Todo nada
31.5.04
  Anúnciese aquí, cap. LXVIII. Pois aínda vai ter razon Cesare cando me chama cousas raras no seu blo. O caso é que o meu correo vaise enchendo de novidades que me manda a xente sabendo que aquí cuspo todo aquilo que me chama a atención, amén das miñas resacas dominicais, que non lle interesan a ninguén. Un colega lugocho-vigués reenvíame esta nota de prensa do Colectivo Nemo de Fantasía e Ciencia Ficción anunciando a creación da web do Proxecto Ibercon, que consiste en celebrar de forma conxunta a Convención Hispana de Fantasía e Ciencia-Ficción (HispaCon) e os Encontros de Ficção Científica e Fantástico de Portugal, fundidos nun proxecto maior: a primeira xuntanza ibérica do xénero fantástico da historia, con traducción simultánea en tódolos actos do programa principal. A data, no ano 2.005.

O Colectivo Nemo son xente de Vigo que decidiron deixar de ser meros espectadores para se adicaren a dinamizar a bisbarra viguesa fomentando a Fantasía e a Ciencia-Ficción en todas as súas facetas, favorecendo a creación de novas obras. Organizan tertulias sobre o xénero onde falan de libros e pelis de culto e tamén de xogos de rol. Fan ciclos de cinema de zombis e mesmo se atreven a facer teorías bizarras sobre a introducción da cría de miñocas arrakianas no noso planeta. Na foto, unha destas criaturas:



Dá gloria ver que o galego tamén é dos friquis. Risco debeu ser o primeiro.  
30.5.04
  O Medulio está no Caurel, pásalo. Que guai, o meu ex-profe de ximnasia do Caurel acaba de me mandar un correo (atoparía o e-nderezo polo blo?) para ver se difundimos a súa teoría, bastante documentada, sobre a localización do mítico Monte Medulio. Di Orlando: Se o tedes a ben, reenviádelle este correo á xente que este interesada nestes temas. É importante espallalo para animar ós investigadores e así contribuír a salvar o Caurel, que parece que o están agochando para adicalo a algunha cousa ¡¡productiva!!, .........

O artigo completo está nesta web.  
 
Ladinamo



Andan os de Ladinamo protestando porque o goberno da Comunidade de Madrid quixo impedir un concerto que organizaban con Fermín Muguruza no cartel. Podedes darlles o voso apoio nesta páxina, e nestoutra ver unha reportaxe que sacou Telemadrid sobre esta asociación cultural, que empezou hai dous anos cunha revista -que seica ademais é moi boa, eu aínda non tiven oportunidade de a ler- e agora fai de todo no que se refire a activismo cultural, convertendo, como di o seu nome, a corrente en movemento. Un bo exemplo de que non é tan difícil facer cousas con gusto, compromiso e boa audiencia. E sen subvención.  
 
Cedespantallos


"Os sedes eses están colghados para que os páxaros non coman a lechugha". Tía María de Ordes.


Mangado outra vez de Paleón, ese ollo público. Grazas a el, a Opaco e a Caladinha por descubrirnos o AgroPop-Art
  Adeus, maio. Dorinda levoume o venres a Lugo a visitar a familia e os amigos locais, que os teño un pouco abandonados. Tamén houbo visitantes ilustres, entre subcomediantes e musas cibernéticas. O atuendo de colexiala era bastante precario, pero puxen dúas coletas e saín rapazzear por aí adiante. Antes da school party fomos a outra festa, a de despedida do Emo como local noturno. Había incluso máis xente fóra que dentro, convidaron a queimada e llintonis, e canto mellor se estaba no garito máis pena nos daba que fose a derradeira noite, así que antes de poñernos prenostálxicos arrancamos para o Glam. Uns bares morren e outros emerxen, así é a vida. Bailamos todos o repertorio Superpop que nos serviu DJ Toxo e o Bombai baixou coma se fose auga. Non o era, decateime á mañá seguinte.

Pola tarde, co piloto automático collín de novo a A-6 e perdinme un pouco polo concello de Bergondo ata chegar a Mariñán para confabular un pouco co "lobby do toxo". Non se confabulou gran cousa pero fixen moito turismo polo extrarradio coruñés: tascas en Betanzos, tróspiros en Carral e, non me preguntedes cómo, acabei as tantas da mañá na verbena das Encrobas, bebendo solysombra nun trofeo do tiro e bailando AC/DC revisitado pola orquestra Philadelphia. O cómo logrei chegar á casa ao amencer sen perderme polas pistas do monte Xalo abaixo é máis misterio aínda.

E hoxe, logo dunha ducha a cámara lenta puxen as gafas de sol e boteime ao paseo a que me dera o soliño e o aire do mar e recuperar endorfinas. Xa estou nova. Con isto dou por rematada esta tolemia viaxeira e etílica que foi o mes de maio. Dáme que xuño aínda vai ser peor. 
27.5.04
  Arredemo. Para enredar un pouco, que falta fai.  
  E non menos falta fai un sindicato de xornalistas, a ver se vai desta. Eu xa estou máis fóra que dentro do gremio, pero á hora dos cubatas secundarei calquera moción.  
26.5.04
 
O hobbit



Faltoume tempo para postear sobre a visita que lle fixemos o venres ao Hobbit de Asteasu, nunha charla-tertulia que deu no MACUF, pero estaba agardando a crónica de Jean-Sol, que o escribe moito mellor ca min. Só mencionarei, de pasada, a posterior homenaxe que nos demos no restorán da Domus e a miña pouca habelencia á hora de manexar a pala do peixe. Puretas que nos poñemos, ás veces.

Abofé que Atxaga é un home sabio e encantador. Mais para encontros encantadores, o do sábado en Vigo coa señora dot. Ten razón contra, molan moito estas blogcitas a cegas. A ver que pasa coa próxima bloquedada: xa hai por aí propostas de Santiago, Vigo e Vila de Cruces, para o mes de xuño. Para unha muller bicoastal coma min o sitio non é problema.

Off topic: Da pala do peixe e doutros temas vitais fala hoxe moi ben Pereiro, a propósito da Real Volta a España: "Está, pois, claro, o superfluo dos debates sobre o Enlace por un lado e os seus beneficios colaterais sobre a educación nacional por outro. O que se debería tratar a fondo é se non se pasaron coa campaña de promoción principesca, a tenor da máis que efusiva reacción do persoal en canto os divisa por aí. Que lle empezas a coller gusto a ser plebeyo e acabas convertíndote en populacho".  
25.5.04
 
Skoolparty



O Gran Mimón pediu permiso para usar o conceito nos carteis e fliers da V Festa Inmadura que organiza a pandi do que foi O Badulaque, o mellor programa de radio/webzine que se escoitou/viu dentro e fóra da muralla de Lugo nos últimos tempos. E aquí teñen o irresistíbel deseño. A cita é este venres en Valado City e todo o mundo está convidado. Se queren ver unha blogueira vestida de colexiala -farase o que se poida- cantando, bailando e facendo o idiota, non o deberian perder. 
22.5.04
 
Froilán



Aquí o próximo Pocholo do 2030, a pouco que herde as afeccións de seu pai.

Na miña casa fixemos royal brunch a Duquesa, Jean-Sol, o Home Tranquilo e mais eu, mirando prá voda dende o máis resacoso dos republicanismos, celebrando o morazo que leva o rei, deplorando a sobreactuación de Letizia e reclamando que nos devolvan o medio euro por este coñazo de cerimonia. ROUCO E PERTEGAZ DIMISIÓN!

Arranco pra Vigo.  
 
Dando ideas



Engadido: Mirade pró noso Peñafiel particular.  
21.5.04
 
Glamour de palleiro



Pois si, opaco, tamén tiña pensado falar do Festival de Cans, ou polo menos anuncialo. Polo pavero da convocatoria e porque teño colegas na organización e nas curtas participantes. Cans é unha "parroquia do Porriño, situada no val de Louriña, na Costa do Confurco. 459 habitantes. Conta con varios clubs, pero ningún é de iates. Este ano celebra o seu primeiro festival de cine".

Debo dicir que case é máis doado ir á Cannes da Franza que non a este festival, que só ten aforo para 200 persoas e non sei se non se venderían xa todas as entradas. Pero é máis barato ir ao Porriño, así que non perdedes nada por achegarvos a dar unha volta e poder dicir, vós tamén, que estivestes no Festival de Cans. Aquí Miss Costa Oeste aínda non sabe que fará, con tanta oferta para a fin de semana e o meu máis ou menos firme propósito de acougar. Coma sempre, Dorinda decidirá.  
 
Héctor



Unha idea para fuxir o vindeiro sábado pola mañá, debates de femias á parte, é ir á sesión das doce a ver Héctor. Non o de Troia senón o da fermosísima película de Gracia Querejeta. Nela dinse unhas cantas verdades e cóntanse un feixe de historias emocionantes desas que lle pasan á xente normal. Non só a Héctor -Nilo Mur: dende Billy Elliot non tivera eu un ataque de pedofilia similar- tamén a Adriana Ozores -que ben traballa esta muller; en poucos días vaise transformar en Carmen Avendaño e volverá estar xenial-, ao seu home Joaquín Climent ou a Unax Ugalde, que ademais de ser moi guapo é bastante bo actor. Como curiosidade, veredes que nunha secuencia leva posta unha camiseta dos Diplomáticos. Mágoa que non apareza a foto na extensa galería que trae a páxina web, unha das máis curradas que vin do cine español. En todo caso, facede por ver a peli se non é que a quitaron xa do cartel.

Agora estou vendo en Días de Cine unha reportaxe moi ben feita sobre o festival de Cannes. Meteron unhas imaxes da xente mendigando ao pé do felpudo vermello, e dos traballadores do cine pedindo melloras laborais. E, sobre todo, falan das películas que é o que importa. Unha semana despois, fago repaso mental da miña cativa estancia en tan magno evento. Houbo quen botou en falta na miña crónica o glamour... O glamour existe, amiguiños, pero non é mais ca un paripé deses que, como todas as cousas ridículas deste ridículo mundo, só son divertidas se as compartes con alguén.

Por exemplo, con Antonio Gasset, que acaba de botar unha aguilloada das súas sobre as belidas rapazas que se ven nos hoteis luxosos de Cannes acompañando a señores que lles pagan os cafés a 25 euros, "e o que faga falta". Iso, nin máis nin menos, é o puto glamour.  
20.5.04
 
O selo real



By Álvaro Valiño. Ai ho, por medio euro non sei a que vén tanto queixarse.  
19.5.04
  Traballiños. Martina nació en Bielorrusia, tiene treinta años y es guardaespaldas. Durante esta semana será la encargada de revisar minuciosamente todos los baños y servicios que yo utilice, buscando artefactos explosivos. No entiende español, ni yo hablo ruso, por lo que no he podido preguntarle qué le pasa por la cabeza cuando se encierra en un lavabo —antes que yo— y me salva con silenciosa experiencia de la muerte. Tampoco me imagino qué le responde a sus hijos cuando le preguntan "¿y tú de qué trabajás, mamá?". Tampoco sé qué habré de contestar cuando mis hijos me hagan esa pregunta. Por eso Martina y yo nos parecemos; por eso nos sonreímos en silencio cuando ella sale y yo entro a los lavabos. Es que ambas tenemos trabajos extraños.

Isto quiteino do diario de Letizia. E dun xornal mexicano, velaquí a voda vista polos taxistas de Madriz. Tanto a ligazón como esta imaxe que xa poden empezar a poñer nas súas webs choreillas a Nacho Escolar.



 
  Máis letras. Hoxe estivemos escollendo e aquelando a foto de Diego para a contracapa desa novela de inminente publicación. Logo dun ano de xeira editorial e de múltiples impresións, moito me tarda vela xa en forma de libro. Xa queda moi pouquiño para que saia. Quietas, nenas: axiña veredes o novo sex-simbol da narrativa ourensá.  
 
A foto da egoísta



Mangado da bitácora de Paleón. Neno, es o meu heroe. :))))) 
17.5.04
 
Butelo



Tanto falar de exceso de letras, e xa vai facendo falta unha imaxe que alixeire este blog. Se é que un botillo do Bierzo pode alixeirar algo. Un parecido a este é o que papei onte enteiro e que me proveerá de forzas para toda a semana. Por certo, que o butelo dálle nome a un novo blog sobre audiovisuais. Nada que ver co presidente de Filmax, espero.  
  Letras. Pois non haberá como a casiña dun pero levo unha semana que parece que non teño casa. Co gallo, ou coa excusa, da ponte das nosas letriñas, montei campamento base na República de Beymar e percorrín 4 provincias atendendo a comenencias chuzo-culturais do máis diverso. Breve repaso:

- Venres das nosas letriñas. Fun con Jean-Sol Partre e mais a Duquesa de Bovouard ver o concerto ese da diversidade titulado Ao pé da letra, que reivindicaba a música en galego e tal. A valoración global está entre o psé, o pois bueno e a agre sensación de que fóra do que vimos (6 grupos con dúas cancións cada un) non hai moito máis. E que se cadra todo o público obxectivo deses músicos estaba alí metido, co auditorio mediado. Ou que o resto do público obxectivo está pouco afeito a ter que pagar por ver eses grupos e por iso non foi. E que un dos problemas da música contemporánea en galego é o exceso de letras, en canto a extensión e tamén a pretensión. Como me dixo hai tempo Cesare que dixera Tarradellas, en Galiza sobran textos. Eu engado: faltan retrousos. Máis tarde, na Reixa, produciuse un espontáneo cónclave de personaxes de As túas balas certamente divertido: o propio Cesare, Kate, Fufli, a recente incorporación de Shoto-Kan... Os seguidores do mellor blo en galego, que me consta que son moitos, pagarían por asistir a ese who's who.

- Sábado das nosas letriñas. Xantei coa Duquesa e con Kate, fixemos un visionado perverso de Encontros e arrincamos para Pontevedra á sesión vespertina do Foro da Verdade, que incluía unha mesa redonda sobre, teoricamente, medios de comunicación, e un recital poético. Conclusións deste último: alguén debería estudiar a razón do gusto das poetas galegas polos crucifixos. E, de novo, unha chea de boas intencións. Pero a min séguenme sobrando letras.

- Domingo das nosas letriñas. Viaxei de copilota con Cesare ata o Bierzo para asistir ao III BNKT D KKBLOS (en terminoloxía vieiresca), a confraternizar cos galegofalantes de alí e algúns galegoescribintes de aquí. Rum e mais eu pedímoslle ao do restaurante un diploma por ter acabado cada unha o seu butelo, e despois uns cubatas para facer a dixestión e reafirmarnos no noso campionismo nazonal-gastronómico. Mola isto de non ter que conducir. De volta aínda paramos no Caurel para tomar uns chismes nun precioso sitio chamado O Pontón e ver unha festa que xa onde ía que rematara. Pero atopamos xente e quedamos un anaco. E encontreime co meu profe de ximnasia do instituto, que é de alí, e acordámonos do paquete que eu era no plinton e no poldro e dos exames teóricos que me permitían aprobar. Nostalxia, ningunha. Mais foi divertido volvelo ver.

- Día das nosas letriñas propiamente digamos. Non fun á praia, ao contrario que Barreiro Rivas (en Beymar temos montado o club de fans) pero vinme prá Coru co propósito máis ou menos firme de deixar por un tempo esta vida bicoastal, que está guai pero acaba cos cartos e co aparato dixestivo. As nosas letras van máis que celebradas. Agora, a traballar. 
13.5.04
  De volta. Ben, veño toda mallada de Cannes, pero ou fago un post agora ou calo para sempre. Como non sei por onde empezar, aí van uns cantos retallos:

- Non levei cámara, entre outras cousas porque non teño, e tampouco son moi amiga de quitar fotos. Pero aí van dúas imaxes que me quedarán na memoria: María paseando de tardiña pola Croisette coa Variety debaixo do brazo (toma toque profesional) e María subindo a alfombra roxa con vinte fotógrafos disparando os seus flases sobre min. Non porque eu fose a equivalente chairega e A.D. de Juliette Binoche, senón porque logo viñan eses fotógrafos venderche o retrato para a posteridade. Por suposto, non comprei.

- O da alfombra roxa non creades que foi tan espectacular. De feito, fun á inauguración do festival, pero ao segundo pase, cando Almodóvar e toda a troupe xa se estaban chuzando nunha carpa non moi lonxe de alí. Había que ir traxeado de todas formas, pero non había ninguén famoso. Ou famosos a nivel premios Agapi pero de alí, ou sexa, todo nada. Aínda estou a tempo de soldar a etiqueta e devolverlle as prendas a Adolfo, visto que aquí non casa ninguén.

- Porque o que fixemos alí onte á noite foi ver A Mala Educación e máis nada. Direi que me gustou ben pouco. Mesmo os franceses, que están empalmadísimos con Almodóvar, a penas aplaudiron cando rematou. O mellor da peli, Alberto Ferreiro, a quen xa teño fichado dende Soldados de Salamina. Hai que investigar as orixes dese apelido pero xa.

- Logo, por culpa da insistencia dunha trepa lituana, houbo que ir tomar algo ao Hotel Majestic, onde seica se vendía todo o peixe. Mirei na carta o 'algo' máis barato que había, que tivese alcol, e foi unha copa de vine blanc a 6,5 euros. Cago no glamour de dios.

- O resto dos tres días que estiven foi moito falar inglés, e pegarme á xente italiana que é á que mellor se lle entende. Digamos que fun a unha caste de colonias para aprender algo máis sobre o negocio que me paga as lentellas e de paso coñecer xente de toda Europa que ía ao mesmo ca min. Non estivo mal.

- De glamour, rien de rien. Quitando o paso pola alfombra roxa, onde máis me divertín foi escrutando a prensa internacional que ía cubrir o festival. E os máis famosos que vin alí foi a xente do gremio dos críticos españois: Pumares, Diego Galán, Boyero... Creo que aínda non ían moi borrachos pero pouco lles faltaba.

- E logo, no Air Cal Pita de volta, cadrou que viñan parte das chicas Almodóvar que estiveran onte na inauguración (na de verdade) do Festival: Marisa Paredes, Carmen Maura e Ángela Molina. De resaca e pouco glamurosas, a verdade. O bon foi que como viñan VIPs no avión convidáronnos a cava, cando no Air Cal Pita de ida (o das señoras que ían xogar os aforros a Saint-Tropez) non nos deran nin o café de despois de comer.

- Do resto non sei qué máis contar. Veño aborrecida de avión e de aeroportos, o ambiente dos aeroportos (nomeadamente Barajas) é algo que aínda non superei. Menos mal que no tempo de espera estiven lendo unha fermosa novela que me afastou convenientemente de todo ese mundo tan lambido de executivos con traxe e prensa cor salmón debaixo do brazo. Pillade Orixe cando poidades: é bonita, sensual, conmovedora e esperanzadora. Unha terapia ideal para ler nese deprimente reducto de yuppies de aeroporto, por fortuna minoritario.

- E agora de volta neste recuncho de occidente que ninguén coñece de non ser polo Deportivo e por esa (gratuíta) secuencia da peli de Almodóvar que pon en letras ben grandes 'GALICIA', xa podo facer miñas as palabras de Dorothy no Mago de Oz: Non che vos hai como a casiña dun. Son así de pailanciña, que lle vou facer.  
10.5.04
  Vive la France! Levo aqui so unhas poucas horas e xa me esta molando un punhao este pais. E mais, se puidese facer a matricula online na Alianza Francesa non agardaba a chegar alo. Aqui todo o mundo fala frances (obvio) e soa marabilloso, por iso me da rabia que os meus conhecementos do gabacho se limiten a un ano de optativa no instituto e à impagàbel lectura de "El frances sin esfuerzo". Como me fie moito deste libro do ano da polca vou acabar falando coma Louis de Funes, asi que a minha primeira aventura francoparlante foi acudir a un quiosco e arramplar cunhas cantas revistas para me ir afacendo. Para a minha sorpresa defendinme bastante ben con frances oral (non fagan chistes) e entendinlle ao vellote do quiosco todo o que me dixo (empezando por "Tout ça?" cando me viu todos o monte de papeis que estaba diposta a levar), e el tamen me entendeu ben as 4 frases que lle dixen. Vamos, que se non é pola cara de Cervantes no envés dun euro delator nin se decata de que son estranxeira. ça va bien.

Aqui as revistas de cinema en vez de regalar propaganda trapalleira regalan camisetas, polo menos este mes, dedicadas unhas ao festival de marras, outras a Kill Bill e, as mais delas, as duas cousas. Todas bastante guapas. Merquei Cahiers du Cinema (como non), Premiere e outra da que non lembro o nome, e con elas xa arranxei tres regalos e unhas cantas horas mortas no hotel e mais no avion. Tamen pillei a Cosmopolitan, pola conha e por comparar como estan as francesas en materia de lercheo, lin algo nun bar e co pouco que pillei xa botei unhas risas diante dunha bier (a canha sabe igual que a de alo). E unha revista de Nouvelle Cuisine para o convalecente Jean-Sol se ponha ao dia, agora que ten vagar.

Contaria mais, por exemplo da viaxe Madrid-Niza nun Airbus tamanho Cal Pita, rodeada de cincuentonas andaluzas que tinhan toda a traza de viren xogar os aforros a calquera cutrecasino de Saint-Tropez. Menos mal que se me sentou a caron un negrazo de 2 metros e todo traxeado que vinha lendo o Marca todo calado, favor que agradecin. Cannes so o vin de lonxe e de momento so sain do hotel de Le Cannet (unha vila a 2km) para dar unha volta, mercar a prensa e bloguear. Isto non ten moito mais que ver. Manha sera un dia intenso, xa propiamente en Cannes, e pasado tamen, asi que vou cear algo e para o hotel, que tenho moito que ler, e a durmir coma unha santinha.

Ademais estes gabachos falan que da gloria oilos pero à hora de escribir tenhen uns teclados que non hai dios que entenda, levo unha hora aqui xogando ao Twister cos dedos, e prendendo nas teclas coma cando facia escalas no piano do conservatorio. O post este vai todo atrapallé pero xa bastante esforzo intelectual fixen hoxe. Bicos a tout le monde. 
9.5.04
  Voyage, voyage. Estooo... que mañá marcho uns diíñas a Cannes. Non a Cans do Porriño, que tamén promete, se non á mesmísima Côte d'Azur, mira pra min. Comenencias laborais á parte, vou basicamente a practicar idiomas e facer un pouco o pailán polo mundo adiante, cousa que se me dá moi ben. E, xuro que de rebote, a inaugurar o Festival de Cine enfundada nun fantástico modelito que lle comprei a ultimísima hora de onte a Adolfo, gastando uns cantos euros que non tiña e unha tarde de resaca, que vaia se tiña. Total para ver a película de Almodóvar, mira ti, e por riba vai chover. Todo sexa polo glamur. Amigos con parella estábel: xa podedes ir casando, que teño un traxe que amortizar.

Na maleta levo tamén a novela de Séchu e un libriño de 1958 titulado "El francés sin esfuerzo", regalo de meu pai. Farei por bloguear dende aló pero non prometo nada. Ademais o xoves xa estou de volta. Au revoire!


Para acabar de dar envexa, mirade qué bonitiño é este ano o cartel do Festival:

 
  Sons da normalidade. Vin pola A-6 escoitando un CD de Safari Orquestra que me pasou aí atrás a Duquesa de Bovouard. Sendo unha maquetiña con tres pezas namais, á altura de Guitiriz decateime de que o disco xa ía pola cuarta volta. Bo sinal. Como saberedes, e senón dígovolo eu, son Emilio e Xermán dos Skornabois e Arturo Vaquero (Humanoid). Os dous primeiros empezaron hai xa máis de dez anos petando nas latas de conserva e en bidóns do leite nun cortello de Lourenzá, e agora danlle máis que ben á música desa do ordenador. Poderédelos ver este venres próximo no Auditorio de Galicia xunto con Marful, Dios ke te Crew, Narf e outra xente interesante, dentro do programa Sons da diversidade, que o Concello de Santiago lle dedica a músicas internacionais máis ou menos exóticas. Mola a idea, anque xa me tarda o día en que a música en galego (neste caso pop, rap, electrónica, etc) deixe de ser considerada exótica. É só unha humilde e feble opinión. 
7.5.04
 
Carracha, a película



Nesta tarde estúpida de venres, mato un preciosísimo tempo vendo uns clips da película O ano da carracha, que aínda se estreará este vrao. Podédelos baixar de AVG, se tedes boa conexión. No primeiro saen Javier Veiga e Félix Gómez bebendo cadansúa lata de Estrella na Praza do Ferrol, ao pé da muralla de Lugo. Só polo feito de que a película estea ambientada (e bastante fielmente, disque) en Valado City, seguro que paga a pena. E logo, porque a dirixe Jorge Coira, que é un tipo de fiar e ademais é de Rábade. Dende hai unha semana, que foi cando se presentou a peli no festival de Málaga, xa está colgada a web oficial. Algo chupiguai para o meu gusto pero xa nos adianta bastantes cousas, por exemplo o simpática e evocadora que vai ser a banda sonora. Podédeslle botar unha ollada mentres descargades os clips, nos que veredes a mala ostia que gasta Luis Castro ou cómo Xulio Abonjo cada día se parece máis a Orlando Bloom.  
 
Achtung!



Outro típico exemplo de post folgazán, de novo abusando dos AsF. Debo ter algo de astenia primaveral, así con n. Entre varias obrigas e varias ofertas de ocio musical, alcólico e audiovisual, aínda non decidín qué farei hoxe da miña vida. Probabelmente, durmir.  
5.5.04
  Non vai ser todo fútbol. Onte, un de cada dez galegos (27% de share) estivo vendo o especial "Os Tonechos van á obra" en vez do partido. Logo din que o deporte embrutece as masas. 
  A mamar. Veño de ver o partido nun bar de porreros. Mañá xa nos contarán os xornais o encontro minuto a minuto, pero aí vai a miña secuencia, que debeu ser algo así:

Que hai, partido hoxe?
"Kdms n Borrazas"
Ai, que chego tarde
Joder que ambientazo, como van?
Uiiiiiiiii
Boh!
A ver hostia a ver
Calvo cabrón!
Pon outras cañas aí, ho
Penalti. E o calvo pitouno. Cagámola
MO-LI-NA, MO-LI-NA!
Agora si que a cagamos
Ale, que remontamos
Pero a qué andades ho?
Quietos, que sae Tristán
Como defenden estes cabróns
SMS de Jean-Sol: Como vamos, dios
Uiiiiiii
Boh!
Isto é un sufrimento, que acabe dunha vez
Ale, prá casiña
Que se debe?
Bueno compañeiros, xa era moito gañar
Por riba chove e venta que dá gloria
Polo menos vai o Porto á final...


En fin, que se o sei quedo na casa lendo un libro, ou, xa de pasalas putas, vendo o Especial Tonechos que botaba a TVG (veríao alguén?). Como se ve tampouco son tan forofa así que non chorei como as raparigas que enfocaban as cámaras do plus. Así e todo, aupa dépor. Ata mañá.

P.S.: Coruños e portuenses axiña se puxeron a bloguear. Os máis rápidos, da parte de acó, Vendell e deneno. Da de aló, Boss e cía. Algún futblogueiro máis? 
3.5.04
  Intro. E outra máis, Caladinha, da que tamén me permito copypastear esta historia marabillosa:

Hoxe toca unha historia verídica (e que ademais, foi verdade, como diría o outro ;-)

Nestes tempos revoltos de apostasía e perdición e abandono da fe, un rapaz de 6 anos asiste por primeira vez á celebración eucarística da rama católica do cristianismo (ou que ven sendo o mesmo, vai á misiña).

O cativo fíxase con atención que cada vez que o oficiante pronuncia a palabra "amén", de xeito automático, tódolos congregados dan unha resposta ó unísono.

Despois de fondas cavilacións e ó rematar a celebración, pregúntalle á súa nai:

- Mamá, "amén" quere dicir "intro"?


Eu sei dunha que con aínda menos anos e bastante menos bits, pero igual de agnostizada, no medio dunha eucaristía (ou da comuñón, propiamente digamos) tiroulle a súa mai pola saia ao berro de "eu tamén quero patacas fritas!". Bauticen os seus fillos, fáganlle á súa vergoña ese favor.

 
  Girl Power. Catro cafés e un par de boas novas máis tarde, que diría Carrie Bradshaw, vou estando en condicións de bloguear, pero a modo. Así que vai un destes post folgazáns para darlles a benvida ao blogmillo a outro par de frebas: Emereci, dende BCN e, dende Ogrobe, Bom (xa nos tardaba coñecerte). Ascárida, mira aí a ver se xa logramos a paridade.  
  Outro en Stand-By. De Partre de Jean-Sol, que nolo teñen secuestrado: "FREE JEAN-SOL ABU JAMAL". Agardamos que hoxe por fin o ceiben. Seguiremos informando, ou mellor que lles informe el cando volva, se lle peta.

 
 
zzzzzzzzzzzzzz



Así estou despois dunha fin de semana multicoastal total. En canto me recupere tentarei reanudar a emisión. Entretanto desculpen as molestias, e procuren falar baixo. 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
setembro 2003 / outubro 2003 / novembro 2003 / dezembro 2003 / janeiro 2004 / fevereiro 2004 / março 2004 / abril 2004 / maio 2004 / junho 2004 / julho 2004 / agosto 2004 / setembro 2004 / outubro 2004 / novembro 2004 / dezembro 2004 / janeiro 2005 / fevereiro 2005 / março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger