Todo nada
28.7.04
  Paseo. Á noitiña achegueime ata o Cineplex de Labañou coa intención de ver Kill Bill 2, pero unha cola enorme formada por ducias de parellas adolescentes fíxome dar a volta a fume de carozo. E despois de tan sensata decisión tomei outra aínda mellor: ir estrear a ampliación do paseo marítimo, dende o Pacolito ata o Portiño. Temperatura agradábel, brisiña a xusta para ir sen chaqueta e tres quilómetros (ida e volta) que as miñas viaxadas pernas aínda non pasearan. Unha das cousas que máis me presta desta vida é estrear camiños, sexa en coche ou andando, e a feliz sensación de estar nun sitio por primeira vez. Máis cando se trata de recantos que tes cerca da casa (neste caso, xusto en fronte) e que che fan pensar por qué non viría eu aquí antes. Na Coruña pásame moito. Pasoume agora ás dez e media, nun mirador que puxeron pouco antes de chegar ao Portiño. Co sol xa debaixo do mar e o lusco deixándolle paso ao fusco; ao lonxe as luces de Suevos, Sabón e Arteixo, talvez Caión e comezo da Costa da Morte; unha lanchiña abríndose paso entre os farallóns; o cheiro do mar, o son das carricantas e unha lúa case chea para acabar de completar a estampa... qué pasote, nenos. De volta, atrás da Torre víase Sada, Lorbé, Pontedeume, albiscábase Ferrol. Cánta xeografía xunta, e qué luxo podela ver en directo e non nun videoclip deses chungos con música de Carlos Nuñez que fan en Desde Galicia para el mundo. E todo de balde e sen ter que se mover.

Malia todo, esta cidade é tan marabillosa...

Agora Paco quere ampliar o paseo aínda máis, ata chegar a Arteixo por un lado e a Culleredo polo outro. Non está tan lonxe do colmo do feísmo que tanto se ten vaticinado: a este paso acabarán facendo un paseo marítimo único que bordee toda a costa galega. Por min como se o fan por toda a Península. Non había parar de andar.  
  COPYLEFT (da serie "Lecturas para os que tedes vacacións"):

- A lección do profesor Jorge Cortell sobre a fin da propiedade intelectual, vía El Gran Mimón, un home cunha exquisita sensibilidade para a poesía.

- Grafía, o novo blog da señora dot, dedicado en exclusiva ás prácticas de mecanografía e copyleft. Ou o mellor da prensa internacional, escollido e traducido ao seu idioma. Como diría miña mai, hainos ben desocupados.

- E... tachán!!! O Famoso Documento de Beiras (FDB), a carta de 45 folios meténdolle caña ao benegá que o barbudo prócer enviou en segredo a 20 selectos militantes, e que en Galiza Indymedia puxeron nosa disposión, pois non somos menos selectos. Ale, a lelo enteiro e a espallalo por aí.  
  Estrés. Dende aquí e dende hoxe ata o 20 de agosto inicio unha campaña de solidariedade cos policías locais santiagueses, que están collendo baixas masivamente estes días, disque por estrés. Non me estraña, eu estes tres días que estiven en Compostela abafaba de calor e de ver tanto peregrino xunto. Iso que eu podo levar camiseta de tirantes e non me vexo obrigada a responder amablemente se me preguntan pola rúa do Franco ónde está a catedral. Vale que aos polis lles pagan por iso, pero tampouco lles pagan tanto e, vale que uns máis que outros, tamén son humanos.

Todo o meu apoio, amigos munipas: cantas máis baixas collan menos multas poñen. E tamén polo do estrés, claro. Díganmo a min, que me quedan 23 días xustos para as vacacións e dáme que van ser insoportabeis. Pero xa teño o pasaporte feito, o billete de avión pago e o meu anfitrión cos brazos abertos en San Francisco. Á volta volvereime queixar, seguro, do desaxuste horario ou algunha outra parvada así. Estrés, jetlag... enfermedades modernas á fin e ao cabo. Que todas as queixas sexan coma esas.  
23.7.04
 
Burn, motherfucker!



Cando media España está de loito vendo unha edición choromiqueira de A tu lado e media Coruña pasando de todo en Riazor, eu prescindo de tele e de praia e son das primeiras en ir ver Fahrenhteit 9/11, na sesión das cinco. Agardando a que Mr. Pawley vos faga unha intelixente reseña das súas en canto a vexa, e sabendo que non fai falta que vola recomende, comentarei só algúns detalles: 1) Que anque cheguei puntual ao cine perdinme un anaco do comezo por culpa da rapaza do chigre, que non tiña présa ningunha por poñerme unha auga mineral mentres lercheaba cunha colega sobre famosas e somníferos. Cunha preciosa fala de Mazaricos, iso si, que eliminou en canto veu atenderme, cun finísimo español. 2) Que por sorte puiden pillar a secuencia dos créditos iniciais, absolutamente sensacional. 3) Que as declaracións que fan os soldados en Irak son tan jevis e á vez tan reais... Flipei con iso de que os cascos de guerra leven CD incorporado, e con que os marines estean de acordo en que escoitando punkrock atínanlles mellor aos iraquís. Non sei qué opinará disto Jean-Sol. 4) Que cando vía a Bush pampeando mentres lle atacaban o país ou xogando ao golf ao tempo que Ben Laden axustaba a mirilla, cando vía os funcionarios-gobernantes mentíndolle con descaro á nación, censurando informes ou soltando en público frases directamente imbéciles, moito me acordaba de Aznar, de Rajoy, de Fraga, de Paco, ou de moitos alcaldiños nosos tan imbéciles ou máis e de toda a poboación imbécil que lles vota. E pensaba que Bush, Cheney e os mangantes do petróleo en xeral non son máis que caciques como os de aquí, pailanciños con poder igual que aquí os políticos, os constructores ou os narcotraficantes. Só que a maior volume de cartos cos que caciquear, máis terribeis son as consecuencias. E que igual que nós temos os nosos bushiños e benladiños particulares, ben podiamos ter uns pequenos Michael Moores en San Caetano, en María Pita, na Deputación de Lugo ou en Casas Novas. Se un paisano de Flint, Michigan, lle pode cantar as corenta ao puto líder do mundo mundial, qué non se pode facer aquí con calquera destes paifocos. O talento moitas veces non consiste en máis (nin en menos) que en botarlle huevos. Se ata podemos gañar tamén o Festival de Cans...

...vou ver se hai algunha cámara de oferta no Carrefour.  
21.7.04
 
Si, home, siiii



Amigas: como os tempos son chegados e internet non só vale para matar o tempo e esbardallar un pouco senón que tamén é unha cousa moi didáctica, aquí vos presento o invento co que definitivamente poderedes aprender a ter os vosos homiños satisfeitos de si mesmos. Ou enganados, que para o caso é o mesmo. Con este simulador de orgasmos poderedes practicar na vosa casa, cíber ou lugar de traballo as veces que queirades ata chegar a ese punto de finxido clímax que lles fará sentirse como auténticos campións. Pero ollo, sen pasarse, que eles tampouco son tan parvos e axiña se decatan se unha é mala actriz. Non é tan fácil. O segredo, din os italianos de La Mollendustria que argallaron esta e outras caralladas en flash, está en sabelos escoitar: "Se non che sae as primeiras veces, non desesperes: unha boa simulación require un profundo coñecemento dos costumes e expresións do noso home. Se botas un tempo practicando aínda has ser quen de finxir orgasmos múltiples e mesmo acadar o título de Miss Stanislavski". Un María Casares de aquí ben nos vale.

Vía Elástico (canto tempo!). 
20.7.04
 
Familia



Non, a da foto vintage non é unha avoa libertina que eu tivese por aí, nin sequera é a irmá pequena da Bella Dorita. É a miña. Outra criatura inocente emigrada a Santiago coa excusa de estudar e botada a perder o licenzoso mundo da farándula e o cabaré. Conste que me quitou a carreira moi ben e que ten un curso de posgrao e todo. E aí a tedes: ela en si mesma é historia da arte. Pepa e mais Davide Salvado (o do sombreiro; tranquila mamá que é gai) montaron un dúo de cabaré tradicional que arrasa nas terrazas da capital xacobea e noutros lugares de dubidosa reputación. O sábado exercerán de mestres de cerimonias do Festigal, ese foro das culturas malamente normalizadas. Se soubese cómo colgar arquivos mpeg na web poñeríavos un par de vídeos que teño deles actuando, pero como son bastante burriña para estas cousas teredes que ir vela en directo. E se queredes a foto asinada, dicídelle que ides da miña parte.

(O dito: non teño prezo como mánaller) 
17.7.04
 
Natalia
 
 
Esta cándida criatura, que empezou a perder candidez candou pasou por OT e logo desvirgóusenos un pouquiño cantando aquilo de "No soy un ángel", definitivamente quere ser unha chica mala e por iso acaba de sacar unha versión do "Highway to Hell" absolutamente tremenda, que cagha cen mil veces pola que fixera Britney Spears do "I love rock and roll" de Joan Jett na procura dunha excusa para poderse enfundar en coiro e estender a súa faceta de quentapetrinas entre o público maior de 17 anos. Pódena escoitar (a de Natalia) na radioblog do Gran Mimón, que desta vez recupera as Spice Girls, ponas ao lado dos Pixies e de Joy Division, logo chúzalle unha das Destiny's Child, outra dos Ramones, outra da citada Britney e queda tan ancho. E eu que cría que o meu era esquizofrenia musical... aquí hai moita máis coherencia da que vostedes pensan.
 
16.7.04
  Croquetas a Castelao. Se a Cea dos Patriotas promete ser memorábel, o Domingo Patriota vai ser superior. A FREAC xa deu a coñecer os actos programados para o 25-X, así como o comunicado conxunto para a mani. Desta vez tentarei que a resaca non me impida perderme isto: 
 
 - À hora do vermu, como truculento aperitivo ao grande acto do dia, umha representaçom do Comité Homologador Central (CHC) da VA-CA e do órgao homólogo dos Aduaneiros sem Fronteiras deslocará-se ao Panteon d*s Galeg*s Ilustres, sito na igreja de S. Domingos de Bonaval, para realizar umha oferenda frugal ao fiambre de A. R. Castelao, consistente numha travessa de croquetes. Realizamos assim um acto de justiça poética ao mítico Manifesto Kamikaze (apoteose do churrasco) redigido a meados da década de 80 polo escritor Suso de Toro.
 
Andei buscando o Manifesto Kamikaze no google pero ao non atopalo dou por feito que non está en internet. Posibelmente este incunábel non exista nin en formato word. Isto haino que remediar, así que se alguén por aí o ten a mau e está disposto a picalo e mandarmo, ou poñelo na súa web, ou fotocopialo e mandarmo por fax ou por correo-e, a patria estaralles moi agradecida, e eu máis.



 
   
 
Precísanse gardacóstas. Para cando djpiensosnudesa vaia de xira, non vaia ser.

 
15.7.04
  NON vou ir ver a Lurriz, nin os Cheminal, nin a Masifatrac, nin a Bodilan ao Monte do Gozo, nin a PJ Harvey a Vilar de Mouros nin a Blondie a Vigo. Por unha vez vou quedar na casa, matando moscas co rabo e collendo forzas para superar o mes e medio (arghh!) que me queda antes de marchar de vacacións. Hai que aforrar.

Ao resto, que vos cunda.

 
14.7.04
 
A cea dos patriotas



Cambiando de terzo, que falta fai. Infórmolles da recente constitución da FREAC (Frente REtranqueira Anti-Colonial), vizoso froito da coalición entre os Aduaneiros Sem Fronteiras e a VA-CA, que como saben son obxecto de toda a admiración e propaganda posíbel neste blog. A presentación deste novo organismo de luita subversivo-esmorgueira será o próximo 24 de xullo cunha ceia de comemoração e beboração en Santiago á que se pode apuntar quen queira. O título de tam magno evento será 'A Ceia d*s Patriotas' e, do mesmo jeito que no filme francês de título, digamos, homónimo, cada comensal deverá levar consigo um ou umha patriota. Como nom somos demasiado exigentes, avonda com que cada quem se faga acompanhar pola patriota que leva dentro. Eu hei facer unhas placas para mirar se teño disto último. Porseascaso, se algún patriota se ofrece -previo casting- ben me deixo acompañar.  
13.7.04
  Ser intelectual, ou parecelo. Na última semana fun reclamada para un par de comenencias que verán proximamente nos seus quioscos e que me fan pensar, de maneira máis ou menos obxectiva, que unha está entrando a formar parte do cultureo deste país. O cal serve basicamente para desmitificalo (aínda máis) e constatar que calquera pode pasar por intelectual.

Particularmente se es tía. Seino por propia experiencia xornalística: cando te decatas da paupérrima proporción de mulleres que aparece nunha publicación, tanto colaborando como protagonizando a información cultural, sacas inmediatamente de axenda para ver a qué chorbas se poden chamar. Unha amiga miña mesmo tiña un listado de mulleres interesantes susceptíbeis de seren entrevistadas ou de lles poder encargar un artigo por aí. Non pasaban de 10 ou 15, e nalgún caso iso de interesantes era máis que discutíbel. Tendo tetas, anque non estean moi firmes, é moito máis doado destacar.

Non é que eu sexa unha persoa especialmente modesta ou especialmente toxo ou con vocación especialmente underground. Ben se ve que este é un blog de masas. Pero a xente dá por feito que unha quere ser escritora, ou que ten unha chea de inéditos na casa esperando que veña alguén e llos publique. Co ben que me vai sendo axente literaria dos outros. Se cadra é un dos males deste país, que se non tes obra publicada non es ninguén ou, peor aínda, que por tela xa es alguén. E así parece que todo o mundo quere ser escritor, e todo dios se cre con capacidade para facelo.

E se cadra por iso mesmo sempre haberá alguén disposto a escribir unhas liñas para a publicación de turno sen máis satisfacción que a persoal -quietos, non me contradigo: de momento non quero ser escritora pero mólame mogollón ser líder de opinión- e a máis dubidosa de facer país. Co cal o valor da divisa cultureta no noso mercado é cero, que por moito que o multipliques de cero non pasa. Aínda que algúns comen moi ben, a intelectualidade quita a moi pouca xente de traballar. Afortunadamente.

Outra das desvantaxes de ser intelectual ou parecelo é que non tardas moito en empezar a coñecer a outros intelectuais ou que o parecen, o cal dificulta moito un dos meus hobbies favoritos que é rajar deles, con razón ou sen ela. Algunhas veces ata che caen ben. E como neste país é tan fácil coñecerse, así acabamos lambendo as carallas uns aos outros, polo menos en público. Que aquí hai moito ego castigado e tampouco é plan de ir por aí adiante dicindo o que pensas, a risco de facer inimigos innecesarios ou provocar depresións.

O meu ego traballoume bastante ben ata o de agora e agardo que siga así. Ben é certo que con este post tan longo e embiguista mal empezamos, pero aquí hai confianza e podo dicir que aínda que o intente non son quen de levar estas cousas con naturalidade, por máis que me reine ser aprezada, sobre todo por xente que aprezo eu. De aí a considerarme intelectual... case prefería que me aprezasen polo meu físico. Lígase máis, e teño entendido que pagan mellor.  
8.7.04
  TABELA DAS LETRAS. A Nosa Terra, xoves 8 de xullo de 2004.

FICCIÓN:

1. O CÓDIGO DA VINCI
Dan Brown
El Aleph

2. ORIXE
Séchu Sende
Galaxia

3. ÁMOTE
Xosé Carlos Caneiro
Galaxia

4. ROMASANTA
Alfredo Conde
Sotelo Blanco

5. BAIXO MÍNIMOS
Diego Ameixeiras
Xerais


Si señor, xa entramos no top five!!! Vese que funciona iso do blog-orella... Pois nada, se non a mercaron aínda non sei a que esperan. Vale que Dan Brown é un best-seller e que Séchu tamén é colega, pero a Conde e a Caneiro hai que superalos XA. Vémonos no ranquin da semana que vén.
 
 
Paisaxe humana



Fará agora un ano dos tres días que pasei en Ortigueira cazando fulanos que se quixeran retratar para a exposición "A Paisaxe Humana", que poderedes ver este ano os que vaiades ao festival. Se cadra algún de vós está entre os elixidos que locen corpo serrano a tamaño natural. O certo é que Xoán Piñón sacou a todo o mundo ben lindo e ben simpático.

Anque me gustaría ver cómo quedou a exposición, creo vou pasar moito de Ortigueira, que o ano pasado quedei servida de folk e de putos iembés ata polo menos o 2050. Así e todo paseino ben, pero mellor o vou pasar este sábado no III Festival Costa Abaixo coa actuación estelar de The Pollegros e outros dos grupos mellor bautizados que hai en Santiago DC. Vexan o cartel no blog de Jean-Sol Partre, ese artista multimedia.

 
6.7.04
  Revista de prensa. Aí van outros poucos recortes destes días:

- A entrevista muuuuuuuito interesante que lle fan á VA-CA no suplemento Lecer dese gran xornal (prepárense) que é GZ Today. Toma nota, paleón, que tamén falan do agropopart.

- A columna de hoxe do noso banqueiro afterhours favorito, da que só extraerei a seguinte frase: "El pubis habría que lavarlo con avecrén". Deixo na vosa responsabilidade ler o texto completo ou non, no que protesta polo exceso de hixiene dalgunhas das súas (todas reais, supoño) amantes. No mesmo xornal fala tamén precisamente Anxel Vence do pouco amigos da auga que somos os galegos, que preferimos a augardente. Que llo digan a Alvite. Viva a hixiene (mental).

- A moza de Fraga, da que se marcaron unha pérfida reportaxe o domingo en El Mundo. Xa o dixo Don Manuel: "todavía me las tengo tiesas". A sucesión está clara: Papuchi for President. 
  As peores portadas (III). Capítulo dedicado á España Cañí e ao top gasolinera, cortesía de Xesús Fraga -ese evocador de nostalxias- que mas reenviou dende Sabón. Póñolles letras porque calquera as titula. Xa poden votar pola súa favorita...

A



B



C



D



E



F



G



H



I



L




Se lles prestou, agarden a próxima entrega, dedicada ás peores portadas galegas, celebrando o centenario do noso disco. Algún/ha vai maldicir o día en que se inventou o escáner... (risa de maldá). 
1.7.04
  Pe Ceta. Vou rematar esta triloxía bizarro-lugocha convidándoos a que lean este artigo de P.Z. que abriu unha forte polémica entre os lectores de Xornal.com. A cousa non debería pasar de ser unha Carta al Director desas que mandan cada pouco tempo os simpatizantes de AGLI (xa verán que a prosa está á altura), pero habendo quen publique estes artigos e tanto lector desocupado disposto a lelos e a contestalos, axiña se monta. A autora foi a comezos dos 90 a modelo máis famosa que deu Lugo, mais cando viu que "es muy difícil abrirse paso en el mundo de la moda" meteuse a estudiar Xornalismo en Santiago. Hoxe ocupa un alto cargo nun chiringo da Deputación.

Non poño o nome completo porque logo a xente búscase no google e atópase. E iso que me encanta facer amigas con este blog.  
  Aída, Fraga e Sargadelos. Con todo, sigo recomendando a lectura diaria deste noso xornal, que na edición dixital de hoxe entrevista a Aída Nízar, unha muller que pasou a adolescencia en Lugo e así acabou.

...Todo lo que tengo fue a base de luchar.
—Por ejemplo...
—Pues cuando estaba ahí, en Lugo, quería ir a un instituto que no me tocaba por zona, el Femenino, y lo conseguí después de hablar con el director. Luego, quería ser locutora y también lo logré. Y quise trabajar con Ramón Tamames y trabajé. Lo que no pretendí nunca fue llegar a la televisión y, sin embargo, fui la persona más feliz del mundo porque Crónicas marcianas es el mejor programa.

(...)

...Pero no le temo a nadie.
—¿Ni a nada?
—A nada. Eso me lo enseñó mi tía monja, Carmen María, de la congregación de María Inmaculada de Lugo, en la plaza de Santo Domingo, donde estuve tres años interna. Allí estaba con las hermanas Elena y Josefina y me enseñaron a querer a Dios y a hablarle como a un amigo.

(...)

Un hombre: Uno que me admire. ¿La admiración supone replegarse a lo que usted quiera?. No, es amor, respeto y cariño. Yo admiro a mi tía, la monja, por su buena voluntad, y a Fraga, por su carisma con esa edad, y a Sargadelos.

Un político: Fraga. ¿Es usted del PP?. Eso forma parte de mi intimidad, pero apuesto por los que hacen una España "mellor".
 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
setembro 2003 / outubro 2003 / novembro 2003 / dezembro 2003 / janeiro 2004 / fevereiro 2004 / março 2004 / abril 2004 / maio 2004 / junho 2004 / julho 2004 / agosto 2004 / setembro 2004 / outubro 2004 / novembro 2004 / dezembro 2004 / janeiro 2005 / fevereiro 2005 / março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger