aquí xa?

Máis legal, e máis tocafuciños probablemente, é a proposta Yopito, ou cómo converterse nun auténtico palizas de supermercado. Volver tolas as xa de por sí histéricas dependentas de Zara tampouco era mala idea. Clientas do mundo, organicémonos! 
19.12.03
 
Desta xa non te pillan, torete



Outro mito para o obituario, vaia polas ánimas: J.J. Moreno Cuenca, El Vaquilla morreu hoxe aos 42 dunha cirrose hepática. A ver se por fin descansa en paz. Unha excusa como outra calquera para revisitar Perros callejeros ou Los últimos golpes del torete, películas de culto calorro que deixaron para o imaxinario colectivo aquelas persecucións en plan Bullit pero con seat furas e renoles doces a uns 75 quilómetros por hora, ademais da banda sonora dos Chichos e o termo "colegas" que a miña vella aínda usa para denominar a todos aqueles suxeitos que non lle teñen boa pinta. Lorenzo Silva conta moi ben a historia do Vaquilla nesta reportaxe publicada hai tres anos no magazine de El Mundo.

Belén: vaia a homenaxe para todos os toretes da Sagrada e de Monte Alto, se é que queda algún. En Bonxe e en Teixeiro tamén están hoxe de loito.  
  Anxos fala do nadal e faime unha ligazón dende o seu espacio cibernético, que lle devolvo recomendando Anxos de Garda a todos os que aínda non a coñezades. Tamén en forma de libro será un bonito agasallo para os días vindeiros. Por certo, estalle comendo as papas a próceres da literatura como Darío Xohán Cabana ou Suso de Toro na votación que fai El Progreso dixital para escoller o libro galego do ano. Un bico, Anxos. Isto da endoblogamia comeza a ser grave... 
18.12.03
  Recordatorio "de puta matrix": hoxe venres 19 ás 23.45 na praza de Cervantes en Santiago.

Neos ou paleos? Eu son paleo de nacéncia, logo fun neofalante en español dende preescolar ata COU, mais ou menos, ata que cheguei a estudar a Compostela e volvín de novo ao rego, é dicir, virei neopaleofalante... ai que sarillo! En fin, Neo somos tod@s e alí vos quero ver. Imos facer unha estatística de todo a cen: cantos neos e paleos hai no blogmillo?

Engádega: esta composición do rapsoda e sen embargo amigo São Tomé, extraída outra vez do foro da VA-CA. Para cantar esta noite na 'fikada', aplíquese a melodía de "Quisiera ser un pez", de Juan Luis Guerra:

Quigera ser Paleo

Tenho un galego
Mutilado polos anos de imersom
Tenho um galego
Que é coma o da telegaita
(ai ai ai ai ai)
Este galego
É o que tenho para cantarche meu amor
Pero nom mo oes
Tu dis que acento lhe falta

Quigera ser Paleo
para assonar meu sesseio em tua sesseira
dizer gheadas de amor por onde queira
ponher meu -n em vela
Fechado em ti

Paleo
para elidir as vogais da tua cintura
despalatalizar meu xis arredor tua
vogais com apertura
Fechado em ti

Um sesseio para unir-nos até a fim
rotacismos, paragoges, sem fingir
por sempre
Fechado em ti

 
17.12.03
 
Lennon non



Istmo quéixase de que lle chantaron unha palmeira ao lado da casa. Pois eu voume queixar de que me queren chantar unha estatua de John Lennon no Paseo Marítimo. A horterez de Paco Vázquez non ten cancelas. Titula a Voz do domingo que A Coruña será a terceira cidade do mundo cunha estatua de Lennon, despois de Liverpool e A Habana. Menuda cousa. Xa somos a primeira en ter unha de Pucho Boedo (non sei se dúas, unha na Cidade Vella e outra no Ventorrillo) e tamén de Arsenio Iglesias, ao que non sei que lle parecerá que lle sitúen o melenudo ese a 400 metros do seu busto. Seguro que tampouco protesta. E aínda queren traer a Yoko Ono a inaugurar tan sagrado monumento. Propoño unha acción paralela ese día para ver quen xunta máis xente, a ofrenda a Lennon ou a Pucho. A Coruña dos Cantóns ou a da Ronda de Outeiro, que diría a sogra de jean-sol. Que Xurxo Souto vaia organizando...

A todo isto, reparade no que se amita a estatua da Habana (na foto) á de Valle-Inclán na Alameda de Santiago. Somos o planeta da orixinalidade, está visto.  
  Virus. Anda a se propagar un virus que nin a SARS nin a EEB. BPMP (Blogueo Porque Me Peta) está a arrasar na Galiza. Eu xa perdín a conta dos que saíron esta semana, pero Ascárida lévaa moi ben. Pola miña parte, sigo facendo de comadroa para calquera novato que o precise. O último, tachán, Jean-Sol Partre, recén escapado da novela de Boris Vian.  
16.12.03
  A escasa lonxevidade dos poetas. Gracias a Cup of Chicha vexo esta noticia dun estudio feito na Universidade de California sobre tan necrófila cuestión: "Os poetas morren antes cós dramaturgos. Os dramaturgos morren antes cós novelistas. E os novelistas morren antes cós escritores de non-ficción". Na literatura galega isto cúmprese total: Manuel Antonio, Lois Pereiro e Xela Arias morreron moi novos. Vidal Bolaño morreu aos 50. Aos novelistas podémolos poñer na media de lonxevidade normal e como autores de non-ficción podemos situar a estes ensaí­stas e polí­grafos que tardan máis en ir para o nicho, como Fraguas, García-Sabell ou Fernández del Riego, que aínda anda por aí­. Sobre a calidade deses anos non di nada, pero dáme que a proporción debe ser similar.

 
 
Eduard



Vin En la ciudad. Na Coruña hai pouco que se estreou e durou dúas semanas en cartel, pero certos privilexios do meu curro permitíronme acceder a unha copia en DVD. Qué peli tan boa. Moi ben escrita e aínda mellor dirixida por Cesc Gay, de quen xa me gustara moito Krámpack. Retrata finisimamente o complicadas que son as relacións de parella, polo complicadas que somos as persoas, polo covardes que somos moitas veces. Aínda que todos no fondo buscamos algo parecido, non sei moi ben o qué, cústanos entendernos. O personaxe de María Pujalte é tremendo, e o resto tamén. Eduard Fernández… ai, Eduard, posme do revés. Dende Smoking Room un dos meus actores favoritos e dende hoxe máis, a pesar de que aquí faga de demasiado riquiño para o meu gusto.

Outra recomendación de cine do Império Pequeno: La vida mancha. Das máis auténticas que vin nos últimos anos, tan sinxela, tan dramática, tan fermosa.

Parécemo a min ou estoume poñendo moi cursi? Teño que deixar de ver cine español, ha ser iso. A ver se estrean dunha vez Kill Bill e se me quita a tontería.
 
  E outra máis: Istmo 
15.12.03
  Impedida. Cústame caro teclear: teño o furabolos da man dereita inflamado, moi inflamado e rodeado dunha bolsa de líquido fluorescente que só lle falta brillar na escuridade, como o de E.T.. Tan asqueroso como doloroso. Aconsellada (e acojonada) pola pija da miña farmacéutica fun agora á tarde a Urxencias mirar de que me fixeran unha cura urxente. Pero a gripe fai estragos e no 'Juanca' había cola para catro horas, así que decidín agardar e ir mañá ao centro de saúde. Aínda teño un respecto polas doenzas serias, e esta espero que non o sexa. E se hai que amputar, teño que enterarme de canto pagan de pensión por invalidez. Se cadra compensa.

Así e todo fun quen de restablecer os comentarios, seguindo o modelo Cesare (HaloScan). Dádelle aí, que xa vos botaba de menos.

Propósito para este nadal, se hai tempo e dedos suficientes: aprender a bloguear co Movable Type
  Outra vaca no blogmillo: Manolo Gago 
14.12.03
  Isto da cultura é moi cansado. Onte algo de estrés, hoxe escoitando o debate... traio a cabeza como un bombo, pero en xeral foi moi ben. O das experiencias quedou ao final bastante xeitoso, foi interesante e moi variado, e do resto o certo é que non me enterei moito. Xa iremos asimilando a información nos próximos días, pouco a pouco, e pensando qué máis cousas se poden facer. Pero o termo "cultura" que escoitei tantas veces esta fin de semana quédame algo grande, prefiro falar de proxectos máis concretos. De todas maneiras estou saturada, vou ver un cacho de Gran Hermano para compensar.
 
12.12.03
 
Foreando



Aquí me teredes esta fin de semana. Vémonos... 
11.12.03
  Acabo de cargarme os comentarios, que impedían ver a páxina. Así aproveito para fuxir de Comment This! e buscar outro sistema máis xeitoso. Permanezan atentos ás pantallas... 
9.12.03
  Trío de preas. Ao ver esta páxina de Pepi, Luci e Bom dáme por pensar que eu aos 16 moi boíña era... ou moi parva. Como comprobarán, a xeración Bershka ataca forte.  
 
O libertador de Irak



Quen argallou esta imaxe foi Álvaro Valiño, un deseñador da Coruña que algúns coñeceredes por unha animación que fixo en Flash sobre os mariñeiros e o Prestige e que levou algún que outro premio. Hoxe entrei no seu sitio web despois de ler unha reportaxe en CulturaGalega.org, e atopeime con cousas coma esta. Podedes facervos coa imaxe en pdf para imprimir autocolantes ou mesmo facervos un fondo de escritorio. E ten máis. As imaxes do barril na praia do Orzán cuns percebes post-Chernobyl (ou post-Prestige) incrustados meten auténtico medo.  
  Un jit. Baixen pero xa "Rosa Helikopter" de Peaches. Nunca un tema tan bakaladeiro foi tan alegre. Apúnteno no seu set para estas entrañables festas que se aveciñan... 
  Reivindicación sindical

Piden un plus por aguantar villancicos

EFE - BERLÍN
EL PAÍS | Gente - 08-12-2003

El sindicato alemán de servicios Ver.di pedirá a los comerciantes de Berlín que concedan a sus empleados un cuarto de hora más de pausa al día para compensar la "crueldad mental" que se inflige a quien trabaja ocho horas con el sonido de los villancicos de fondo. El responsable de la citada central en Berlín, Roland Tremper, señala, en declaraciones que publicaba ayer domingo el diario Bild am Sonntag, que con los villancicos a todo trapo en los supermercados y grandes almacenes durante la época navideña "se les quita toda la alegría de la Navidad a los trabajadores". El portavoz del Círculo Alemán de Trabajo contra la Contaminación Acústica (DAL), Ludger Visse, va incluso más lejos y reclama un aumento de sueldo, pues "la música supone un factor añadido de estrés para los vendedores y por ello deberían recibir un plus por dificultad añadida en el trabajo". Expertos citados por Bild am Sonntag están convencidos de que los villancicos son un tipo de música que provoca, con más facilidad que otros, dolores de cabeza, mareos, irascibilidad, sobreexcitación sexual, así como trastornos del sueño y de las facultades de control sobre los esfínteres del cuerpo, entre otras molestias.


Co dos mareos e a irascibilidade concordo plenamente pero... a algún de vós lle producen as panxoliñas sobreexcitación sexual? Que vos pon máis, o Adeste Fideles ou o Ropompompón??? Dicídeo, porque eu non acredito.
 
6.12.03
 
Tunantes



Outros 3 apuntamentos sobre tuning:

- A web da Asociación Antituning de Lugo. Os que escriben son un pouco animales (de Lugo, que lles qués) pero razón non lles falta, e o capítulo de "Lendas urbanas" é para escarallarse.

- Teño moitas pero que moitas ganas de ver Goierri Konpeti, un documental recente sobre a paixón polo tuning nunha aldea perdida do País Vasco. Para comparar, máis que nada, porque os de Lugo seremos garrulos, pero os vascos sonche os vascos...

- Poner un kompresor a mi r9 y otras mejoras. Ou cómo unha inocente consulta enviada a un foro de motor se pode converter nun clásico do humor en internet.  
  Arte. A risco de parecer unha vil cultureta confesareivos, amigos, que hoxe fun ao CGAC. Que queredes, era o único establecemento que estaba aberto hoxe en Santiago, fóra os quioscos e a hostelería. Aproveitei unha hora morta para ver as exposicións que alí había, a que máis me interesaba era a de Vicente Blanco, que é un deses "novos creadores galegos" e que me atraía sobre todo porque lera que trata o tema do tuning, que é algo que a min me chama moito a atención, pois en Lugo e en concreto na Terra Cha é a última moda, case unha auténtica tribo rural.

O caso é que, quitado unha instalación cuns bafles da ostia polos que algún de Muimenta que coñezo mataría, a exposición tampouco me fixo demasiado chiste. Non entendín gran cousa, pero cando unha vai ao CGAC xa sabe ao que vai. Vin tamén os bonequiños humanos de Karin Sander, a ver se había alguén coñecido, pero entre tanta figuriña era difícil. O que máis me gustou, sen embargo,foi a exposición de video-arte dun tal João Onofre, un portugués totalmente pirado que fai uns vídeos con bastante coña. Cheguei á conclusión de que o que diferencia os artistas da xente normal é que ideas, paridas, esbardalladas, témolas todos, pero só os artistas teñen huevos para levalas á realidade. O que os fai merecentes de toda a miña admiración, anque logo a obra en sí moitas veces tampouco me diga nada.

Pero ben, eu de arte non entendo un carallo e todo este tema é moi subxectivo, así que se ides por alí (apurade, que as exposicións rematan o 14 de decembro) contade por aquí qué vos pareceu. 
4.12.03
 
Elephant



Veño de ver Elephant, e qué pouco me gustou. Mira que ao principio promete, a min gústame este tipo de cine que lle din hiperrealista, pero ao cuarto de hora xa a sabes enteira. E o que me pon realmente de mala ostia é que o xurado gabacho de Cannes lle poida conceder a Palma de Outro a unha peli tan baleira e, por outro lado, reaccionaria. Os conflictos que se lles presentan aos adolescentes son os máis tópicos que pode haber: pai alcólico, nenas que poñen os dedos para devolver logo de xantar 2 follas de leituga, libre acceso ás armas... e para rematala, os rapaces asasinos resulta que son maricóns. Pois vaia retrato social de merda (non o digo por isto último, Cesare). Eran máis interesantes, e bastante máis reais, as historias que contaban hai 15 anos series de culto como Colegio Degrassi.
O mellor de todo: dura unha hora e cuarto. E para o que conta, xa é durar.

Para acabar non me queda outra que facer mención ao touro Osborne que saca o loiro na película. A VA-CA, como non, xa se pronunciou ao respecto.  
3.12.03
 
A internet victoriana



Boísimo, boísimo este link pillado de Elástico, onde se aloxa provisionalmente a nosa adorada Petite Claudine. A ver se lle devolven axiña o seu sitio.  
  Nós, os consumidores. Facendo algunha busca no Google seguramente teñades caído en DooYoo.es, algo así como unha comunidade virtual de consumidores na que os membros se dedican a opinar sobre os productos que consumen, fan comparativas de calquera cousa coma se de utilitarios diésel se tratase... é curioso de ver. Máis cando o obxecto de crítica pode ser dende o último yogur de espinacas da Central Lechera Asturiana ata (ordiá) series da TVG como Terra de Miranda ou Galicia Exprés. Cho xuro, colega. Tamén hai outra categoría que é prensa galega, con opinións para todos os gustos sobre La Voz de Galicia e outros xornais locais. Pregúntome quén se dedicará a andar opinando sobre estas cousas nestes sitios, pero dáme que non son os mesmos que rajan no foro de Vieiros.

Curiosa idea esta a de opinar sobre os productos culturais non só como cidadáns senón tamén como putos consumidores que somos. Tal como está o patio, seguro que nos farían máis caso. Non me parece mal de todo, a verdá.


P.S.: O que eu buscaba no Google era unha foto do actor Xulio Abonjo, para poñela aquí e demostrarvos que é o Orlando Bloom galego. Sigo buscando... 
2.12.03
 
Neofalantes somos tod@s.



Espallen a convocatoria (e non salpiquen):

"O Falo" erige-se em órgao de apoio ao colectivo neofalante.

"O falo porque sim, porque gosta-me, porque peta-me e quero e me dá a gana". Com esta peculiar disposiçom pronominal na declamaçom dos versos do poeta Celso Emílio Ferreiro inaugurou-se ontem, dia 1 de Dezembro de 2003, a assembleia constituinte da Sociedade Galega de Neofalantes "O Falo", celebrada no exclussivo café-bar Zürich da compostelana rua do Hospitalinho, por iniciativa da Via Anti-Colonial Activa (VA-CA).

"O Falo" quer constituir-se numha plataforma aberta de mútua solidariedade e promoçom das pessoas neofalantes, quer dizer, todas aquelas que nom tivérom o galego como língua de berço e se incorporárom ao nosso idioma nalgum momento da sua adolescência ou vida adulta, demonstrando assim o seu interesse, esforço e capacidade. Na sociedade também se integram grupos de apoio formados por paleofalantes (pessoas que tenhem o galego como língua inicial) com a funçom de ajudar os e as neofalantes a melhorar as suas habilidades lingüísticas, quer no plano gramatical, quer no fonético. Estuda-se também a instituiçom de um "Dia do Orgulho Neofalante".

O primeiro acto programado pola associaçom consistirá num encontro-convívio a realizar o próximo dia 19 de Dezembro em Santiago de Compostela, a cidade neofalante por excelência. A gestora da sociedade convida todas as pessoas interessadas (neos ou paleos) a se achegarem à meia-noite à praça de Cervantes (indentificável pola coluna fálica que emerge do chafariz) caracterizados como personagens do filme Matrix, em óbvia homenagem a Neo, mascote da nova associaçom. Com abrigos de coiro, roupa preta e óculos escuros procederemos a ingerir a pílula vermelha para a continuaçom desfasar polos locais míticos da cidade velha compostelana.

Para participar neste encontro "de puta matrix" avonda com aparecer in situ disfarçado/a de Matrix. (lembramos: 19 DEZ 03, 23h45, praça de Cervantes, Compostela). Contudo, proximamente será aberto um post no foro 'Que dim os ruminantes' do web da VA-CA (www.va-ca.org) para facilitar a auto-organizaçom das pessoas interessadas.

ARRIBA COM "O FALO"!

NEOFALANTES SOMOS TOD@S!


 
  A cabeza do peixe. Outra recomendación: este texto de Séchu Sende para o Foro Negro da cultura (que como sabedes é os días 13 e 14 en Santiago). Vén dicir o que moitas e moitos pensamos, pero moi ben dito. Non sei se esta era post-Prestige será de Esperanza Duradeira ou Desilusión Infinita. Pero para que non se nos baixe o empalme, para que o movemento social e cultural deste ano non acabe sendo un espellismo hai que seguir roendo moitas cabezas de peixe. A dignidade vén sendo iso. Moi ben, Séchu. 
1.12.03
 
26 cousas



Non deixedes de visitar a fotogalería de Orballo, esta non é a mellor foto pero sinto unha debilidade especial polas panteras rosas... E gracias ascárida por animar a blogosfera galaica en xeral e este bloguiño en particular. ;)  
 
Adriana Calcanhotto



Eis a miña última descuberta musical, e vólvolle estar infinitamente agradecida á casualidade. Os reis magos xa poden ir apuntando para a miña saca Cantada, o seu último disco, que contén, entre un feixe de cancións preciosas, unha insólita versión do Music de Madonna, en plan desgarrador e co neto de Jobim tocándolle o piano. Ten unha web oficial moi chula, na que podedes escoitar anacos de cancións. A min gústame en especial Estrelas, do seu primeiro disco A fábrica do poema (os reis magos... etc). 
 
Machos



TVE estrea hoxe esta telenovela chilena sobre o lado máis feminino dos homes (vid. post sobre a metrosexualidade). O certo é que ten unha pintaza, mágoa que pola hora non a poida ver. Agardo que corrobore a miña teoría de que en Latinoamérica se fai moita mellor ficción de TV que aquí. Calquera culebrón sudaca ten moita máis calidade ca "Luna negra", anque non sexa moito dicir. E para a miña mitomanía quedan obras maestras do outro lado do atlántico, tan dispares entre sí como A escrava Isaura , El chavo del ocho ou Betty la fea.  
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
setembro 2003 / outubro 2003 / novembro 2003 / dezembro 2003 / janeiro 2004 / fevereiro 2004 / março 2004 / abril 2004 / maio 2004 / junho 2004 / julho 2004 / agosto 2004 / setembro 2004 / outubro 2004 / novembro 2004 / dezembro 2004 / janeiro 2005 / fevereiro 2005 / março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger