Todo nada
29.8.04
  VSQN. Recén chegada do meu retiro mariñao, atópome con esta auténtica marabilla de blog. Fódeme non poder evitar a pregunta. Quen serás.

Grazas a ascárida, sempre atenta, que tamén reparou noutras interesantes novidades.  
27.8.04
  FESTIVAL DO HUMOR. En vista do éxito e do nivel acadados, e como vexo que o pasades moi ben vós soíños mentres eu me recollo espiritualmente baixo o ceo encapotado de Foz, non me penso matar máis e aí vos vai outro, de colleita mariñá:

Un inglés afogando na praia da Rapadoira:
- Help! Heeelp!!!

Un focego dende a beira:
- Gel non teño, se che vale champú...



Postearei algo máis antes de marchar prós iuesei. Biquiños.

 
20.8.04
  Falando de Ordes. E xa que empeza o (meu) tempo de lecer, propoño que cadaquén faga memoria, perda a vergonza e conte aquí o peor chiste que máis graza lle fixo. O meu di así:

- Tus deseos son Órdenes.

- Y los tuyos Puentes de García Rodríguez.



A ver quen o supera.  
 
Dios ke te crew



Coa metade do corpo que me queda útil pásolle o ferro a un monte de roupa mentres escoito o disco dos Ghamberros que lles comprei o sábado pasado despois de velos actuar en Navia de Suarna. Por cinco euretes e asinado por un dos membros, que resultou ser o artista do fotoxó que me amañou a foto de Vieiros (mil grazas again!). Sabido é que non son eu devota do xénero, pero estes non están nada mal, polo menos as letras teñen certa graza e as bases fan abanear algo máis que a cabeza padiante e patrás (sería diso a contratura?). Só lles achaco que se metan máis con Aznar e co Rei que cos políticos locais, co xogo que podían dar. Pero mola moito ver/escoitar uns rapaces de Ordes facendo música do Bronx en galego. Mesmo sen melodía creo que agora mesmo son do melloriño que hai. Non deixa de ser un síntoma.

Podedes mercar o cedé (venderon máis de 400 en dúas semanas!) ou escoitarlles algunha peza na web de Falcatruada, que se esforza bastante en promocionar os grupos de aquí anque non sei se lle quitarán carto algún a tanto e tan necesario traballo (prégase confirmación ou rexeite). E no GZ Today do luns saíu unha reportaxe sobre a escena do hiphop en Compostela, que parece gozar de boa saúde. Se non fose unha relixión, e se eu fose un chisco máis nova, aínda me apuntaba. 
19.8.04
 
Fraga girls



Mentres o PP quere pedir que comparezan no Congreso as oito ministras por teren aparecido nas revistas Vogue e Marie Claire, parte do consello de redacción de Rapazza debate se deberiamos sacar unha reportaxe coas nosas conselleiras en plan faxion. Cesare dubida que se lle poida aplicar a calquera das dúas o termo "rapazza", por iso vén de idear a revista Ser+, para as mais -sen til- galegas do século XXI. A fin de contas unha é conselleira de Familia, Etcétera e Voluntariado (menuda asociación de ideas) e a outra de Asuntos Sociais e Etcétera, co que calquera das dúas tería moito que aprenderlles ás proxenitoras deste país o cómo ser mai, faxion e membra do gabinete de Fraga ao mesmo tempo. Fíxense senón en Pilini, que entre peluco, anelón e colar non leva menos de medio quilo enriba. Con iso tanto ten ir así de despeluxada. Mariagosé, en cambio, vai de discreta pero véselle que lle mola o rollo hardcore con ese conxunto de napa granate. Así e todo, aplaudo que se afasten do modelo Corina vs. Manolita de anteriores lexislaturas e se inclinen por este desapercibido termo medio. Xa é hora de reivindicalas. Cal é a súa favorita?  
 
Fastum Gel



O peso da cultura non vos é unha coña. A contratura muscular que teño desde onte, provocada polo carrexo de libros e tebeos de antonte, tampouco. E aquí estou laiándome na casa, papando antiinflamatorios e administrándome fregas de Fastum Gel na zona do pescozo-ombreiro en vez de estar en Lugo na estrea do Ano da Carracha, que era o plan. Daba algo por ver a lletsetiña local alternando co faranduleo, e por que non dicilo, por mazarme en V.C. a golpe de xoves, pero mellor así que mañá hai que traballar, por última vez antes das vacacións. E se non me mola a peli, aforro paripés. Xa pagarei por vela, en versión orixinal.

Igual que fun ver, pagando e noutro arranque de militancia, A Promesa. Adormecín dez minutos polo medio e pesoume non ter roncado a película enteira. Disque vai de morto que non vai de vivo... ergo, aforrade os cartos e xa a veredes na teuvegá. O proselitismo, ata certo punto.

Sígome laiando. Da contratura tamén. 
17.8.04
  Viñetas. Unha das vantaxes deste tempo de tolos é que podes dispor da tarde para facer o que che dea a gana sen te sentir na obriga de ir á praia a aproveitar, ou a perder, un día soleado. Cousas igual de mundanas e pracenteiras como rañar a barriga vendo os 200 metros volvoreta ou dar unha volta polo centro cun paraugas na man e as gafas de sol na outra, que esta cidade é así de imprevisíbel. Estes días están co Salón do Cómic, que é das poucas cousas que se salvan do rancio agosto coruñés (en mala hora chufei esta cidade por ser "festeira"). E alá fun facer gasto. Nunca fun eu moi devota da novena arte. Quitado Mafaldas, Astérix, Tintíns, Carrabouxos e Castelaos pouco me tiraban de pequena a min os tebeos, entre que eran cousa de nenos (masculinos) e o que presumía eu de ler libros sen santos e coa letra apretada a tan tenra edá. Por iso teño un défice importante de cultura de cómic. Por iso e porque no meu proletario colexio público andabamos todos máis pendentes de escapar das bullas cos das casas sindicais que de andar lendo tebeos por aí. O lumpen infantil do barrio da Milagrosa non deixaba moita chance ao friquismo, ese vicio pequenoburgués.

Pero A Coruña é outra cousa, claro, e aquí o gusto polos libros pintados vai dende o alcalde (friqui number one) ata calquera rapazolo estudado nos Salesianos. Está ben. Isto da feira do cómic permíteme facer acopio de exemplares que o resto do ano nunca compraría. E como non teño nin puta idea pillo bonito e variado, o que me entra polos ollos. Aqueles dos que teño mellores referencias (Ralph König, Daniel Clowes) ou que están de actualidade (Superlópez en "Monster Chapapote"). Ou, na miña ansia de facer patria, o último dos autores galegos, recollidos en BD Banda ou nas antoloxías do certame de BD da Xunta ou das Xornadas de Ourense. Excelente nivel. Total, unha pastiña, que penso amortizar nas miñas vindeiras xornadas de dolce far niente na costa luguesa. Xa dixen que só me quedan tres días para as vacacións???

Dous apuntamentos para a nostalxia:

1) A perralleira exposición sobre os dez anos do Xabarín. Só me prestou ver un vídeo dunha Xabaxira (ano 96 ou por aí), e recuperar a Kussondulola e As Amarguinhas. Que sería deles?

2) Entre tanto debuxo e fanzine acordeime de Vagalume, unha estupenda revista infantil-xuvenil que se editou en Galiza a finais dos 70 e da que na miña casa había ducias de exemplares, ata que un día alguén (seguramente miña mai) os botou a lume. Aínda choro só de pensalo. Se alguén garda algún exemplar e está disposto a vendermo, ou anque sexa prestarmo para miralo e apalpalo unha soa vez, pago cartos.



Débolle moito a esta revista e a meu pai por conservala. E iso que pechou antes de que eu nacera. Pero ensinoume que en galego había cousas divertidas e enxeñosas, feitas por rapaces e para rapaces e que falaban da aldea e da cocacola, e que me prestaban máis que o Don Miki. O ano que vén faranse trinta anos deste primeiro número. Viñetistas, que mellor ocasión para facerlle unha homenaxe. 
 
Valado queer



Grazas a revelde atopo o blog de Decadenzzia Gonsales, compoñente dese trio de drags que arrasa en Lugo, provincia e parte do estranxeiro. Co ego tan subido como as plataformas, Decadenzzia está disposta a contarnos lo que me salga del coño, que se divide en: de luns a mércores, temas de actualidade (tipo Carmina Ordóñez) e de xoves a domingo, divertidas crónicas do Glam Nights. Como sabedes, un dos garitos onde mellor o paso de Valado City, anque tampouco hai moito onde escoller. Non leva nin un ano funcionando e xa son os reis -as raíñas- da noite luguesa, pensando en ampliar negocio. Fronte ao postureo, petardeo. Longa vida ao Glam.  
16.8.04
 
Thorpe



Imaxes fermosas do día (2).- As deste enlace que me pasou Cesare pola mañá mentres me retransmitía as sucesivas perdas de claras medallas do deporte español. Ide dereitas/os á fotogalería e mirade o cachondo que está o noso nadador favorito. Declaramos a nosa total caída de bragas/gallumbos diante de semellante torpedo sessuarl. Vivan as antípodas.  
 
"Ha retumbado el nooooo...


...y ha hecho correr a cien diablos".


Imaxes fermosas do día (1).- Hugo Chávez cantando o himno de Venezuela dende o balcón do Palacio de Miraflores diante dos seus milleiros (millóns) de seguidores. Á parte de non terlle feito mal ningún ao seu país, ou polo menos non máis que outros, é que este home cáeme ben, ou polo menos mellor que os outros. Non sei se dicir parabéns ou menos mal.  
11.8.04
 
Proba superada

 
9.8.04
  Máxima audiencia. Iso é o que hai que conseguir esta noite para o o novo programa de humor e variedades que estrea a TVG e que promete darlle algo de aire fresco á nosa apodrecida grella autonómica. Dirixe Suso Iglesias, presenta Manquiña e nel traballa xente como Morris, Quico Cadaval, Miguel Anxo Murado, Federico Perez, Víctor Mosqueira, Evaristo Calvo, Pablo Novoa e un longo etcétera que ofrece bastantes garantías. Ata o mesmísimo Luis Rial ten unha sección propia, e polo que me contaron as parodias á telegaita son do mellorciño . Así que tododiós a velo, e se tedes audímetro con máis razón. Que polo menos a audiencia non sexa excusa para quitalo ás 3 semanas. Mañá comentamos. 
8.8.04
  Cheiro a santidade. Boísima, boísima a reportaxe que sae hoxe no GZ Today sobre a peregrinaxe dos jóvenes católicos. Asina o meu colega Carlos Meixide, que se estrea no xornalismo escrito sobrado de calidade e de sutil mala hostia. A non perder. 
6.8.04
 
Alerta cristiá (*)



A Coruña será chunga e as súas festas aínda máis, pero os bicoastal coma min temos moi claro ónde non hai que estar esta fin de semana. Como a Santiago non lle chegaba coa invasión de peregrinos, turistas e manifeirantes de diversa pelaxe, agora acolle a famosa Peregrinación de Jóvenes. 30.000 criaturas cantando polas rúas "Yo tengo un amigo que me ama" (pero de foder xa nin falamos), "Alabaré" ou "Que bote la madre superiora". Non é tan distinto do que canta a mocidade calquera xoves compostelán a altas horas camiño da zona nova, pero neste caso fano á luz do día e sen pinga de alcol polo medio. Que os ature Cristo. O único que me consola é pensar que están todos aquí. Quero dicir, ou quero pensar, que non debe haber moitos máis jóvenes cristianos enfervorizados no mundo que estes 30.000 (vale, ponlle 50.000 se chega a vir o Papa). Qué mágoa non aproveitar para rebautizarlles a auga bendita cunhas ghotiñas de augarrás.

Falo dende a distancia pero co recordo dificilmente borrábel de aquel verán santo do 99 que pasei en Compostela, vendo pasar as hordas cristiás dende un pisiño da pouco católica rúa do Pombal. Pero Fran P. Lorenzo está estes días vivíndoo en directo e así nolo conta. Tamén fala doutro evento relixioso aínda máis bizarro: a celebración do V Congreso Nacional "Camino a Roma" de conversos á fé católica, no que un grupo de persoíñas contan cómo entraron en razón, con testemuños do tipo: "Don Ivan Lupadin, judío converso (Rusia) y profesor universitario en Moscú; Doña Aurora Roig, atea y marxista, luego evangélica y hoy católica (Barcelona); Doña Mónica Vázquez, periodista joven, conversa de una vida hedonista a una vida casta (Argentina)...'' e así até o final: "¡Ven y escucha testimonios impresionantes!'', en plan teletenda.

A min non me importaría nadiña acudir á conferencia da tal Mónica Vázquez para preguntarlle polas vantaxes que atopou na súa nova vida casta, non vaia ser que esteamos nós aquí facendo o parvo con tanto hedonismo e amor libre. Aínda correndo o risco de que me convirtan a outras sectas máis perigosas, estaría ben ir ao tal Congreso, só para saber qué é o que se fai cos nosos cartos.

Os veciños de Santiago, eses si que teñen gañado o ceo.


(*) A inclusión da foto esta é deliberada manipulación, xa que non se corresponde aos jóvenes cristianos que están estes días en Santiago. Ou talvez si. É o primeiro que me saíu buscando "Miles Jesu" no google (páginas de España), por indicación de Fran.  
5.8.04
 
ALERTA LARANXA



Ben é certo que durante un ano quedamos cansos de berrar "dimisión" e que ninguén dimitira. Ben é certo que isto dos lumes é algo co que levamos convivindo moitos anos, que a todos nós nos ardeu un piñeiral cerca e que tal vez nunca pensaramos que a culpa fora da Xunta. Ben é certo que se cadra non é, pero de novo clama a este ceo cor laranxa o berro de INCOMPETENCIA. Se cadra de novo urxe demostrarlles aos políticos que a cidadadanía xa non cala a boca nin torce a vista para o outro lado da estrada. Se cadra é de novo o momento de reaccionar, pero primeiro hai que estar informados, e os que andamos por internet non temos excusa:

- En Galiza Indymedia tedes abondosa información procedente de diversas fontes, oficiais e extraoficiais.

- Tamén na páxina da Burla Negra, que convoca para hoxe ás 19.30 unha asemblea aberta de urxencia para ver que se fai.

- Cadeas humanas de veciños en Avión e Boborás. A que nos recorda?

- A Fundación para o Patrimonio Natural de Europa bótalles a culpa ás "equivocadas políticas forestais".

- Este texto no foro de Vieiros (ás veces trae cousas útiles) apelando a que a Plataforma Nunca Máis se deixe de caralladas e volva canalizar a resposta popular.

- Xosé Luís Barreiro, brillante coma case sempre, ten claro quén é o responsábel deste fracaso en materia forestal. O culpábel de que lle arda o monte ao pé da casa, señora.

- E os aduaneiros sem fronteiras, esta vez bombeiros, sempre ao quite.

Propaguen a información, antes de que os helicópteros da Xunta a intenten extinguir.

Máis:

- En Galizalivre tamén se están a currar bastante a contrainformación, e entre as múltiples causas do problema (aquí unha comisión de investigación había flipar) sinalan dúas. Unha estrutural, o despoboamento rural, apuntada polo SLG; a outra parece conxuntural e de puro caciqueo: os 6.000 postos de traballo que regala a Xunta a costa de ter que apagar incendios. Mesmo teño escoitado que hai brigadistas que se encargan pola súa conta de ter o choio asegurado. Iso, ou opositar, ou marchar a Canarias. De novo, o fallo é estrutural.

- Debe ser por iso que non é tan fácil, ou non interesa, dar cos móbiles do crime. Nin o mesmísimo Sherlock Holmes sería quen de investigar.

- Sen embargo, aínda que nos queiran pintar que o problema é demasiado complexo e difuso como para poñerse a solucionalo, como en todo hai causantes con nomes e apelidos, siglas e ata inscrición no rexistro mercantil. Non deixedes de ler Incéndios florestais. História e presente, documento elaborado por António Garcia Matos no que analiza o entramado de empresas, partidos e grupos de presión interesados en que os montes sigan ardendo. O vello conto das árbores e o bosque.

 
 
María Pita 2004



Malia todo, esta cidade é tan chunga...
 
3.8.04
  Neoloxismos: "Palleira" e "Cheíñas".

Nova entrega da Fonoteca Todonada, que sempre lles aprende palabras novas. Esta vez grazas á Cadena Ser e á inestimábel colaboración do multilingüe (e macrolingüe) Mariano Rajoy.  
  Abonda de mariconadas. Vexo que quedei fatal demostrando máis ignorancia e atrevemento que Pe Ceta e Chabeli Iglesias xuntas coa miña cutre apoloxía dos paseos marítimos, así que estou disposta a comerme o anterior post con patacas para non ferir sensibilidades estéticas nin ecolóxicas. Logo de pasar a finde pasada acampada á beira do río Ulla, nun marco incomparábel sobre o que queren facer o enésimo encoro, recupero o meu aprezo polos espazos naturais. As pernas que traio todas rabuñadas de toxos, pedras e silveiras non opinan o mesmo e case estarían polo do encoro se vén acompañado dun paseo de madeira á beira do río e etcétera, pero así nos vai por pensar coas pernas e non coa cabeciña. A conciencia traballa mellor cunhas botas de goretex.



Ao que ía, que para non seguir decepcionando a audiencia por fin déixome de facer o conas e vou ver Kill Bill Vol. 2. Despois de pasalas putas cunha escena debaixo da terra e pipa coa somanta mutua entre A Noiva e Daryl Hanna pódome volver facer a chica dura, que mola moito máis. Anque no fondo, como ao final Uma Thurman, e como supoño que todo o mundo, tamén teña o meu corazonciño de tiramisú. Vou encargar unha catana en Taramundi, a ver que tal se me dá. Se non levo moitos por diante, polo menos valerá para rozar nos toxos a próxima vez. 
Maroutallos Sen Alma, Inc.


ARQUIVOS
Setembro 2003 / Outubro 2003 / Novembro 2003 / Dezembro 2003 / Janeiro 2004 / Fevereiro 2004 / Março 2004 / Abril 2004 / Maio 2004 / Junho 2004 / Julho 2004 / Agosto 2004 / Setembro 2004 / Outubro 2004 / Novembro 2004 / Dezembro 2004 / Janeiro 2005 / Fevereiro 2005 / Março 2005 /


BUSCADOR
Google
Web todonada.blogspot.com


PROPAGANDA

Powered by Blogger