Todo nada
29.11.04
  Cilindros (e II). Completamente en serio, así vai ser o novo consistorio de Lalín:



Pero podemos respirar tranquilos. Puido ter sido así:


Ou así:



Aínda hai máis propostas nesta galería da web do concello, onde tamén podemos ver as caras do xurado do concurso de ideas, facendo por manter a compostura. O que ignoro é onde van chantar o edificio de marras, se en Lalín Este, Lalín Oeste, Lalín Sur ou Lalín Centro. Vamos, que non sei qué saída da autovía terei que coller no caso de que algún día teña que ir pagar a contribución. O mellor vai ser preguntarlles aos veciños. Que non entenderán moito de mitose celular, pero á hora de votar vaia se entenden. A pura lei da rotonda.

Grazas de novo, Vaq!
 
  Cilindros (I). Cesare, que aínda ten carrete palargo, remíteme o segundo capítulo desta impresionante serie que o Morreo Galego está a facer sobre o way of life de alcaldiños e outros peixes. Desta vez a cousa vai de cilindros, e niso os de Lugo volvemos ser imbatíbeis. Véxase o cacharro que gasta don Francisco Ídem.
 
28.11.04
 
Safari mental



O Serengeti tenche que ser a hostia. O que xa é a hostia é velo dende aquí, un domingo pola tarde, pola webcam da súa páxina web. Aínda estaba máis fermoso onte á noite que foi cando mo mandou Vaq. Con milleiros de estrelas. Milleiros de grazas.  
27.11.04
 
gamberr@s somos tod@s



Unha vez máis, mérito compartido de Paco e Antón
25.11.04
  CHICASSSSSS! A que agardades?

Apura maricarmen que quedan poucos. ;)

E grazas por avisar, Cesare. Haberá algún para ti? 
24.11.04
  Happy Birthday, Mr. President. Tanto presumir da miña memoria para as efemérides, e onte pasóuseme o 82 aniversario de Don Manuel (D.U.P.). Menos mal que os amigos da VA-CA tiveron un detalle.

Para evitar novos despistes está claro que hai que ler o Mentireiro Verdadeiro de Libertaçom Nacional (MVLN). E para saber, por exemplo, que hoxe é o quinto centenario da morte de Isabel a Católica, mujer cabal y de femineidad exquisita, segundo din por Medina del Campo. Morreu a cadela mas nom a raiva.  
22.11.04
 
Cospes ou engoles?


(ou cociñas?)


Cousas da Pequena Claudina, que seguro que non coñece estoutro produto para o postre. E sen glute.  
 
Seguimos toleando



Díxonolo o sábado en Carnota Teresa, mariscadora do Pindo que leva dous anos sen apañar coquina: "O ghoberno non vai cambiar mentres sighan aí votando os de Lugho e Ourense... eses das vaquerías". Aproveito para recordar que hoxe hai catro anos que entoleou a primeira vaca en Galiza. E aínda non nos veu o sentido.  
  Soño. Hoxe soñei que por fin me cambiaba de piso. Era un apartamento barateiro, máis vello que o meu e peor situado. Pero bastante aquelado e xeitoso. E, sobre todo, era todiño para min soa.

Xa estaba eu toda feliz colocando os libros nas novas baldas cando espertei e fun á cociña. O paquete das galletas LU Dinosaurus aínda estaba alí.  
21.11.04
 
Freedom for Mangouras

 
18.11.04
 
Mmmmmmmmmmm!!!!!



Santodiós, como me poñen... Será predisposición xenética pola miña parte, pero o certo é que os curiñas do calendario este están cañón. E con isto empezo a confeccionar a miña carta aos reis magos deste nadal.

Elástico, again.  
  Consolación. Recibo de Rosa Aneiros un correo contándome de tan insólito cartel que se pode ou puido ver nun bar de Trazo. Prégase confirmación ou rexeite. E unha foto xa sería fetén.


COMISIÓN FESTAS CHAIAN 2004

CAMPEONATO TUTE RESTAURANTE TRAZO

1º premio: 2 corderos
2º premio: 2 jamones
3º premio: 2 lacones

Habrá premio de consolación

Recordamos que pueden participar mujeres



(Di Rosa: O cartel é textual, nesta mesma orde, é dicir, primeiro advirten que haberá premio de consolación e despois que poden participar mulleres...)
 
 
Estrea mundial



DAVIDE SALVADO & PEPA YÁÑEZ
UNHA NOITE NO MUIÑO NON É NADA...

Venres 19 ás 22h e sábado 20 ás 23h en Compostela.

Procedentes do mundo da música tradicional e folk, entre outros estilos, estes artistas galegos achégannos por primeira vez o xénero do Cabaret Daquí, unha incursión polo cabaret desde a óptica da cultura popular galega, un show musical que bebe das fontes do tradicional no que non falta teatralidade e comicidade. Por que a noite, a festa, a paixón e a luxuria, como no Moulin Rouge, deuse no muíño, porque unha noite non é nada e unha semaniña enteira sí que é foliada. Por esta razón, e por outras máis, Davide e Pepa dispóñense a "saír da artesa" para deixar fluír sen prexuízo as súas innatas habilidades para o espectáculo. Neste exercicio de terapia artística identitaria os nosos protagonistas sumérxense en caldeiros de purpurina e destapan os Crooner que levan dentro, mesturan vellas e novas músicas ata a hibridación total e reviven fórmulas de fenómenos da canción de éxito -ou non-, que foron aparecendo pola discografía galega das últimas décadas.

Máis info na web da Nasa.  
 
Acción



Teño tempo e forzas para moi pouquiña cousa, a penas para explicar de que vai isto. Fozar vormirm@s. 
13.11.04
 
13-N



Alá tiro para Santiago, a ver que tal. Non deixen de ver o estupendo traballo de recompilación que fixo Pawley, nin a serie documental que se estrea esta noite na 2. Os xornalistas da TVE en Galiza resárcense da era Urdaci.

E tampouco tiren ao lixo as bandeiras azuis e mouras. Farannos falta dentro de tres anos.  
7.11.04
  E agora voume poñer seria. É que fun ver unha fermosa película: Luna de Avellaneda. Non me preguntedes por qué -ide vela-, pero ao saír do cine estiven pensando moito no cristo que teñen montado no Caurel. Poucos saberedes da historia a menos que leades o Progreso ou a edición de Lugo da Voz. Eu de feito nin o sabería de non ter ido pasar a finde a Valado City. Resumindo: No Caurel hai unha canteira de pizarra ilegal que, segundo S.O.S. Caurel, está a destruír o ecosistema da zona, vertendo os seus refugallos no río Lor, utilizando explosivos a esgalla e coméndolle cada vez máis terra ao contorno natural para deixar tirado o lixo que xenera. Pero trátase dunha canteira que lle dá traballo a cen persoas (un terzo da poboación activa do Caurel) nunha zona na que actualmente non hai moito máis de que vivir. O concello parece que non fai máis nada que asistir ás cada vez máis violentas disputas entre veciños, sindicalistas e ecoloxistas, tentando darlles a razón a todos e sen contentar a ningún. O venres pasado houbo un pleno extraordinario para debater o tema e mirade como acabou.

Cando o que está en xogo é o pan das familias, é moi complicado falar en termos tan jipis como ecoloxía, desenvolvemento sostíbel ou economía alternativa para a zona, fronte ao atractivo dunha industria que non só é pan para hoxe, senón que para moitos supón o máis parecido ao "progreso" que os montes do Caurel nunca verán. Din os veciños a favor da canteira que "traballando nunha oficina é moi fácil dicir que neste municipio se pode vivir apañando castañas ou recollendo o mel, ou mesmo do turismo da fin de semana". Cómo explicarlles que o día que os da pizarreira decidan pechar o chiringo quedarán sen postos de traballo e sen Serra. Cómo mostrarlles unha alternativa para a explotación dos propios recursos agrícolas e turísticos da zona. Levándoos de excursión por exemplo a Taramundi? Que poden facer catro pirados ecoloxistas (e seguro que do Bloque) fronte a chantaxe da empresa, se as administracións calan a boca e dende o resto do país se ignora este conflito que lle afecta a un patrimonio natural que é de todos? Pouca cousa, cando parece que onde nos vai a vida é no dichoso porto exterior da Coruña.

O peor é que os catro pirados ecoloxistas están a pagar moi caro isto de denunciar unha situación que ademais de grave é ilegal. Con agresións e conatos de linchamento. Enchéndolle a un deles o nicho familiar de ratas mortas o día de defuntos. O máis triste é que temos a xente do Caurel crispada e dividida. O peor é que a historia non é nova, é a de sempre. Que conflitos coma este lévaos habendo toda a vida, case sempre gañaron os mesmos e así está o país -e o planeta- como está. E non aprendemos. Anque se cadra o peor de todo é que tamén entendo os traballadores da pizarreira.

Como tamén se entende que os socios do Luna de Avellaneda aceptasen vender o seu histórico club a cambio dun posto de traballo nun casino, tal como está o patio na Arxentina. Non sei se ten moito que ver, pero molan as películas cando ademais de ser bonitas axudan a reflexionar. Na de Campanella os que loitan pola supervivencia fronte á grande empresa apelan a termos tan románticos e pasados de moda como o sentimento de comunidade, dignidade, identidade e certa nostalxia. Mais aquí trátase de futuro, e as razóns para salvar o Caurel creo que son ben obxectivas e racionais. Mirade a foto da canteira que nos ofrece o Sigpac. Mete algo de medo, non?



Velaquí os argumentos da empresa que explota a pizarreira. Cada un ten dereito a defenderse como pode. E a que non o unten a base de Ratibrón.  
6.11.04
 
O ano da Cacharra



No principio foi Galeguidade, un programa sobre os galegos espallados polo mundo onde se facilitaba –e se televisaba- o encontro entre emigrantes e parentes que había décadas que non vían, ou que mesmo non viran nunca. Todo en aras do servizo público ao país, á diáspora, ás propias familias e a algúns televidentes que nunca recoñecemos en público que nos facía chorar máis Galeguidade que calquera programa de Lo que necesitas es amor. Presentaban naquela época Pemón Bouzas, e non lembro ben se Victoria Rodríguez ou Nazaré López. En todo caso, unha xornalista solvente desas que foron apartando dos programas da teuvegá.

Logo, nunca soubemos por qué, o programa pasou a chamarse Encontros. Cambiou a cabeceira e instaurouse aquela mítica de “50.000 en Paraguai, 200.000 na Arxentina, 35.000 en Suíza, 852 en Turquía, 1 en Burkina Fasso…”. Paradoxalmente, os encontros pasaron a ocupar un segundo plano: xa non se trataba de traer os emigrantes aquí (supoño que moitos nin quererían), senón de enviar alí as cámaras da gallega para que nos contaran o ben que vivían agora, o moito que prosperaran, o moitísimo que estrañaban o terruño… e lles mandaran unha aperta e un cariño aos parentes pobres que quedaran aquí. Seguía presentando Pemón, pero quitaron do seu lado á xornalista solvente e puxeron unha caste de muller-floreiro que se ocupaba de falar cos paisanos e presentar as actuacións musicais mentres o seu partenaire se ocupaba dos temas ‘serios”. O seu nome era Mari Carmen Mella e chamaba a atención polos seus mínimos vestidos –e non tan mínimas cadeiras-, os seus tupés imposíbeis e a sobrecarga de bisutería coa que facía acompañar os seus esaxerados xestos coas mans. Axiña empezaron a propagarse os rumores sobre a relación que esta nacente estrela mediática mantiña ou mantivera con altos cargos (en plural) de algunha deputación provincial e de aí o alcume que titula este post. Eu nin confirmo nin desminto, que nada sei, pero recoñezo que a teoría ademais de suculenta era bastante críbel tendo en conta que a co-presentadora pouco máis currículo tiña que o título de Miss Cacaolat Melide (que nos EUA debe ser algo parecido a isto), e o ter traballado na radio municipal deste seu concello natal. A prensa seria denunciou hai uns anos un presunto burato nas contas municipais por culpa dunhas presuntas compras en tendas de roupa presuntamente cara co talonario do concello. A acusada era a nosa amiga, quen dixo que tiña todas as xustificacións do talonario nunha carpeta, pero que precisamente o día que as tiña que presentar roubáronlla do BMW.

Sexa todo isto certo ou non, o caso é que Maricarmen cada día foi collendo máis peso na co-presentación de Encontros, ata que un día Pemón misteriosamente desapareceu. A cabeceira co cómputo de galegos/país tamén. E o programa comezou a coller o xeito (?) que ten agora. Seguen as actuacións musicais, tipo Malena Gracia, Manu Tenorio e Miami Sound Machine; seguen as viaxes polo mundo, anque agora o de menos é que haxa algún galego. O sábado pasado contamos 6 viaxes: a Roma, a Grecia, a Exipto, á Habana, a Arxentina e a México. Nin un atisbo de galeguidade por aí adiante. Só contra o final fixeron un pequeno encontro entre parentes emigrados, con Maricarmen facendo un papel de Isabel Gemio no que se vía bastante cómoda. Non quero nin pensar en canta pasta nos custa cada programiña destes, pero tede claro, contribuíntes, que o que subvencionades agora é unha especie de Canal Viajar. Por non falar do estilismo da presentadora, que segue a ser indescritíbel.

Total, que coas coñas Miss Cacaolat agora é directora e presentadora deste programa de referencia, que hoxe sábado inicia unha nova etapa. Maricarmen anunciou novo plató, música, humoristas, concursos, etc. cos que amenizarnos as tardes da fin de semana. Se en vez do sábado o programa se emitise un martes pola noite e o presentase un pataraneco de Allariz adiviñen como se chamaría. Digo eu que seguirán as reportaxes, ou vacacións exóticas pagadas co erario público, pero o importante é que seguirá ela, coa súa graza, naturalidade e saber estar, o seu tupé, a súa bisutería e o seu bronceado, presentando un dos programas máis surrealistas da nosa querida telegaita. Grandes tardes de resaca e risos a cachón nos ten dado Maricarmen ao seu cada vez máis numeroso e entregado club de fans. Non nos dan chegado as catro para ver en qué consiste a nova etapa.

Admito que esta caste de haxiografía está escrita cun chisco de maldade, pero non son a única. Na Voz de Galicia hai uns meses tamén rajaban dela ao berro de “Que vuelva Pemón”. E nalgún confidencial de internet tampouco se cortaron á hora de glosar as boas relacións deste personaxe e a cultura xeral que demostran os seus colaboradores. Mais hai que recoñecer que a Cacharra xa se fixo un oco nos nosos corazóns e que o público galego está encantado. Xa o di miña mai: “Ti o que tes é envexa do guapa que é e do ben que traballa”. E non vou ter.
 
4.11.04
 
Born in the USG



By pavochungo
  E a el que máis lle quén gañou as eleccións nos iuesei.  
3.11.04
 
Bueno...



...polo menos parece que me vai durar a camiseta catro anos máis.  
2.11.04
 
Fodi & Barbaconna



Anúnciese aquí (e van...). Porque para revista de tendencias -microculturais- nada coma esta que lles ofrezo de maneira humilde e altruísta. Alguén que non coñezo e que prefire ficar no anonimato recoméndame dar unha volta pola web de Fodi&Barbaconna. Como non son quen de definilos pego aquí a súa auto-presentación: FO-DI & BARBACONNA é un inmenso retreter, un sumidoiro de merda moi cheirenta producto da sublime inspiración de dúas mentes perversas, amigas do gas metano. F&B non só é RAP coa clase herdada de Stinkor: F&B é a merda que hai na rúa, un enorme xelado de cucurucho con doble bola de bosta, o espello dun planeta que apodrece, o fin do chicle de fresa.

O dúo este de rapeiros é tan inenarrábel como a súa web, dende a que podedes descargar o seu jit "Sangue de sudre" e ver o videoclí correspondente, coa actuación estelar de Gabriella Sacauntos quitando a roupa, como non. Sobre a nosa estriper nazoal, os personaxes que dan puta peniña (sic) á porta da Cociña Económica ou os combinados alcólicos do futuro tamén ofrecen abondosa e gratuíta información + fotos. Baixo a súa (de vostedes) responsabilidade.


P.S.: Polos linx dos F&B chego a unha web onde, de maneira tamén altruísta, che transforman o teu nome bautismal por un nome gangsta. O meu é Heavy Nutz da Guatemalan. E así confirmo, unha vez máis, que isto do hiphop non se inventou pra min.  
  Bico mortal. Previa petición, Ribao envíame a última Postal de Galizia que publicou na revista de tendencias micropolíticas New Times. Como sei que vós non ledes tan insigne publicación (eu tampouco), aquí vola incrusto. O que morrea en Fraga é un colega meu facendo un gran sacrificio pola patria. E este post está dedicado a Palmou.


Hai tres anos, antes das anteriores eleccións autonómicas, dubidaba nestas mesmas páxinas da promesa de Manuel Fraga de presentarse por última vez como candidato. E velaí está de novo.

Costa desfacerse del. Cóstanos a nós, os que o repudiamos, pero vese que tamén lles costa aos seus compañeiros de partido, malia haber fortes discrepancias entre eles á hora de valorar esa arriscada decisión de volver ser cabeza de cartel electoral. O contexto tampouco axuda moito para aclararlle o tema á cidadanía, porque as forzas políticas da oposición en Galiza non andiveron moi finas estes anos para facer converxer as súas estratexias e facerlle visible á xente a viabilidade dun cambio que, sen embargo, contémprase como necesario por unha boa parte da sociedade.

Quen me coñece sabe que eu non son nada ansioso, pero recoñezo que isto xa comeza a fartar. Por iso propúxenme argallar algunhas propostas alternativas para desfacernos do presidente octoxenario, do político ortopédico ou da personalidade octoédrica, segundo prefiran. E niso estaba cando irrompe vehemente Xosé Luis Baltar, cuan amante despeitado, para darnos a solución: hai que matalo de amor. Para iso vai esta foto e unha canción dos Panchos:

XA É MOI TARDE

Xa é moi tarde para remedar
todo o que pasou,
xa é moi tarde para revivir
o noso vello querer.

É preferible para ti que esquezas o pasado;
xa é moi tarde se tratas de volver,
iso non pode ser.

En moitas ocasións procureite
e ás túas plantas de xeonllos implorei;
xa non insistas en axuntar a túa vida coa miña;
xa é moi tarde se tratas de volver,
resígnate a perder.




Dá grima, eh!
 
1.11.04
  Willkommen! Os comentadores vanse pasando ao outro lado. As crónicas prusianas é o blog do compañeiro Berlín. O resto a que esperades? Máis que nada porque teño apostado con Pawley a que seriamos 200 no blogmillo antes de finais de ano. Segundo ascárida (a fonte máis fiábel, agora que blogaliza está en horas baixas) somos 158, así que xa podedes bulir.  
  Que malos son. Como a tiña. Por iso me encantan. E acaban de editar un single cun feixe de cancións xeniais. Creo que a que máis me gusta é Hay un hombre en España, pero o corpo pídeme copipastear estoutra:

NUESTROS POETAS

Qué malos son, qué malos son
Qué malos son nuestros poetas

Sólo hay que leer las cartas
Que Guillén mandó a Salinas
O escuchar a Gil de Biedma
Leído por Carod-Rovira
Para verlo

Qué malos son…

Sólo hay que mirar las fotos
Están en las hemerotecas
Dámaso Alonso en El Pardo
Y Luis Cernuda en Acapulco
Los que se hicieron ricos
Los que murieron pobres
Enfermos, en el exilio,
Leopoldo y sus tres hijos,
Todos ellos

Qué malos son…

Preguntadle a la viuda de Alberti.
Si pudiera hablar Zenobia.
Si estuviera vivo el bendito
Padre de Manrique.
Si lo supiésemos todo sobre algunos,
Tanta metáfora y tan poca vergüenza
Todos ellos.

Qué malos son…
Quevedo el putero y Góngora el lameculos,
Garcilaso el usurero y Rosalía la ludópata,
El maricón de Lorca y Bécquer que era
Un poco mariquita también,
Ferrater el desgracido,
Gimferrer el pervertido,
Los hermanos Machado,
El drogadicto y el maltratador,
San Juan de la Cruz,
Y Santa Teresa de Jesús…
Qué malos son…


Exercicio: substitúan os poetas españois polos galegos que máis aborrecen e verán que divertido.
 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
Setembro 2003 / Outubro 2003 / Novembro 2003 / Dezembro 2003 / Janeiro 2004 / Fevereiro 2004 / Março 2004 / Abril 2004 / Maio 2004 / Junho 2004 / Julho 2004 / Agosto 2004 / Setembro 2004 / Outubro 2004 / Novembro 2004 / Dezembro 2004 / Janeiro 2005 / Fevereiro 2005 / Março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger