Todo nada
30.6.04
  Lugo y sus sucesos. Estou bastante cabreada dende que El Progreso decidiu reformar a súa edición dixital. Por outra parte falta lle facía, pero iso de ter agora que lelo en pdf... nin sequera o poñen enteiro, faltan as esquelas e a sección de cultura, que era o que eu lía principalmente. Pois iso, que levo sen miralo cerca de 15 días e hoxe, un día ao chou, vou e entro e doulle un repaso ao "resumen de titulares" a ver se houbo algunha novedá, e flipo xa soamente coa sección de Sociedad, antes chamada Sucesos (non sei qué será máis macabro).

SOCIEDAD:

- Muere un vecino de Cospeito de un infarto tras pelearse con un sobrino

- Un detenido en A Pastoriza tras agredir con una hoz a un vecino

- Arrestado por intentar herir y amenazar a su suegro en Foz

- Juzgan a ocho focenses por una riña tras una agresión en un 'cíber'

- Juzgado el parricida de O Páramo por hurtar el coche de un agente

- Investigan la sustracción de 2.500 zapatos de un solo pie en un almacén de Vilalba

- Buscan en Lugo a un joven de 17 años que desapareció cuando se bañaba en el río

- Una red que asaltaba naves en Galicia perteneció a las fuerzas del orden soviéticas


Como vedes, novedá ningunha. Vanse facer 15 anos da movida de Paulino e a provinciña nosa -en especial a miña comarca- segue inzada de agrokillers e sucesos bizarros. A mestura entre disputas familiares, lindes de terras e fouciños ao alcance de calquera na terra que comanda Cacharro e que viu nacer a Fraga, Rouco Varela e Liborio García fai un cóctel explosivo que rite ti de Columbine. Michael Moore con nós facía marabillas.  
28.6.04
 
Pasarón



Eu onte estiven alí. E tamén aquí, e alí, e alá e un cachiño acolá. Estou que non me teño, pero hai que ver o ben que o paso.  
24.6.04
 
Campechanía



 
23.6.04
 
A venus dos chourizos



Como me mola presumir de amigos artistas (1). Inauguración na Coruña da exposición fotográfica HARTE, de Roberto Ribao.

Xoves, 24 de xuño, ás 12:30 horas, na sala Rincóncoruñarte, sita na entrada da cervexería A Cervexa, no número 25 da rúa Alcalde Marchesi (fronte aos centros comerciais Corte Inglés e Catro Camiños). A exposición permanecerá ata o martes, 27 de xullo.

A serie HARTE comezou como un xogo inocente e como tal debe entenderse. Fotografo obras artísticas en exposicións, procurando unha mirada distinta, e chego a ter unha relación especial con algunhas delas ou mesmo con determinados fragmentos. Vendo a Venus do espello pregúntome: ¿e non estaría moito mellor esta muller deitada sobre uns chourizos? Por suposto que está moito mellor, non hai máis que vela. Claro que Velázquez non tiña culpa se daquela non coñecía os chourizos das serras ourensáns. E así comezou a procura de relacións e sinerxias entre espazos fotográficos e elementos pictóricos ou escultóricos.

HARTE é unha visión desenfadada e irónica do mundo da arte desde o medio fotográfico. Trátase dunha procura de conxuncións estéticas, dunha poética visual im-posible, de estraños espazos cotiáns, de relacións insospeitadas ou, simplemente, de brincadeiras visuais... As formas de achegamento son variadas. Ben pola sinxela elección dunha perspectiva determinada, ben pola escenificación e construcción previa dos obxectos para despois fotografalos, ben pola intervención tecnolóxica sobre imaxes dixitalizadas... Calquera método serve sempre que a imaxe resulte atractiva, retranqueira ou desacougante.

Malia que poida interpretarse outra cousa, sinto un enorme aprezo polos autores e polas obras que lles pedín “prestadas”. Non poido dicir o mesmo daqueles puristas que poidan sentirse ofendidos por esta apropiación. Seguro que teñen algún segredo inconfesable que agochar.

Roberto Ribao
 
  Como me mola presumir de amigos artistas (2). E como xefa de márquetin freelance da novela Baixo Mínimos debo anunciar que xa leva uns días á venda. Pero non vale comprala no Corte Inglés ou nunha libraría calquera, imos facelo nas consultadas por A Nosa Terra para facer o seu top vendas semanal. A saber: Cartabón (Vigo), Couceiro (A Coruña), Michelena (Pontevedra), Pedreira (Santiago), Souto (Lugo) e Torga (Ourense). Pasarei lista.

Xa que Xerais non aproveita os valores extraliterarios do autor para a promoción, fareino eu. Velaquí a famosa foto da contracapa:



Os literarios son aínda mellores.

 
22.6.04
 
Esas amizades, Susana...



Se no fondo todos morredes por estar no top manta, va que si? 
21.6.04
  Dixémolo onte a duquesa e mais eu mentres viamos zapateadas no sofá a final do concurso de bailerregional de Luar: esta finde foi para enmarcar. O sábado proseguimos coa nosa intensísima vida social en Vigo, onde acudimos á Festa Contempopránea para coñecer outros blogueiros in person: os nosos ídolos contra e pavochungo, as súas consortes (non menos ídolas) e outros jóvenes modernos vigueses tan hiperriquiños coma eles. DJ Zarpaelamor tamén puxo Camela (única coincidencia no set, por sorte) e botamos uns bos bailes e unhas boas risas. Pasámolo de pinga. Era día total cando pasamos de novo a ponte de Rande de volta a bordo do Halcón Milenario, escoitando Lori Meyers e prendendo no sono con cara de total e estúpida felicidade. E coa camiseta invadida de ferralla, entre as chapas deles e as nosas. Pavochungo xa puxo as fotos no seu blog.

Antes da festa, Kate levounos a tendas de roupa moderna e aquí miss pailandia, ou sexa eu, non tardou en facer acopio de trapitos tan chulos como innecesarios, redescubrindo con lágrimas nos ollos o marabilloso mundo da talla 38, que en Vigo debe ser máis grande que no resto dos sitios. Amigas, nunca vaiades de compras con resaca, dígovolo eu.
Logo, para manter estes tipos e para non chegar á festa cheirando a churrasco, que sería o propio nunhas agrogirls coma nós, fomos cear unhas verduritas cociñadas á navarra no Rincón de Gurpegui, cun camareiro moi simpático que nos vacilaba seguido, convidaba a chupitos de herbas e cada vez que viña dicía "me cagho no mundo", como o noso tótem Miro Pereira (a quen Ra ao velo na chapa confundiu con Julián Muñoz). Debeulle facer chiste ver unhas chicas tan monas coma nós falando ese galego tan rural. As galegofalantes, ou feas ou do Bloque. Non dicían algo así estes días en Vieiros? Apúntoo como tema de análise para o número cero de Rapazza.

Mención especial merece Jean-Sol, que pasou o día do seu cumpreanos currando e á noite bebendo pesicolas porque tiña que conducir. Por riba esquecín o seu regalo na Coruña, e por riba onte perdeu o Pontevedra. España tamén, é un consolo. E ti, Jean-Sol, es un sol.  
  Aí vai a crónica logo. Podo afirmar sen a máis mínima modestia que a I Agroparty da Galiza foi un rotundo exitazo. Por un día, as Crechas transformáronse na Chantecler, e aquilo petouse petouse de xente bailando ese set pailán preparado con tanto agarimo (arrasaron sobre todo o Xuntos de Juan Pardo, o Galicia de Pimpinela e o himno do PP versión bakalao). Eu particularmente mesturei o Beade Dry (que invento, Sebas!) con licor café de varias casas distintas e acabei fatal, bailando “Litros de alcohol” no Maycar con tan fino atuendo como o que podedes ver na foto.

Farei un breve repaso blogmilleiro para todos os clientes deste garito virtual que non puideron asistir e levan toda a finde esperando a que se nos pasase a resaca para podelo contar. As máis glamurosas: A duquesa e kate, momento pañoleta. A señora dot no-sin-mi-bolso. Paleón ou cómo saber lucir batarolo e fanequeiras. Porquiño e señora, acompañados por deneno, que trouxeron licor-café e restos de sulfato nos pés. Cesare, que arrasou coa súa camiseta newholland e botou unhas boas bailas ao agarrado con kate e con shoto-kan. Caladinha non puido vir pero mandou unha boa representación de glamour dezán. O Gran Mimón e Toxo, quen preguntou a véspera se ía haber cubalibres ou era obrigatorio beber licor café. Os aduaneiros sem fronteiras. Os da VA-CA, que cumpriron a súa promesa de traer un poster de Piensos Forza. São Tomé traía posta unha camiseta do Bar Arcadia. Paco Penas de Dorvisou non se puido quedar á festa pero veu por alí a primeira hora a traernos unhas rosquillas de Casa Remigio, esa tenda inaugurada por Fraga. Non foi o único que mollamos no licor-café: a Jean-Sol fixémoslle soprar 26 velas sobre unha tarta (de Santiago, como non). Brindamos por Pedro e Xela, os primeiros afillados do blogmillo, que naceron o mesmo día. E o resto de blogueiros, ou non viñeron, ou viñeron e eu non os vin, ou viñeron de incógnito, ou si que os vin pero xa non me acorda, que o licor café fai estragos. Fáganme a corrección de presencias/ausencias embaixo, se fan o favor.

E a cantidade de xente que foi sen ter a máis remota idea do que é un blog nin coñecernos de nada. E os despistados que pasaban por alí, flipaban e quedaban. Dicíame o encargao: sodes uns frikis de carallo. Moito. E moitos.

Constatamos que non é tan difícil argallar unha festa por internet, dende outra cidade e sen coñecer previamente os co-ramistas. A xente por aí xa pide a segunda. Anque tamén houbo outra á que non lle fixo puta graza o conceito. “Isto non lle fai ningún ben ao país”, oín eu. Señores, nós non facemos festas para facerlle ben ou mal ao país. Facemos festas para divertirnos. E punto.

Grazas a tod@s por vir. 
20.6.04
 
djpiensosnudesa



Só por poder pinchar Camela na Casa das Crechas todo isto pagou a pena, amiguiños.  
17.6.04
  Cousas que importan. O neno que se ía chamar Catu? de ser nena está chegando a este mundo, segundo informa o nervioso Opaco. Alexandre, pasa sen medo que en canto saias vas ter unha chea de padriños virtuais. :)

Actualización mañanceira: Ao final chámase Pedro e xa leva unhas horas con seus pais. Confeso que se me empañaron un chisco os ollos co post de Opaco desta mañá, todo grazas ao PDA, ao GPRS e a ese xeito tan fermoso de contalo. Marabillas da tecnoloxía ao servizo das marabillas do ser humano... Ben, paro antes de que me dea un subidón de azucre. Moitos bicos e parabéns! 
16.6.04
 
O cartel



O co-ramista paleón ten na súa bitácora a versión en boa calidade para que imprimades e peguedes por aí, así como unhas cantas indicacións da comisión de festas para que colaboredes no atrezzo. Sobre estilismo, transporte e outras cuestións fundamentais hai un interesante debate nos comments de máis abaixo.  
14.6.04
  Sigo sin dar, e por riba hoxe púxenme coma unha nécora (cocida) despois de estar todo o día á raxeira no Pazo de Baión. Por máis que me embadurne agora de bodymilk tarde piei: xa non quito esta marca de ciclista en todo o vrau. Iso si, o venres co mandilón de manga sisa pode colar como que estiven apañando patacas de sol a sol.

Novidades sobre a festa: polo visto xa se presentou algún despistado o venres pasado nas Crechas preguntando pola agroparty esa (rebautizada por dot como "día do orgullo pailán"). Recórdovos que é este venres a partir das 11. Xa temos as chapas encargadas; van molar, e ademais van servir para sufragar os gastos da comisión. E tamén teremos unha caste de caixón para intercambio de camisetas/gorras. Podedes ir coa vosa toda raída de Talleres Churrillo e volver para a casa con outra da discoteca Chantecler. Se tedes de sobra, levade, que haberá xente con falta dela. O mandilón non custa máis de 3 euros en calquera mercado ou praza de abastos.

Polo demais, a finde volveu ser tricoastal e etílica. O sábado á mañá compartín vermús con Cesare e agora vexo que tamén compartimos pensamentos. Gustaríame quitarme do tabaco, do alcol e dos blos, pero xa o di aquela famosa pintada ourensá: quieres pero no das.

Engádega (como me gusta esta palabra): aquí embaixo estase facendo unha lista de xente que vai confirmando a asistencia. Ten razón paleón: isto xa parece unha voda. Prégase que a pamela sexa de palla.  
11.6.04
  No doy dado. Vaia semaniña peluda que levo: o neuronio non me dá para máis. E como non teño choio abondo vou e métome a organizar unha festa. Menos mal que hai quen traballe, e ademais ben. Paleón xa montou a web dedicada ao AgroPop-Art e á Agroparty do vindeiro venres. Como din os gabinetes de prensa máis relambidos, "se ruega máxima difusión".  
7.6.04
  Varon Dandy. Por se non estades atentos aos comments, ou por se alguén non cría que ao final a fosemos facer, aviso que xa está confirmada a AgroParty para o vindeiro venres 18 na Casa das Crechas en Santiago. E xa temos creada a comisión de festas, formada por Paleón (que xa ten unha idea para o cartel), Caladinha, servidora e todo aquel que queira axudar. O concurso de ideas para a ambientación da festa bateu todos os records de comentarios e de visitas neste blog, e aínda segue aberto. Agradécense todas as aportacións, mesmo as que veñen da diáspora. Como a de nando, que propón levar papeletas electorais do PP, ou a de Abrilsempre, ese xenio do FreeHand, que anima á concorrencia masculina a ir arrecendendo a Varon Dandy: Sei que era um potente afrodisíaco para que as mulheres caesem rendidas ante os homes, senóm mirade este cartel:



Toda esta extensa gama de cosméticos para o home era do ano 1960. Para que logo digan que a metrosexualidade é un invento do século XXI.


 
 
O cura ilusionista



Xa que andaba por alí cerca, e nun plan tan pouco laico, púidenme ter pasado o sábado pola homenaxe que lle fixeron a Xosé Manuel Carballo, o cura de Castro de Rei. Eu coñecino de pequena cando nos viña montar obras de teatro á mocedá da miña parroquia, naqueles tempos en que escapaba da casa da aldea para ir destranjis ás reunións da confirmación (si, tiven unha infancia un pouco atravesada). De cando en vez poñíase a facer algún truco de maxia e eu ficaba apampada. Foi dos primeiros en dicir a misa en vernáculo pero en vernáculo do pueblo: nunca deixou de dicir Dios. E ademais era un pouco zurdo e apoloxeta do rural, algo ben raro nas leiras de nuestro obispo José. "Teño o corazón pequeno para recibir tantas emocións", dixo Carballo no acto ao que asistiron unha chea de magos de toda Galiza, que se confesan todos discípulos del. Podendo facer trucos, quén quere milagres.  
6.6.04
  Devoción. Que a qué parte da nosa xeografía me levou Dorinda esta fin de semana, preguntaranse os ávidos e fieis lectores deste blog. Pois a esas miñas queridas terras de Lugo y su provincia, nomeadamente as da metade norte, que de sempre foi a miña área de influencia (non me pregunten nin por ónde queda Ferreira de Pantón). O sábado xantei cos vellos en Valado City e logo acompañeinos a un cabodano no noso Idaho privado. Atendín moi ben á misiña sen abrir a boca nin presinarme, saudei e comentei a calor que ía con boa parte da miña raza paterna e logo de tomar uns cafés con parte da materna collín de novo ruta, aínda máis pró norte.

O destino eran as festas patronais de Bonitoville. E xa que fora á misa pola tarde, á noitiña tocou procesión para honrar a Virxe do Carme e de paso preguntarlle pra ónde carallo estaba mirando o pasado mércores pola noite. Aboríxenes e caboverdianos baixaron a santiña ata o porto, onde foi recibida polas sirenas de todos os barcos, engalanados e lavadiños para a ocasión e para partir nos próximos días para a costeira. Emocionante, sobrecolledor, fíxenme mogollón de devota. Que volvan todos, e que traian ben de bonito: cartiños pró pueblo e solaz pró bandullo.

Logo xa nos botamos ao paganismo e a rezarlle a santo BombaiConRefresco. Perro festaza a da Santiña, amenazada polas orquestras Colores e Jerusalén. Comprobei a existencia de algúns mitos locais como Ardito, Matouse ou Valú e tiven curiosos encontros con compañeiros de xogos da infancia. E acordeime do devota que son da Mariña, esa gran descoñecida. Xa me tarda agosto para volver alí tomar o non-sol nesas praias focegas e poñerme morena a base de autobronceador.

O domingo tocaba outra vez procesión matítima pero non nos demos subido ao barco. Comprobamos cánto ben traballan as costureiras da zona para que as mulleres dos armadores se poidan lucir na sesión vermú, e logo xantamos na grata compaña do clan Partre durante tres ou catro horas. Qué ben se come nas Casas Baratas. Hase volver, ha.  
2.6.04
  Horacio Dopico xa está aquí. Teño o inmensísimo pracer de presentarlles, por fin, a portada da novela Baixo Mínimos, do meu amigo Diego Ameixeiras. Gábome de ter sido a primeira persoa que a leu, e como boa Carmen Balcells que estou feita, a miña misión agora é darlle propaganda. Nuns poucos días estará nas librerías así que xa poden ir aforrando uns euros para comprala, que vou a comisión.



O detective Horacio Dopico, que esperta pola mañá co recordo da súa ex-muller, recibe o encargo de investigar o asasinato do avogado Adrián Seivane. Aparentemente é un caso resolto, xa que policía detén a varios activistas do GIA (Grupo Independentista Armado) e case ninguén dubida da versión que ofrece a Consellería de Interior, que apunta ás hostilidades militares da banda. Sen embargo, na corrupta cúpula da Consellería non confían nas súas propias mentiras e queren saber algo máis sen que interveñan as forzas de seguridade. Esa é a razón pola que, para solucionar o asunto, acuden a Horacio Dopico, que acepta o traballo porque desde que está divorciado cultiva a conciencia todos os vicios que se lle poñen diante do nariz. “Baixo Mínimos” é unha magnífica novela do xénero negro que abre a porta pola que entra na literatura galega o detective privado Horacio Dopico.  
 
Estás bébeda, Jenna?



Algunhas xa se adiantaron ao noso encontro alcólico-pastoril. Eis a última investigación dos servizos secretos da VA-CA.  
1.6.04
  Proposta. A ver. Ándase xestando nos comments deste blog unha idea para a próxima festa temática, que parece que é a moda e aquí ben é sabido que estamos sempre ao quite. Trátase da I Festa Agropop da Galiza. O conceito, desta vez, é reivindicar a nosa ineludíbel orixe pailana, e socializar e botar uns pés nunha caste de verbena posmoderna que, penso eu, debería ser en Santiago. E, de paso, pode ser unha excelente ocasión para facer dunha vez esa quedada noturna compostelá que o blogmillo tanto precisa. Aí van uns cantos detalles que podemos consensuar:

- Data. Un venres deste mes de xuño. Eu digo o 18.

- Lugar. Propoño as Crechas, a falta aínda de falar co encargao, pois colle ben xente dentro e fóra. Pero admítense todo tipo de suxerencias dos hostaleiros composteláns. Razón aquí.

- Precisamos voluntarios para decorar o garito (ese AgroPop-Art) e publicitar o evento vía blogs, fliers e conferencia de prensa se fai falta.

- E por suposto, os dilleis. Ofrezo a miña extensa discoteca, ou máis ben caseteca, de éxitos pailáns de onte e hoxe. Dende Ana Kiro ata Pimpinela pasando por A Roda e os Yellow Pixoliñas. Tampouco faltarán Cañita Brava nin a Orquestra Compostela, nin Sabela nin Pinto D'Herbón.

- Dress Code. Eles: Pantalón vaquero gastao ou mono de faena tipo Saprogal. Elas: mandilón de manga sisa dos que cruzan por diante, que sen nada por baixo queda do máis sersi (vid. Uxía Blanco en Sempre Xonxa). Eles e elas: Palillo na boca. Este último detalle será im-pres-cin-dí-bel.

- Tróspiros. Augardente e licor café da casa, absolutamente ilegal.

- Agasallos e/ou premios. Dende a cobizada visera do supermartes ata un mañuzo de grelos. Se alguén está disposto a donar un becerro para a rifa, mellor que mellor.

E todo o que vos vaia ocorrendo. Como vedes, pode ser a festa máis anticool do ano. Esa é a idea. Ei, carballeira! 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
setembro 2003 / outubro 2003 / novembro 2003 / dezembro 2003 / janeiro 2004 / fevereiro 2004 / março 2004 / abril 2004 / maio 2004 / junho 2004 / julho 2004 / agosto 2004 / setembro 2004 / outubro 2004 / novembro 2004 / dezembro 2004 / janeiro 2005 / fevereiro 2005 / março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger