Todo nada
26.3.05
 
Mudanza



Agora vivo aquí. Vide tomar café cando queirades. 
 
Proximamente



Estrea o 6 de maio. Esta hai que ir vela, eh. 
24.3.05
  Policía Local da Coruña boicotea festa-homenaxe a Andrés do Barro. Nada, que onte viñeron polo Atreu os muchachos de Paco (catro ou seis, eu non cheguei a velos) a dicir que parasemos a música. Música que por certo eu, que a estaba poñendo, non daba oído con tanto barullo, mirade o alta que estaba. Paramos pois a música mais non o barullo, e evidentemente puxémonos a cantar corpiños, trens e saudades a bastantes máis decibelios dos que emitían os altavoces coa música orixinal. Mantivéronse alí fóra todo o tempo e por berrear non nos dixeron nada. A todo isto, debían ser as dez menos cuarto. Quen lles ía dicir a algúns que estas cousas ían acabar pasando co pobre do Andrés.

Ben mirado pra min mellor, que non tiven que pinchar máis e puiden estar alí falando con algunha xente malia o meu estado griposo. Estaban os de Malpica, os de Cerceda, os de Láncara, Plattdorf, Hector, XPita, San (sen o outro San) e ata Yolanda Castaño, e tamén puiden coñecer outra xente que xa me tardaba por coñecer. Cando iamos cear o pequeno dos Superheroes mandoume unha mensa multimedia coa imaxe de Saudade de Ti para poñer no móbil e reenvieilla a toda a tropa. Algún día poñerémolo na web xunto co POLITONO PANDEIRADA. Logo Andrea chamoume dende Madrid á unha e pico da mañá e estivemos falando un bo anaco, cando eu xa me retiraba coa voz tomada polo alien, o esforzo gorxil-saudoso, o LK e (ejem) algún cigarriño, dos normais e dos enriquecidos. Hoxe estou bastante mellor.

Así que tiro para Valado City, cidade que non sei se se acorda de min pero que eu si estraño moito, a pasar uns días comendo caldiño e bola de liscos e toda a carne de porco que se poida, a non saír máis que o imprescindible (eses viños como me tardan) e a facer algo de limpeza mental, que aí ven a primavera-verán e hai moitas cousas novas en que pensar. Todas boas, claro. E deixemos descansar o santo de tanta procesión. 
23.3.05
  Amencer no Orzán. Non é que me vaia poñer poética, é que levo toda a puta noite sen poder durmir. Vou contar gaivotas, a ver se así. 
22.3.05
  Alien. E agora vén a segunda parte. Metéuseme un alien no corpo. Empezou polo aparato dixestivo e agora estalle atacando duro ao respiratorio, noto unha falta de vida nos bronquios que como a cousa non mellore xa me vexo pasando a pascua en Calde cun aparello deses de osígheno coma os que lle poñían a meu avó q.e.p.d. -nos pensabamos que era todo vicio como o de tocarlles o cu ás enfermeiras ata que un día a insuficiencia respiratoria foi insuficiente de verdá-, e se mellora non me quedará outra que volver pinchar mañá na festa de homenaxe a ADB que fan os do Atreu na Coruña. Cando fas pop, etc etc etc. Todo sexa pola bendita causa.

Menos mal que teño o Home Tranquilo para NON darme fregas NIN baixarme por un xarabe NIN traerme o almorzo á cama, iso que se ofeceu. Menos mal que xa estou facendo os trámites para emanciparme antes de ver cumprido o desexo irracional de romperlle un día o frasco de granini multifrutas na cabeza (co bote de colacao xa o intentei, pero é máis sufrido). Conste que tampouco é mal rapaz. En todo caso a mala son eu pa variar, ou este alien que levo dentro e que a ver se se me vai polas boas. Vou tomar a medicación.

A todo isto, xa levo 12 días sen fumar. As noites non contaban, ou? 
  Poder Popular. Supoño que lle debo un post de agradecemento a toda a xente que veu, actuou, bailou, preparou vídeos, quitou fotos, atendeu o chigre e en definitiva fixo posible tres ultranoites caralludas. Canto talentiño xunto e canta xente boa hai polos camiños. Mira que é difícil extraerme a min estas palabras, pero quérovos a todos moito, case tanto como a troita ao troito.

Dito isto, xa podemos deixar de zugarnos as pirolas e ir pensando na próxima maldade. E é que cando fas pop... 
18.3.05
 
Abarrote no Parrote



Ánzony alegrando o meu correo electrónico os venres pola tarde. Outros prefiren pagar dúas páxinas de publicidade en certo xornal que seguro que o sabe agradecer.

P.S.: Un bravo para La Opinión
 
Ir parando, non?

 
16.3.05
  Que non son eu, cona
 
Lapique meets Beck



Este despropósito e outros podédelos baixar aquí e aquí. Auténtica primizia, amiguiños. 
  Lali Puna con sabor a amorodo. Non volo contei -ultimamente non conto nada- que levo 5 días sen fumar. Deume por aí, e parece que esta vez vai en serio. Tamén me prometín non volver beber destilados (nomeadamente LK) pero nesa promesa xa non confío tanto. O caso é que onte pasei a primeira proba de lume: aguantar nun concerto sen fumar. Viñeron a Duquesa, Cesare, (m)alicia e Plattdorf ver Lali Puna ao Playa. Preciosirmo o concerto, que voz tan linda ten esta paisana. E eu alí pampeando, remoendo nun Trident de amorodo e co fume dándome pena aos ollos, que os tiña que fregar cada pouco. Bebín dúas cervexas para non sentirme demasiado rara, pero só dúas e duráronme o concerto e os teloneiros, todo un avance. Debe ser que a saúde dos pulmóns tira pola do fígado. E pola da mente: hoxe erguinme moi cedo e dun humor espectacular.







Os escépticos e Philip Morris dirían que escollín a peor semana para quitarme do tabaco se soubesen que me esperan varias reunións de traballo, unhas cantas viaxes en solitario con Dorinda, tres ultranoites e unha gala do A.G. Pero eu creo que é a mellor: se supero todo isto estou segura de que os meus biógrafos poderán apuntar o 12 de marzo de 2005 como o día en que María, despois de doce anos e medio, deixou para sempre de fumar. 
13.3.05
 
UPopG



Xa se poden comprar por internet as entradas para a Ultranoite Pop(ular) Galega, que será os vindeiros xoves, venres e sábado e na que servidora entre outras cousas pinchará algúns grandes xits do pop galego de onte e hoxe para amenizar o ambigú da Nasa. Estade atentos á web Saudade de ti porque os vindeiros días traerán interesantes novidades.

A partir de mañá luns tamén se poden reservar as entradas por teléfono. Eu non agardaría ao martes. 
  Caipirinha chairega. Máis orgullo localista: estou emocionadísima con este descubrimento. Por proximidade xeográfica, porque compartimos ligazóns, por facer apoloxía do Seat Ibiza, por ser o primeiro blog bilingüe galego / portugués e por aumentar a miña querencia polo xénero BASP: Blogueiro Adolescente Sen Pretensións. Conquistoume con esta entrada sobre o difícil que é facer un botellón á brasileira na Terra Cha, na que de paso me informei da existencia da versión galega da caipirinha, que para min polo menos é novedá. Leva, como non, augardente do país e dinlle caipirola. Non debe saber moi ben pero a certas idades iso é o de menos. Haberá que probar. 
9.3.05
  Post megapailán. Hoxe a miña aldea ocupa unha páxina enteira da Voz
8.3.05
 
Tangaliza



Cesare adiantouse, pero o invento merece ser difundido tanto como se poida. Conste que estou en contra das tangas case tanto como da poesía, o cal non quita que aplauda certas iniciativas. Aduaneiros, hai que espabilar. 
  Belle Époque. A Coruña, 1985. Seguimos de vixésimos cabodanos felices. Xabier Cordal recórdanos o nacemento de Ronseltz, coetáneos de La Naval, que cumpriron todos os requisitos para converterse en poetas de culto. Estou repasando Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados para ver cal é o meu poema favorito pero non me dou decidido. Están os máis célebres e recordados: "Hai quen se empalma nos coches de liña / Tamén hai putas que fan servizos discrecionais". "Todo na miña terra é paisaxe/ menos traxe, paxe e garaxe". "Uxío / ímosche facer a parcelaria / e vaste cagar en Dios". Pero quédome coa revisitación dos clásicos, por exemplo o neotrovadorismo.

Neotrovadorismo (I)

Os espárragos son diuréticos
E ti es o amor da miña vida
E ti es o amor da miña vida


Neotrovadorismo (II)
(cantiga de amigo, escarnio e maldizer)

Antes eras un colega
pero agora
me cago en tu puta madre
me cago en tu puta madre


Neotrovadorismo (IV)

Ondas do mar de Vigo
se vistes meu amigo:
que marchei.


Hainos aínda mellores, pero longos de máis para poñer aquí. Mandaríavos comprar o libro pero veño de ver na web de Positivas que está descatalogado, así que máis de culto aínda.

Aproveito para reivindicar algo da poesía que se fai en internet. Hai moitirma morralla, pero polo menos algúns riman. E polo menos con isto dos blos non se destraga tanto papel. 
7.3.05
 
Bicoastalidade nos tempos de La Naval



Kompostpétrea, o conxuro
Kompostpétrea é a memoria cabalística da raza noroccidental. Un labirinto de sociedades segredas ocultas pola pedra e un conxuro astral. Nas profundidades dos seus edificios remotos armacénanse os misterios de sucesivos cultos que varias xeracións de sacerdotes e meigos menores empregaron para exercer o poder. O advenimento da Grande Humidade forzou a negociación dunha alianza de curandeiros, feirantes e vetustos bibliotecarios que, baixo da tutela dos escuros magos, exerce como clero da nova relixión: o “Self Government”. As antigas camadas terratenentes e ilustradas noroccidentais tentan así perpetuar o seu poder e dar unha fráxil unidade política ás centrífugas relacións que manteñen entre si as tribos da Reserva. Arredor da vella cicadela de granito refléctese unha imaxe inversa: ociosos e xovens retallos das principais familias noroccidentais, enviados en pescuda do coñecimento armacenado en Kompostpétrea, amorénase nunha perpetua xoldra en pousadas e tabernas, das que o rebumbio provocou hai miles de anos o nacimento do “tour operator” e asolagou Kompostpétrea de visitantes do norte a través da primeira rota turística europea, a Vía Pétrea.

Eu non é que teña especial gana de reabrir o debate capitalino, iso que estou máis monocoastal ca nunca, pero é que agora que o Celta está en segunda non temos con quen nos meter.

GraZérrimas a Paleón por esta recuperación. 
6.3.05
 
Ide vela



Putos arxentinos, parece que cantas menos pelas teñen mellores pelis fan.

Para o meu gusto, claro. Tamén hai quen prefire a pastelada esa de Mar adentro
3.3.05
  A súa curta, grazas. Viva a xente que lle bota ás cousas imaxinación. 
  O mellor. Lembran aquel programa da prototeuvegá que presentaba Manolo Rivas e que no que dous paisanos combatían nun ring a ver quen contaba os mellores chistes e que encumbrou a mestres do humor de boina como Paco Mivida? Si, a mesma fórmula que logo copiaron no Luar cunha cousa chamada o ring de rir e que encumbrou a mestres do humor de boina como ese ser chamado O Rato. Pois seguimos de competición e que mellores mestres do humor de boina que certos alcaldiños que gobernan as nosas vilas. Nesta semana o alcalde de Negreira e máis o de Ordes compiten a ver quen dixo a burrada máis grande. A José O Profeta de Negreira Blanco, se aínda non lles chegaron por mail as súas loubanzas a Don Manuel, pódeno ler e escoitar aquí. E Teodosio O Matemático de Ordes Martino di a burrada que segue nunha entrevista publicada no xornal Metropolitano da comarca ordense, en relación coa alta taxa de mortes por cancro no seu municipio:

Hoy por hoy un 30% de la gente que muere es por cáncer. Y si en una calle hay una media de cinco o seis personas por vivienda, el 30% significa que uno o dos TIENE QUE MORIR DE CÁNCER CUMPLIENDO LA NORMATIVA. Y si coincide que todos son ya de cierta edad el azar te puede hacer cualquier tontería. Es como si un tío que no sabe nada de fútbol te acierta catorce en una quiniela. Y es que tampoco el número de casos era tan grande, lo que pasa es que se dieron casos en todas las casas.

Anque este último de humorístico ten pouco. Obrigada, Cesare
 
Frío en Lugo?



Tampouco tanto, polo menos no barrio do Gran Mimón
  Prezados Verne, K. Dick, C. Clarke, Asimov, Bradbury, Huxley, Nuñez Seixas, Caride Ogando, Cordal, López Rodríguez e público en xeral:

Perdón
 
A fillísima



Un bicazo para Niob3
1.3.05
  Falando de blos. Onte, medio peneque e coa cabeza coma un bombo logo dunha cea de curro nun restorán modernirmo pero cotrán, non sei como tiven moral para papar a tertulia que fixeron sobre ciberliteratura (sic) no CCG uns cantos amigos, filólogos, escritores e blogueiros, mentres navegaba sen gana polos blos habituais e lía correos que responderei pasado mañá. Todos levaban algo de razón, mais discrepo coa maioría. Os blos non son un xénero literario. Son un soporte, unha ferramenta, como moito un xénero de publicación. Como son as revistas, xornais, fanzines ou outros tipos de publicacións periódicas en papel. O que lles metas dentro si que ten xénero digamos xornalístico e/ou literario: reportaxes, noticias, fotonoticias, crónicas, anuncios, artigos de opinión, diarios, relatos, poemas, necrolóxicas, que sei eu. E temáticas do máis diverso. Niso hai poucas diferenzas entre un soporte e outro, e as que hai veñen dadas polo código: cada soporte ten os seus e internet e os blogs tamén, eis a novidade e se cadra o único que pode definir neoloxismo ciberliteratura. Aquí non hai moita pólvora que descubrir, como moito uns petardiños que nos acaban prestando máis que os grandes foguetes das festas, sobre todo porque non pampeamos mirando para eles senón que somos nós quen os botamos, sen que se precise licenza de fogueteiro para meter un pouco ruído de cando en vez.

O que pasa é que se xuntamos dous conceptos tan sublimados -con razón ou sen ela- como son as letras e a tecnoloxía é normal encher a boca falando de ciberliteratura, mais onde están a cibermúsica, o cibercinema e o cibercómic? Se están están en cueiros, e talvez en propostas máis innovadoras relacionadas co net-art, que si mestura e explora códigos con vocación máis experimental. O resto é máis do mesmo. En todo caso, subliñemos ese "máis".

Con todo, o debate estivo entretido e quitando un par de FFW escoiteino enteiro ata o final. E aí veu o mellor: escaralleime ao escoitar as metáforas que viron algúns onde xuro que non as había, cando menos intencionadamente. Debo ser unha ciberliterata do copón. 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
Setembro 2003 / Outubro 2003 / Novembro 2003 / Dezembro 2003 / Janeiro 2004 / Fevereiro 2004 / Março 2004 / Abril 2004 / Maio 2004 / Junho 2004 / Julho 2004 / Agosto 2004 / Setembro 2004 / Outubro 2004 / Novembro 2004 / Dezembro 2004 / Janeiro 2005 / Fevereiro 2005 / Março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger